A Deputación da Coruña renova apoio á programación cultural da RAG

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron o convenio a través do cal a entidade provincial apoia distintas iniciativas da RAG. O acordo permite desenvolver proxectos como a Primavera das Letras de Xela Arias, a páxina web do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, organizado co gallo do centenario do pasamento da escritora, ou un estudo sobre as prácticas lingüísticas na infancia.

Pola esquerda, Xurxo Couto, Valentín Formoso e Víctor F. Freixanes

Os responsables de ambas as entidades asinaron esta semana na sede da Deputación da Coruña o convenio, dotado con 60.000 euros destinados a financiar actividades culturais da Academia. O presidente da RAG agradeceu a colaboración do organismo provincial, cuxo presidente salientou a importancia de apoiar o traballo da Academia na promoción da lingua e a cultura galegas, “e o seu incalculable labor cos máis pequenos para garantir o futuro do idioma”.

O público máis novo é precisamente o destinatario do proxecto Primavera das Letras, que achega cada ano a figura á que a RAG lle dedica o Día das Letras Galegas aos nenos e nenas de infantil e primaria, e tamén o obxecto de estudo da investigación sociolingüística sobre as prácticas lingüísticas na infancia nos diferentes contextos de socialización. Este traballo avaliará ademais as políticas lingüísticas de infantil e primaria do contorno periurbano.

A Deputación da Coruña financia o 80% do custo das iniciativas da RAG nas que colabora, entre as que tamén figura a edición do Boletín dedicado a Ricardo Carballo Calero.