Letras galegas 2020

Últimos días para participar no concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras de Carballo Calero

A Real Academia Galega mantén aberto ata o martes 1 de decembro o prazo para participar no concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras. A iniciativa está dirixida aos centros de educación infantil e primaria e convócase a través da páxina web Primavera das Letras, que fornece a comunidade educativa, co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, de recursos lúdicos e didácticos para achegar os nenos e nenas á figura de Ricardo Carballo Calero. As bases do concurso poden consultarse nesta ligazón.

Cada centro pode concorrer co proxecto ou proxectos desenvolvidos arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero que desexe, tanto con aqueles que impliquen o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os seus traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo electrónico. As iniciativas que concorran ao concurso serán compartidas en primaveradasletras.gal.

Máis actividades interactivas

Primavera das Letras botou a andar en 2016 cadrando coa celebración do Día das Letras Galegas de Manuel María. Catro anos despois, o proxecto é un espazo de referencia para a comunidade educativa. O pasado mes de maio, durante o primeiro estado de alarma e coas escolas pechadas, a descarga de fichas e os accesos ás actividades interactivas bateron récords e superáronse as 300.000 páxinas vistas.