'Toponimízate' promove a recolla de microtopónimos en Ponteareas

Ponteareas estrea este mércores 9 de novembro o calendario de charlas de novembro de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia, para a divulgación e a recolla colaborativa dos nomes de lugar tradicionais. A cita será no Auditorio Reveriano Soutullo a partir das 20:00 horas e permitiralle ao público coñecer como funciona a aplicación Galicia Nomeada, que facilita a participación cidadá na recolla de nomes de fontes, leiras, montes e outros microtopónimos; e mais a orixe e o significado dos que designan entidades de poboación deste concello. A charla será impartida polo coordinador técnico da aplicación e do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, presentará o acto.

A recalada neste concello do interior da provincia de Pontevedra non é casual: durante as últimas décadas, e especialmente desde 1990, viviu un crecemento demográfico que o levou a aumentar un 50 % a súa poboación. Isto debeuse, entre outros factores, ao seu desenvolvemento económico e á súa proximidade coa cidade de Vigo. O aumento da poboación, moita dela chegada de fóra das fronteiras municipais, provocou un certo desenvolvemento urbano e tamén un abandono das actividades tradicionais relacionadas co coñecemento do territo-rio, o que pon en perigo a preservación da toponimia tradicional.

Outro dos criterios que se tiveron en conta para escoller este concello como beneficiario da campaña Toponimízate é o feito de que en Ponteareas non se levaron a cabo os labores de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que este estivo activo. 

O Concello de Ponteareas amosou o seu interese en promover a participación local no proxecto Galicia Nomeada para vencellar esforzos e que toda a información toponímica recompilada pola veciñanza deste concello reverta no gran banco de datos da toponimia galega. Xa no ano 2021 púxose en marcha un proxecto propio de salvagarda dos nomes tradicionais en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. 

A participación ponteareá en Toponimízate permitirá traballar cunha metodoloxía común e definida, para que este patrimonio cultural estea dispoñible nun mesmo visor xeorreferenciada e normativizada, de xeito que permita o seu aprovei-tamento desde o punto de vista profesional ou lúdico para todos os galegos e galegas.

Vicente Feijoo, ademais de sensibilizar as persoas asistentes á charla na urxencia de recoller este patrimonio inmaterial, ensinaralles como introducir os topónimos e toda a tradición oral vinculada a eles na plataforma Galicia Nomeada, que ata a data só recibiu unhas 50 achegas públicas neste concello. Esta ferramenta permite ademais achegar fotos, arquivos de son, vídeos ou documentos sobre un topónimo, facer suxestións sobre outros topónimos ou consultar a toponimia recollida por toda Galicia. 

A charla tamén afondará nas historias que agochan os nomes das parroquias e aldeas de Ponteareas, unha parte da sesión que conta coa contribución, na elabo-ración das etimoloxías, do académico de número Gonzalo Navaza. Entre outros topónimos, Vicente Feijoo falará do propio nome do concello, Ponteareas, que fai referencia á existencia dunha antiga ponte sobre o río Tea situada na parroquia de Areas, talvez a Ponte dos Remedios; e mais a un tipo de terreo areento que se atopa neste territorio, posiblemente causado polo paso do curso do mesmo río. A mesma motivación atópase nos nomes de parroquias como Arnoso ou Areas, e de aldeas como O Cribeiro. A voz “cribeiro” defínese nos dicionarios galegos dos s. XIX e XX como “persoa que fai ou vende cribas ou cribos”, pero tamén como “persoa que antigamente se dedicaba a cribar as areas do río”. 

Catro citas máis para rematar o ano
Toponimízate chegará a outros catro concellos durante o mes de novembro. Forcarei, o venres 18 de novembro, ás 12:00 horas no CEIP Nosa Señora das Dores; Guntín, o mércores 23 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura; O Incio, o venres 25 de novembro ás 19:00 horas no salón de usos múltiples da Casa do Concello; e, finalmente, Zas, o luns 28 de novembro, ás 16:30 horas na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio, son os lugares que porán o ramo á campaña, que durante 2022 levará a recuperación da toponimia tradicional ata un total de 17 concellos.