A poesía de Delgado Gurriarán faise canción

A música está moi presente na poesía de Florencio Delgado Gurriarán, tanto polos temas que expón en parte dos seu poemas como polo ritmo dos versos. O autor era un grande amante da música, un mundo que nesta celebración do Día das Letras Galegas dedicado á súa figura está a renderlle homenaxe con propostas dende distintos estilos. Artistas como Sheila Patricia, Manoele de Felisa, Raúl Diz e Fátima Delgado e Babykatze presentan nestas datas cancións baseadas en composicións do autor valdeorrés. Novas interpretacións que se suman a outras como a de Anxo Rei.

O cantautor valdeorrés Anxo Rei comezou a cantar a finais dos anos 70 poemas de Florencio. Os primeiros elixidos foron "Pintura de feira" e "Galicia infinda". Dúas décadas despois, no ano 2003, no centenario do nacemento do poeta,  foi tamén o primeiro en levar a un disco versos do protagonista deste 17 de maio. O álbum, Fronteira de cegoñas. Verso de Florencio D. Gurriarán, está composto por once cancións, entre elas este “O ventiño namorouse”, que volveu interpretar na biblioteca que leva o nome do poeta para a serie de micropezas da RAG Polos vieiros de Florencio

Tamén dende terras ourensás, Raúl Diz acaba de presentar un álbum no que converte en cancións “Liorta”, “Miudezas. Matanzas” e “Dores do agro”, así como “Reiseñor” e “Aí vén o maio”, estes dous últimos poemas versionados no seu día por Anxo Rei. O traballo, De Córgomo a Fair Oaks, pode escoitarse no perfil de Todomedre na plataforma Bandcamp. O segunda voz da banda Os Amigos dos Músicos, mestre de profesión, mergullouse no proxecto dende a escola, co propósito de achegar os seus alumnos e alumnas á poesía a través da música, conta na revista Vinte, aínda que o resultado transcende o ámbito educativo.

A aposta da poeta e actriz Fátima Delgado, familiar do homenaxeado, pasa por fusionar os versos de Florencio coa música electrónica indo da man da arxentina Babykatze, instalada en Vigo dende hai anos. O seu espectáculo, “Poesía e pulso”, propón unha actualización da obra do autor dende unha visión contemporánea.

Non é a primeira adaptación musical que chega dende a familia do poeta. O seu neto José Miguel Delgado escribiu esta composición para coro para o poema "Nomes", estreada polo Houston Chamber Choir en marzo de 2016.

Manoele de Felisa quere tamén renderlle a súa propia homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán cunha escolma de poemas cantados que reunirá no libro disco A infinda Galicia. Incluirá, entre outras, versións musicais dos poemas “A traxedia dos castiñeiros. O castiñeiro morto”, “A caldeira” e “Nomes”. O cantautor de Cuntis dará a coñecer os primeiros sinxelos este mesmo mes.

Sheila Patricia, unha das voces da nova canción de autora, celebra as Letras Galegas 2022 cun espectáculo en solitario titulado igual có primeiro poemario do Delgado Gurriarán, Bebedeira, no que musicou varios dos seus poemas. “Foi un pracer facer este traballo de composición musical para estas letras, tan coloridas, tan divertidas e tan bailables. Poeta reivindicativo pero tamén festivo”, conta nas súas redes sociais.

Dioivo escolleu o poema "Hai sede na nova Galicia" para celebrar a Delgado Gurriarán dende o metal. O tema súmase a outros do dúo vigués inspirados nas letras galegas como "Sempre pola morte esperas", con letra de Rosalía, ou "Retorno a Tagen Ata", baseado na novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Xurxo Souto elixiu o mesmo poeta para celebrar as Letras Galegas 2022 e fixo cantar os versos ao público que asistiu a un dos actos de Valdeorras Infinda.

A tomiñesa Lara Villaverde e o tudense Fran Gómez puxéronlle música a "Un guerrilleiro", poema que Florencio dedicou a Antón Arias Clavel, militante do Partido Galeguista e tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras, fusilado en 1940 polos golpistas. A composición foi incluída no Cancioneiro da loita galega (1943), publicado polo Partido Galeguista en México.

Dende o mundo escolar, Nacho Hermida, un dos pais do proxecto educativo musical Cholo e Nela e mestre do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, presenta unha versión chea de alegría de “Aí vén o maio”, que interpreta xunto a nenos e nenas de infantil do seu colexio noutra colaboración da serie Polos vieiros de Florencio, e tamén no videoclip dispoñible na canle de Youtube do centro educativo.

O músico Samuel Soto tamén se suma ás homenaxes musicais a Florencio Delgado Gurriarán, aínda que a súa é con letra propia. A canción que compuxo é percorrido pola vida do autor, seguindo unha fórmula que repite dende a celebración do Día das Letras Galegas de Antonio Fraguas no ano 2019.

A música é igualmente unha aposta xa consolidada na celebración do Día das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Na véspera do 17 de maio o seu Concerto das Letras correrá a cargo de Zoar, que estreará no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras "Diásporas", peza composta pola ribadense Carme Rodríguez a partir de catro textos do poemario Galicia infinda. O cuarteto interpretará ademais creacións musicais relacionadas coa diáspora mexicana de compositores como Jesús Bal y Gay, Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter.