'Movendo os marcos do patriarcado', unha ollada ao pensamento feminista de Pardo Bazán

A académica Marilar Aleixandre e a tamén escritora María López Sández presentaron este mércores na sede da Real Academia Galega o libro Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán. As autoras estiveron acompañadas no que foi o fogar da escritora coruñesa e hoxe tamén sede da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e pola académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez.

María López Sández e Marilar Aleixandre, no centro, con Olivia Rodríguez e Francisco Castro. Fonte: RAG

"O propósito do libro é seguir os fíos das ideas centrais do feminismo de Emilia Pardo Bazán que contribuíron a mover os marcos do patriarcado", salientan as autoras no limiar do volume. Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán (1851-1921) afirmou o dereito das mulleres a seguir "o seu propio destino", ao pracer e a tomar a pluma, adiantándose ao feminismo do seu tempo. "Declárase en 1914 unha radical feminista e utiliza esta palabra sen medo", poñen como exemplo.

Olivia Rodríguez puxo o acento no traballo que fixeron Marilar Aleixandre e María López Sández para poñer a figura de Emilia Pardo Bazán en relación coa literatura universal e co feminismo do momento nun volume de “lectura áxil” que, considerou, “vai chegar ás rapazas novas” porque tamén se fala do presente, “dos problemas das mulleres de hoxe e da revolución feminista”.

O libro chega ás librarías cadrando coa conmemoración neste ano 2021 do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán.