John Rutherford

A guitarra inglesa de Rosalía de Castro

John Rutherford

23/02/2016

Agrande afección que tiña Rosalía de Castro pola música queda amplamente demostrada nun importante artigo de Xosé Filgueira Valverde ("Rosalía de Castro e a música").

Entre varios instrumentos que tocaba, Filgueira Valverde menciona a guitarra inglesa, comentando que o seu home Manuel Murguía prefería que tocase instrumentos célticos coma a arpa, e citando ao mesmo Murguía: "Rosalía tocaba la guitarra inglesa antes de casar y como yo aborrecía dicho instrumento y ella se puso del parto de Alejandra delicada de salud, la abandonó".

Comenta Filgueira Valverde: "Para atenua-la heterodoxia do instrumento preferido pola cantora, veulle ben engadirlle o de «inglesa»...", co cal dá a entender que pensa que a guitarra inglesa de Rosalía de Castro era unha guitarra clásica normal, só que fabricada en Inglaterra. Pero isto non é certo, como queda claro nunha narración breve de Murguía, incluída no seu libro Los precursores e titulado "Ignotus". Hai certa ambigüidade acerca da identidade dos personaxes desta narración, pero parece que quen fala nesta pasaxe é a propia Rosalía de Castro: "... cogiendo una guitarra inglesa que tenía al lado preludié la hermosísima barcarola de la Extranjera. En aquel instrumento más sonoro que nuestra guitarra, las notas parecían vibrar sobre el agua adquiriendo así doble flexión y por lo tanto mayor armonía y encanto".

Este instrumento tocado por Rosalía de Castro non ten nada que ver coa guitarra clásica ou española: parécese máis á bandurra (aínda que non se toca con puga e ten unha afinación moito máis grave), sendo en realidade un tipo de cistra ou cítola. Ten a caixa de resonancia con forma de pera e dez cordas metálicas, as oito primeiras por pares que comparten afinación e as dúas graves con corda única, afinadas así: Do Mi Sol-Sol do-do mi-mi sol-sol. E ten esa sonoridade moi especial e atractiva mencionada en "Ignotus". Foi moi popular entre as señoritas inglesas ao longo da segunda metade do século XVIII, pero a principios do XIX perdeu rapidamente esa popularidade, sendo substituída nas afeccións de ditas señoritas pola guitarra española.

Pero como chegou Rosalía de Castro a posuír e a aprender a tocar tal instrumento, que nunca foi popular en España, medio século despois de que deixou de fabricarse e de tocarse na propia Inglaterra? Tivo que ser por influencia portuguesa. A guitarra inglesa chegara a Portugal xa a mediados do XVIII e alí nunca deixara de tocarse, transformándose pouco a pouco no instrumento agora chamado guitarra portuguesa. De xeito que a guitarra inglesa de Rosalía de Castro nin era guitarra nin era inglesa.


John Rutherford cunha guitarra inglesa
John Rutherford
Membro de honra da Academia


Axenda de actos Ver todos
Luns 3 de xullo de 2017 / 12:30 h
Inauguración dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar