Xesús Ferro Ruibal

A palabra galega "quixote"

Xesús Ferro Ruibal

25/04/2016

Nestas conmemoracións cervantinas tense repetido que Cervantes enriqueceu o castelán cunha palabra nova (quijote). Deixando de lado que Cervantes en 1605 escribiu quixote, non quijote, ¿de onde sacou este nome para o seu protagonista?

A palabra non era nova. Nova foi a significación que Cervantes impuxo coa súa obra e que o DRAE de momento considera 2ª acepción: "Hombre que, como el héroe cervantino, antepone sus ideales a su provecho o conveniencia y obra de forma desinteresada y comprometida en defensa de causas que considera justas".

O DRAE, seguindo a Corominas, vai busca-la raíz desta palabra a Cataluña, aínda que alí non encontra a palabra quixote senón un cuixot, derivado de coxa, palabra que tanto pode ser catalá como latina.

Di Corominas que como coxa no se conservó en cast[ellano] como nombre del muslo y sí en cat[alán] ... es forzoso admitir que el vocablo se tomó del cat[alán]. Corominas non afirma que en catalán existise antes de Cervantes o actual quixot ("Home emportat per punt, per un ideal, etc., a empreses temeràries, desproporcionades a les seves forces a què ningú no el demana"), senón que existía coxa (idéntica á forma previa latina, irmá da italiana cossa, da francesa cuisse e da occitana cueissa) e a seguir cita o catalán cuixot. Esta palabra no catalán actual designa a polaina (protectora doutra parte da perna; en cast. greba) e tamén significa "pernil salgado de porco": valor que non encaixa con D. Quixote que era un home seco de carnes, enjuto de rostro (1,1), que tiña piernas muy largas y flacas (1,35) e que flaco, amarillo y muerto de hambre suspiraba pola súa señora Dulcinea (1, 29).

Vemos que xogan aquí tres valores de coxote: 1. Parte da perna entre o xeonllo e a cadeira, a coxa (no caso de certos animais, o xamón). 2. Peza de roupa ou da armadura que cobre e protexe a coxa. 3 Home extremadamente idealista.

Corominas (ó contrario do que fai moitas outras veces) non cita o galego, a pesar de que no galego tamén podería encontrar facilmente coxote dende o Vocabulario de Filgueira e outros (1926) e cuxote dende o Diccionario de Eladio Rodríguez (1961), palabras tan autorizadas coma as que rexistrou en catalán. Pero xa Franco Grande (1972) incorporara quixote ("Muslo. Parte inferior de la nalga"): aquí reaparece a palabra exacta que usou Cervantes, quixote, pero co significado primitivo de "parte posterior da perna". Tiña documentación anterior, porque a usara nos ensaios en dialecto berciano Fernández Morales (1861):

Pé do lume de cantroxos
tamén vin, cabo dos potes,
mozas cos refaixos roxos
qu'asentaban os quixotes
nos escanos e nos troxos.

Máis aínda: quixote é palabra aínda viva no galego de Zamora. Rexístraa co significado de "conxunto do pé da persoa" Xosé Rodríguez Cruz no seu libro Cultura e fala popular de San Ciprián de Hermisende publicado en 2007 pola Deputación de Ourense (p. 58), investigación que é homenaxe ó admirable etnógrafo local Horacio Rodríguez. E Javier López Rodríguez completou a definición en 2011 referíndoa ó galego de Zamora así: "Óso de canela con pouco alimento para dar sabor ó caldo, canivete [http://abrumoso.blogspot.com.es/2011/11/volvemos-co-vocabulario-de-brumoso.html]

Resumindo. En castelán (polo menos dende o século XIV) o quixote cubría a parte da perna que media entre o xeonllo e a cadeira (a coxa): é dicir, parece que xa non era unha parte da perna (valor primitivo e 1º) senón unha peza de roupa (se era de pano) ou unha parte da armadura (se era metálica) (valor 2º). Cervantes non usou esta palabra con ningún destes dous valores, quizais porque a convertera en nome propio do seu protagonista.

Está fóra da miña idea deducir destes datos que a palabra quixote sexa un préstamo do galego ó castelán. O que me interesa é lembrar, nestas datas sinaladas, que este substantivo xa universal mantén vivo no galego oriental o valor semántico primitivo de "coxa – perna – pé", desaparecido do castelán a xulgar polos datos que ofrece a RAE no seu Corpus del Español Actual.

Só aquí onde esta palabra mantén a fonética e a semántica orixinal, aquí onde aínda está motivada (quixote = perna, parte do corpo que serve para andar), podemos preguntar se habería nome máis acaído cá palabra do galego oriental quixote para designar un home que se empeñaba en ser caballero andante.

Non é deste lugar entrar na cuestión da orixe familiar de Miguel Cervantes Saavedra (apelidos galegos de orixe toponímica), aínda que á cabeza vénme que no capítulo 39, cando o cautivo empeza a conta-la súa vida, Cervantes faille dicir: En un lugar de las montañas de León tuvo principio mi linaje. Filgueira sintetizou o asunto en "Cervantes e Galicia" (Adral 1, 351-353). Pero ¿por que escollería Cervantes a palabra quixote? ¿polo valor 2º de parte da armadura ou polo valor 1º de perna?

P.S. Recomendo para debate a lectura dunha opinión diferente: BARAS ESCOLÁ, Alfredo (2005): "Sobre los quijotes de don Quijote" en Cervantes: Bulletin of the Cervantes Society of America 25, 1, 2005, 159-163 [https://www.h-net.org/~cervant/csa/artics05/baras.pdf]; defende que quixote é unha parte da armadura que cobre a coxa. Na Rede o lector pode encontrar pistas doutras interpretacións (a erasmista de Américo Castro ou a xudaica de José Faur) e con isto sumerxerase na oceánica eséxese cervantina.

Xesús Ferro Ruibal
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar