Letras galegas 2020

A pianista Rosa Torres-Pardo ponlles música aos versos de Carvalho Calero na voz de Lucía Álvarez

Ricardo Carvalho Calero quixo ser recordado como poeta. Na poesía deixou retratado o seu eu máis íntimo, as súas inquedanzas e a procura da transcendencia. En pleno confinamento, a pianista Rosa Torres-Pardo e a actriz Lucía Álvarez rendéronlle homenaxe acompañando os seus versos doutra linguaxe que sempre fascinou o protagonista do Día das Letras Galegas 2020: a musical. A concertista, gañadora do Premio Nacional de Música na modalidade de interpretación, prestoulle a súa música a "¿Onde está o verso?", un "monólogo interior" en forma de poema que soa na voz da intérprete ourensá. O tributo pode verse nesta ligazón.

Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez
Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez

A Rosa Torres-Pardo e Lucía Álvarez sorprendeunas o confinamento tras regresaren a Madrid dende Lisboa, ata o momento a última parada da súa xira A Rosalía. Concerto para piano e voz emocionada. Dende cadansúa casa, concibiron unha homenaxe a Carvalho Calero seguindo a mesma fórmula que a empregada no espectáculo que crearon arredor da autora fundacional das letras galegas contemporáneas. O primeiro foi a escolla do poema, e non houbo discusión. As dúas artistas sentiron unha conexión especial con "¿Onde está o verso?". "Eliximos este poema un pouco pola situación que estabamos a vivir, en pleno confinamento, na que repensas tantas cousas. Noutras circunstancias podería ser seguramente outro", lembra Lucía Álvarez.

Cando música e poesía se xuntan, o espírito da primeira debe acompañar o do segunda, salienta Rosa Torres-Pardo. Cómpre profundar no ritmo do poema, no sentimento, no que conta..., detalla a pianista, que define "¿Onde está o verso?" como unha especie de monólogo interior. A artista axiña viu claro o acompañamento ao piano para estes versos, incluídos por Carvalho Calero en "Excalibur", a primeira parte de Futuro condicional (1961-1980). "Compuxen xa hai tempo unha obriña, Inside, que ten esa cousa de monólogo interior, inspirado en Satie, unha música pausada e tranquila. Cadrou perfectamente co poema, dende o principio ata o final, non tiven que engadir ningún compás nin nada. É curioso como ás veces as pezas encaixan desa maneira, como se as dúas estivesen escritas a unha para a outra", expresa a música, natural de Madrid pero con vínculos familiares que a unen dende hai tempo a Galicia.

O confinamento obrigou a que as dúas artistas asumisen a gravación do tributo a Carvalho Calero separadas fisicamente e unidas pola tecnoloxía. Foi o seu xeito de celebrar un 17 de maio que noutras circunstancias terían pasado nos Estados Unidos. "O propio Día das Letras Galegas tiñamos previsto actuar en Chicago e tamén tiñamos datas pechadas en Houston, Nova York e Washington", conta a pianista. "O teletraballo está a ser unha solución para unha situación de emerxencia, pero hai que volver ao directo", valora Lucía Álvarez. A actriz devece por regresar aos escenarios coa vida de Rosalía de Castro, a través da propia poesía da escritora e de composicións de grandes da música universal como Bach, o padre Soler, Mozart, Beethoven ou Chopin. Carvalho Calero de seguro gozaría con esta nova ollada á vida e á obra dunha autora que el mesmo admirou e estudou profundamente.