A comisión representativa da proposición de lei para restaurar o texto do Himno galego presenta o texto á RAG

A comisión executiva da Real Academia Galega recibiu este mediodía a comisión representativa da Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión. Os representantes da RAG agradeceron a Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura; Anxo Louzao, coordinador de Vía Galega; e o catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, estudoso da obra de Eduardo Pondal, a presentación ante a institución do texto, que implica cambios no artigo 4 da Lei 5/1984 de Símbolos de Galicia e na disposición adicional terceira da mesma norma.

Manuel Ferreiro, Xosé Manuel Carril e Anxo Louzao entrevistáronse na sede temporal da Real Academia Galega co presidente da institución, Víctor F. Freixanes; a secretaria, Margarita Ledo Andión; o vicesecretario, Henrique Monteagudo; e a tesoureira, Fina Casalderrey.