A poesía de Delgado Gurriarán: da sensualidade e a musicalidade do son mexicano aos versos antifranquistas

O mes de maio arrinca cheo de versos do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, tamén dende o audiovisual. A Real Academia Galega estrea hoxe o cuarto episodio da serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, unha entrega centrada na poesía do autor valdeorrés que descobre unha traxectoria poliédrica que abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano. O episodio pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da Real Academia Galega.
 

O crítico literario e escritor Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, divide en tres etapas a produción poética de Florencio Delgado Gurriarán: a da poesía de preguerra, debedora do hilozoísmo de Amado Carballo e na que destaca o seu primeiro libro, Bebedeira (1934); a da poesía de combate, con composicións moi belixerantes e satíricas contra os golpistas, algunha delas sobre o propio Franco; e a do poeta que emerxe décadas despois, o Florencio de Galicia infinda, “o seu mellor libro”, valora Miro Villar neste capítulo.

“En Bebedeira a natureza sae por todos os lados, unha natureza animada”, resume o docente e escritor Julio Pérez Veiga, outra das voces que ganduxan este percorrido pola poesía do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o vindeiro 17 de maio. “Estanos a trasladar a paisaxe [de Valdeorras] a través do que el recibía dela: esas cores, eses cheiros, esa luz que despois reflicte nos seus poemas”, engade a directora do proxecto As Letras de Florencio, a filóloga Débora Álvarez Moldes.

O presidente da RAG incide noutro elemento clave na obra que inaugura o legado bibliográfico de Florencio: a sensualidade, expresada a través dun universo no que a boca da amada sabe a garnacha. “É un libro da alegría de vivir, da reivindicación e da afirmación da sensualidade da vida, do amor, dos costumes e das tradicións da terra de Valdeorras. Por iso se titula Bebedeira”, apunta Víctor F. Freixanes. “Mesmo podemos dicir que Florencio Delgado Gurriarán é un poeta erótico con toda a contundencia da palabra, nun momento en que a poesía amatoria era moito máis recatada”, subliña Miro Villar. “Bebe moito dunha poesía á que lle gusta a sensualidade dos corpos, do desexo. E iso é algo que el empeza na literatura galega xunto con Ricardo Carballo Calero”, contextualiza.

Poesía política
A segunda etapa, vital e como poeta, de Florencio Delgado Gurriarán está marcada polo golpe de Estado, aínda que con anterioridade a xullo de 1936 xa cultivara a poesía política, matiza o académico Xesús Alonso Montero, en referencia a poemas de claro contido galeguista e sociolingüístico previos á sublevación militar. O primeiro deste tipo, “Opinións sobre o galego”, é de 1931, moito antes de que Celso Emilio Ferreiro escribise “Deitado frente ao mar”, que comeza co verso tantas veces citado e recitado “Lingua proletaria do meu pobo”, recorda o académico en Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, outra das achegas editoriais sobre o protagonista das Letras Galegas 2022.  

Parte da poesía propiamente de combate vería a luz durante a guerra nas páxinas de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde publicou, entre outros, versos satíricos sobre Franco como “Home pequeno, fol de veneno”, no que retrata como “alacrán con mando” ou “cobra pezoñenta”. Estes poemas serían reproducidos no Cancioneiro da loita galega (1943), editado, xa no exilio, polo Partido Galeguista en México.

“Estaba orgulloso da súa poesía política, aínda que quizais sabía que moitos dos seus poemas deste tipo literariamente non eran gran cousa, así o dixo el”, comenta Alonso Montero. Seguiu, de feito, a cultivar o xénero despois da guerra e recompilou vellos poemas xunto a outros novos n'O soño do guieiro (1986). O volume debe o seu título á poesía sobre Castelao, o “Guieiro noso”, que o abre. 

‘Galicia infinda’, unha “xoia literaria”
O poeta máis plural e completo aparece nas páxinas de Galicia infinda, editado dende Galicia por Galaxia no ano 1963, cinco anos antes da súa primeira viaxe ao país dende o exilio. “Hai unha serie de temas neste libro que o fan unha xoia literaria no conxunto da súa obra”, sentencia Miro Villar. Entre eles, unha mestizaxe galegomexicana que abrangue dende as paisaxes ata a lingua, con composicións que incorporan ao galego léxico náhuatl e topónimos mexicanos como “Xarabe tapatío”, “Xacaranda” ou “Atotonilco”.

Miro Villar destaca a forza tímbrica destas incorporacións ao servizo da creación poética, á que lle engade en ocasións os ritmos da terra de acollida. “Son poemas cunha musicalidade importante e, de feito, ten moitos, como ‘Rumba’ e ‘Noiturno da noiva jarocha. Son veracruzano’ nos que a musicalidade non está só no título, senón que tamén se escoita”, pon como exemplo o historiador Ricardo Gurriarán, familiar e autor da biografía de referencia do homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista.

Débora Álvarez Moldes pon ademais o acento no labor minucioso de revisión que fai o poeta da súa propia obra. “Detrás da sinxeleza da súa poesía hai traballo e elaboración. Sempre me chamaron a atención as innumerables copias dos mesmos textos con ese retoque infindo, sempre estaba a reescribir”, conta na serie documental.

Un percorrido vital e literario en cinco capítulos
Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda arrinca co retrato máis próximo e íntimo dun home de carácter alegre e conciliador, amigo do baile e da música, como demostra parte da súa poesía. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana, na que se implicou activamente nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas, e o 3 céntrase no exilio mexicano, onde foi un dos artífices da revista Vieiros. Tras o cuarto capítulo dedicado á poesía de Delgado Gurriarán, o xoves que vén a RAG estreará o derradeiro, sobre a lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.

Micropezas e a Primavera das Letras para a infancia
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, xa para o público máis novo, está a convocar a comunidade escolar arredor de Primavera das Letras, páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.

Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.

Novas edicións e un simposio
No apartado de publicacións, a Academia ofrece xa nunha edición especial en versión dixital o discurso de ingreso na institución de Delgado Gurriarán como académico correspondente. Neste texto, conservado no arquivo da RAG, o poeta lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a prol da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.

A Real Academia Galega publicará ademais proximamente unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois.

Xa no outono, como é costume, a institución reunirá distintas voces especialistas no simposio académico dedicado ao protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Tras o verán tamén se resolverá o concurso escolar Primavera das Letras.