A Academia celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha recompilación dos escritos sobre o idioma de 1916 a 1936

A Real Academia Galega publicará unha recompilación de escritos sobre o idioma producidos entre 1916 e 1936 editada polo académico Henrique Monteagudo. A obra sairá do prelo en dous volumes co gallo do centenario do Seminario de Estudos Galegos. As dúas décadas que abrangue a publicación marcaron notables avances para o galego nos que o SEG tivo moito que ver xunto ás Irmandades da Fala e Nós, actores culturais todos eles imbricados entre si.

Participantes na presentación conxunta da programación do centenario do Seminario de Estudos Galegos

O primeiro volume, Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936) I. O galego, lingua nacional, reúne os textos referidos ao status social, cultural e político do galego. O segundo, baixo o subtítulo A demanda da norma, xunta os que atinxen o seu cultivo e elaboración, cunha atención especial ás contribucións que se deteñen nos problemas do desenvolvemento e da fixación do galego escrito e, polo tanto, nos debates ortográficos.

A Real Academia Galega participa ademais no congreso científico que se celebrará os días 10 e 11 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG), baixo a presidencia e coordinación dos académicos Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Henrique Monteagudo. 

“O Seminario foi un operador da idea de país na que foi a nosa década marabillosa”, salientou a secretaria da RAG, Margarita Ledo, na presentación no CCG da programación que desenvolverán ao longo de todo o ano diferentes entidades co propósito de visibilizar a pegada do Seminario de Estudos Galegos na cultura do país. Conferencias, rutas e exposicións son parte das propostas deseñadas. “É unha programación concibida como un proxecto de país, conxunto, no que cada un colabora na medida das súas posibilidades”, expresou a presidenta do Consello, a tamén académica Rosario Álvarez. Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego, destacou na mesma liña que o SEG foi “unha organización para o estudo do país, para o país e polo país”; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confiou en que neste ano de celebración do legado do Seminario de Estudos Galegos aparezan novos fondos e documentos “duns pioneiro que soñaron cunha Galicia mellor e que imaxinaron as estruturas de país”.

A programación, que arrinca esta semana, pode consultarse no espazo web creado para a ocasión.