Letras galegas 2020

A Academia non celebrará este sábado o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega non celebrará este sábado, 31 de outubro, o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero, que ía desenvolverse a partir das 12:00 horas na sede da institución, na rúa Tabernas, 11 da Coruña. A decisión adóptase tras o anuncio das autoridades do peche perimetral das sete cidades galegas por mor do agravamento da pandemia. O acto queda adiado á espera de coñecer como evoluciona a situación sanitaria.

O legado de Ricardo Carvalho Calero ía ser evocado no pleno extraordinario de mañá pola académica Margarita Ledo Andión e os académicos Ramón Villares, Francisco Fernández Rei e Xesús Alonso Montero, dous días despois da clausura do simposio das Letras Galegas, no que unha ducia de especialistas profundaron nas distintas facianas do homenaxeado.