A historiadora Ana Romero Masiá, académica correspondente

A historiadora Ana Romero Masiá (Santiago de Compostela, 1952) foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega no pleno ordinario da institución celebrado onte pola tarde. A nova académica é un referente no estudo da historia da cidade da Coruña e dos seus movementos liberais e republicanos, e conta tamén con destacados traballos sobre os castros e a cultura castrexa e mais sobre educadoras como María Barbeito e Mercedes Tella.  

Ana Romero Masiá é “exemplo, en toda a súa actividade, de compromiso coa lingua e a cultura galegas e coa súa promoción, nomeadamente no referente á historia de Galicia”, salienta a proposta que foi sometida a votación. Licenciada en Filosofía e Letras, Sección de Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, é autora de máis de corenta publicacións individuais e máis de sesenta en coautoría que achegan novos datos á historia de Galicia en distintos momentos. 

Foi directora das escavacións arqueolóxicas do castro de Borneiro entre 1980 e 1989, é directora de publicacións e membro numeraria do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, secretaria da sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do Consello Superior de Investigacións Científicas e ten colaborado coa Real Academia Galega en numerosas ocasións.

A súa tese de doutoramento, dedicada á figura do líder sindical do tabaco Severino Chacón, foi dirixida por Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021), presidente da Academia e catedrático de Historia Contemporánea de Galicia, e mereceu o I Premio de Investigación da Fundación Luís Tilve. No ano 2011 volveu ser distinguida pola mesma entidade, canda Carlos Pereira, co Premio de Investigación e Divulgación Histórica pola obra Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República.

Como docente, Ana Romero Masiá exerceu como catedrática de Xeografía e Historia no ensino secundario dende o ano 1978 e aplicou os seus coñecementos á elaboración de materias e propostas didácticas sobre diversos temas. Foi ademais directora dos institutos Sofía Casanova (Ferrol) e Monte das Moas (A Coruña), membro dos seminarios permanentes de Historia de COU e do Bacharelato LOXSE e profesora do Máster de Secundaria, entre outras responsabilidades docentes e de xestión educativa.