Xesús Ferro Ruibal

Elixio Rivas Quintas, abeiro de palabras galegas

Xesús Ferro Ruibal

12/12/2016

Nos séculos escuros o frade bieito Martín Sarmiento deu a voz de alarma, afirmando con palabras e con feitos que o tesouro da lingua galega precisaba recolleita, codificación e uso sen complexos. Na Obra de 660 pliegos dixo que

se debe cargar la mano a recoger todas las voces gallegas de la historia natural en toda su extensión [107v] …En cuanto a conservar la lengua, se les debe agregar la colección de aldeanos, y en especial aldeanas, que no han salido de su corto pueblo, y, que a no ser tal cual peregrino, jamás han conversado con extranjeros [4890]. De la loquela de este género de gentes, en cada provincia se han de recoger las voces puras y peculiares de cada una. [4891]. Después de las dichas voces puras vulgares de lo que Dios ha criado, se deben recoger las voces que entran en los refranes, y el curioso debe copiar el refrán entero. Los refranes, adagios y proverbios de una lengua son los textos más antiguos, más auténticos y más puros que se deben citar, por razón de sus voces, en un vocabulario o glosario. [4893].

Sarmiento recolleu e glosou unhas 9.000 palabras galegas no século XVIII. Pero no século XX outro frade, que se lle parece no físico e mesmo na independencia de criterio, recollería e glosaría moitas máis.

Elixio Rivas, de Xunqueira de Ambía, rematou os estudos eclesiásticos como frade paúl en Salamanca, destinárono primeiro a Inglaterra e despois a Cuba; pero ós 36 anos (1961) regresou a Galicia (destinado a Marín, despois ós Milagres en Baños de Molgas, e despois á parroquia da Milagrosa en Ourense). Dende o seu regreso, percibiu que Galicia se estaba desruralizando e que centos de cousas entraban en desuso e con elas os seus nomes e a fraseoloxía que teñen asociada. Entón creou un sistema de láminas para ir preguntando vocabulario, tal e como nos fixo ver no número 407 do Ben Falado!

Esa recolleita xa nunca interrompida deu un dicionario Frampas en tres tomos, dos que Antón Santamarina fornece os números no prólogo do seu Dicionario de dicionarios:

As Frampas de Rivas Quintas son case 16.000 palabras definidas, e moitas exemplificadas. Aínda que outros dicionarios anteriores teñen máis entradas (Eladio Rodríguez 52.031; Leandro Carré 27.660; Valladares 19.610; Aníbal Otero 18.291; Filgueira e outros 17.606), Antón Santamarina resalta o feito de que, mentres todos acumulan materiais dos dicionarios anteriores, só o Glosario de Constantino García (23.241) é resultado de investigacións de campo novas e de diferentes autores; e só Aníbal Otero e Rivas Quintas recollen materiais inéditos. Polo tanto, a anada de don Elixio é de 15.810 palabras ou acepcións inéditas. O obxectivo deste era retener y presentar toda palabra totalmente nueva, toda variante inédita, toda acepción o matiz significativo no constatado y que supone un aumento de riqueza para nuestro idioma.

Don Elixio dende 1979 é doutor cunha tese de filoloxía galega (Toponimia de Marín), que, se non me engano, foi a cuarta ou a quinta que sobre a nosa lingua se fixo na USC. Pero non parou aí: con paciencia, non sei se beneditina ou paúla, puxo en pé unha monumental obra etnolingüística que titulou Léxico rural do noroeste hispano, que acabará tendo 25 volumes e que, faltando por publicar o n. 17, xa acada as 9.875 páxinas.

As case dez mil páxinas de texto converten estes vinte e catro volumes publicados nunha enciclopedia dese mundo rural galego que está desaparecendo ante os nosos ollos, nuns casos por especialización (leite, carne e queixo septentrional, viño e castañas meridionais) e noutros casos por abandono (madeira). Elixio Rivas é o etnolingüista que, como notario, dá fe perpetua de como foi a Galicia rural durante máis dun milenio; e faino no momento en que esta Galicia dá a volta máis radical da súa historia: o abandono masivo da agricultura de autoabastecemento, mentres os xabaríns, inimigos da agricultura, ousan pasear polas rúas de Ourense, Monforte, Cambre, Lugo, Ferrol ou Burela.

Como pobo, somos unha terra e palabras. Nas nosas palabras está o libro de instrucións do mundo agrario tradicional galego. Nunha hipotética catástrofe sería posible reconstruílo coa pauta desta obra monumental de Rivas Quintas, que contén saberes moi diversos. Só un equipo multidisciplinar pode valorala. Nos temas ós que eu podo chegar, só encontrei nela información exacta, noticias que descoñecía e comentarios esclarecedores. En cada páxina vese que o autor fala do que apalpa, do que coñece por experiencia.

Don Elixio traballou tamén a onomástica (antroponimia e toponimia) e deunos obras históricas e etnográficas. Ofreceunos incluso o primeiro Dicionario etimolóxico da lingua galega (2015) que tanto soñara outro eclesiástico (Amor Ruibal).

Esta obra hercúlea e solitaria, propia de poetas e novelistas, resulta infrecuente na filoloxía que hoxe ama a sinerxia do traballo en equipo. Precisa moita fe, disciplina e enerxía facelo como fai don Elixio. Admiro as persoas que, por haches ou por bes, non deron conectado coas forzas vivas do mundo cultural e que, por esa razón, traballan sós toda a súa vida por un pobo que non sempre sabe deles, cando eles tanto saben dese pobo.

Don Elixio, cos seus 91 anos, investigador solitario, editor da súa propia obra, gardador de palabras e saberes que nos constrúen como etnia e como país, merece o título de benfeitor silandeiro do pobo galego. Merece gratitude, por ser coma esas fontes sagradas que dan todo o que teñen gratis e cantando.

Xesús Ferro Ruibal
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar