Letras galegas 2020

A Primavera das Letras de Ricardo Carballo Calero comeza no CEIP Cruceiro de Canido

A Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol) a nova edición do proxecto Primavera das Letras, dedicada a Ricardo Carballo [Carvalho] Calero. A institución ofrecerá a través deste espazo na Rede de acceso libre, primaveradasletras.gal, contidos lúdicos e didácticos que achegan a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020 aos nenos e nenas de infantil e primaria. Os primeiros materiais dispoñibles trazan unha biografía do homenaxeado, ofrecen unha visión de conxunto da súa obra como creador literario, detéñense tamén na súa Historia da literatura galega contemporánea e convidan a saber máis sobre a súa cidade natal, Ferrol, e o teatro e a ópera, dúas das súas grandes afeccións. Os contidos desta edición elabóranse co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

As propostas inclúen tanto actividades interactivas como fichas descargables para xogar e aprender sen necesidade de conexión a Internet, relacionando o universo vital e intelectual de Ricardo Carballo Calero con distintos aspectos do currículo escolar. A web enriquecerase nas vindeiras semanas con novos recursos sobre a poesía de Carballo Calero, a cidade de Lugo, onde viviu quince anos, ou a lusofonía. O proxecto complétase co concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras, que premiará un ano máis as mellores propostas dos centros educativos arredor do 17 de maio.

A presentación de Primavera das Letras foi a primeira homenaxe da Real Academia Galega a don Ricardo deste ano. A celebración, conducida pola directora do CEIP Cruceiro de Canido, Concepción Requejo, tivo como protagonistas os alumnos e alumnas do colexio, que o lembraron cunha representación teatral e musical. Por parte da Academia interviñeron o presidente, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey. O acto contou coa presenza do alcalde da cidade, Ángel Mato, e o concelleiro de Educación, Antonio Golpe.

Concepción Requejo deulles a benvida aos representantes da Academia, subliñou tamén o estreito vínculo con Ferrol de Carballo Calero e gabou a súa traxectoria. "Pasou a infancia no barrio de Ferrol Vello, tamén foi docente nela, nunha escola chamada Centro de Ensinanza Xeral que estaba na rúa Dolores, onde actualmente hai un centro comercial", recordou sobre o veciño ilustre que "dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galega".

Víctor F. Freixanes agradeceu a acollida do CEIP Cruceiro de Canido e salientou na súa intervención a escolla de Ferrol, "primeira patria de Carballo Calero", como punto de partida da Primavera das Letras, "unha iniciativa que incorpora as novas tecnoloxías ao coñecemento da lingua, da literatura e, neste caso, dunha das grandes figuras das letras do século XX". "O Día das Letras Galegas é unha festa para todos e a Real Academia Galega ten especial interese en que os nenos e as nenas participen tamén na celebración dun xeito activo, lúdico e, asemade, didáctico", xustificou. O proxecto tamén se dirixe aos mestres e mestras, cuxo traballo fai posible que o Día das Letras Galegas sexa realmente "unha festa durante todo o ano", valorou.

Don Ricardo visto polo alumnado

Fina Casalderrey, encargada de presentar a Primavera das Letras, puxo tamén o acento na importancia que a RAG lles concede ás novas xeracións. "A Real Academia quere manter un vínculo duradeiro con vós porque sabe que a verdadeira primavera para a nosa lingua e a nosa cultura está na xente nova", díxolles aos nenos e nenas. Asemade, felicitou a rapazada e o profesorado pola cálida acollida. "Don Ricardo sentiríase especialmente feliz e emocionado se puidese presenciar a vosa homenaxe", concluíu.

Os rapaces e rapazas de 5º e 6º trazaron sobre o escenario un percorrido pola biografía do autor, recitaron versos da súa autoría e fragmentos da súa primeira novela, A xente da Barreira, e ofreceron unha representación do seu conto "As pitas baixo a choiva", do que tamén fala a Primavera das Letras. "Xunto coa axuda do equipo de dinamización da lingua galega e demais profesorado do centro, os nenos prepararon en apenas tres semanas esta achega á figura de Ricardo Carballo Calero, un ferrolán que amaba a súa terra e de grande importancia para Galicia polo seu compromiso coa cultura e polo coidado da nosa lingua", conta o responsable do equipo de dinamización da lingua do colexio, Pablo Fuertes Dopico.

Cinco anos de Primavera das Letras

Primavera das Letras fornece os nenos e nenas de infantil e primaria de material lúdico e didáctico arredor da figura homenaxeada cada 17 de maio dende o ano 2016, dedicado a Manuel María. Os materiais da primeira edición e das seguintes, dedicadas a Carlos Casares, María Victoria Moreno e Antonio Fraguas, poden consultarse nunha das seccións da web.