A Casa Rosalía concede a Rosa de Galicia a título póstumo a Xosé Ramón Barreiro

A Fundación Rosalía rendeulle homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021) concedéndolle a Rosa de Galicia a título póstumo. O recoñecemento ao académico, presidente da Real Academia Galega durante unha década, tivo lugar no marco da celebración dos cincuenta anos da apertura da Casa da Matanza, onde Rosalía de Castro viviu os seus derradeiros anos, como museo da escritora.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, entrégalle a Rosa de Galicia a título póstumo para Xosé Ramón Barreiro ao seu fillo Álvaro. Fonte: Fundación Rosalía

O fillo do historiador, Álvaro Barreiro López, foi o encargado de recoller o galardón nun acto que contou tamén coa presenza da súa viúva, Beatriz López Morán. A loanza de Xosé Ramón Barreiro foi pronunciada polo seu sucesor na presidencia da RAG e compañeiro do padroado da Fundación Rosalía, Xosé Luís Méndez Ferrín.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asistiu á homenaxe xunto con outros membros da institución. A académica Chus Pato presentou o recital multilingüe no que participaron poetas chegados de toda a península Ibérica.

O deseñador Pepe Barro, autor do novo proxecto museográfico da Casa Rosalía, durante a súa intervención. Fonte: Fundación Rosalía