A Facultade de Ciencias Xurídicas de Vigo celebra as Letras Galegas coa resolución do Premio Xosé Luís Franco Grande

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo celebrou este xoves o seu acto do Día das Letras Galegas. No seu transcurso fíxose pública a resolución do III Premio Xurídico de Investigación en Lingua Galega que leva o nome do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020). Na mesma xornada o académico correspondente Clodio González pronunciou un relatorio sobre a figura do tamén académico e xurista Fermín Bouza Brey (1901-1973) como home de letras e vinculado ao dereito. O profesor Xosé Manuel Pacho Blanco foi o encargado da intervención centrada na figura de Luísa Villalta, a autora á que este ano a RAG lle dedica o vindeiro 17 de maio.

O académico correspondente Clodio González durante o seu relatorio. Fonte: DUVI

O Premio Xurídico de Investigación en Lingua Galega Xosé Luís Franco Grande, creado no 2022, ten como obxectivo fomentar o uso do  galego nos traballos científicos no eido do dereito entre o alumnado de grao e mestrado. Na modalidade dirixida ao estudantado da Universidade de Vigo, o xurado concedeu o galardón ex aequo a Raquel Crespo, por un traballo sobre a medida de seguridade de liberdade vixiada pospenitenciaria, e a Lucía Díaz, que presentou unha análise xurídica da vertedura dos granulados que sufriu a costa galega a finais de 2023.

Na modalidade dirixida ás demais universidade do Estado, o premio tamén foi concedido ex aequo, a Diego Suárez, da Universidade da Coruña, e Candela Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela. O primeiro participou cun traballo sobre a ocupación de inmobles na xurisdición española. Candela Fernández analizou na súa investigación os usos da intelixencia artificial no dereito español, e afondou nomeadamente no caso do programa RisCanvi, utilizado nos centros penitenciarios de Cataluña para configurar un protocolo de valoración do risco dunha conduta violenta futura. 

Os premios entregaranse no transcurso do acto de graduación de Dereito da UVigo, o vindeiro 7 de xuño.