Henrique Monteagudo

Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena (II). O galego común e o euskara batua

Henrique Monteagudo

21/09/2015

Como militante do PNV, Koldo Mitxelena alistouse no exército vasco para defender a súa terra. Coa toma de Euskadi polo exército franquista, foi apresado, encarcerado e condenado a morte, pero saíu da cadea en 1943. Non tardou en incorporouse á loita clandestina, ata que caeu, como xa relatamos na anterior Tribuna, nas mans da policía política. Ao saír de prisión, retomou os seus estudos universitarios de filoloxía, especializándose en linguas antigas, sempre con miras no estudo do éuscaro. Argutamente, puido eludir os seus antecedentes penais e emprender unha brillantísima carreira académica e en pouco tempo, converteuse nunha referencia internacional no campo da lingüística indoeuropea e da filoloxía vasca, da que é considerado auténtico fundador.

No entanto, puxo o seu empeño na codificación do vasco, sentando as bases para a súa unificación (euskara batua), o que conseguiu, en medio de acesas polémicas e vencendo teimosas reticencias, grazas ao seu saber e a un tesón indesmaiable. Mitxelena redactou o relatorio presentado no Congreso de Aránzazu de 1968 que deu lugar á aprobación das bases para o batua. Para entender a importancia que tivo o euskara batua, hai que ter en conta que o éuscaro carecía de tradición escrita antiga, ampla e continuada, e presentaba unha diversidade dialectal moi marcada, de xeito que a súa recuperación literaria se producira nos distintos dialectos. Mitxelena entendía que a consecución dunha modalidade lingüística supradialectal era cuestión de vida ou morte para o idioma e sentou as súas bases, comezando pola ortografía e o léxico e continuando pola morfoloxía. Fincou os esteos do euskara batua na tradición literaria máis prestixiosa (o labortano clásico, do século XVII) e nos dialectos centrais, isto é, o guipuzcoano oriental, o labortano e o navarro. As resistencias máis rexas procederon dos escritores vizcaínos, pero, finalmente, o euskara batua, respaldado pola Academia Vasca (Euskaltzaindia), a Universidade e a maioría de editoras e escritores, conseguiu abrirse camiño.

Pola súa banda, a folla de servizos de Ramón Piñeiro ao idioma galego é excepcional. Non só como promotor de iniciativas como a Editorial Galaxia, a Fundación Penzol ou o Consello da Cultura Galega, ou polo seu papel de recrutador de mozos e mozas para as letras, a cultura e a política galeguistas, senón pola súa propia obra persoal. É certo que esta é moito menos voluminosa do que podería ser se Piñeiro non se entregase en corpo e alma á militancia galeguista, incluíndo a xestión de numerosas iniciativas e a creación dunha ampla rede de contactos, en Galicia e fóra dela, a través dunha copiosa correspondencia. Pero voltemos á obra persoal: pensemos nos seus ensaios (coma os recollidos en Olladas no futuro, 1974 ou O espertar da conciencia galega, 2009) e traducións (desde o Cancioneiro da poesía céltica ata Da esencia da verdade de Heidegger), nos innúmeros prólogos e artigos que escribiu, nas súas incontables conferencias, alocucións e entrevistas, … En todos os textos saídos da súa pluma escintila un estilo pulcro, tan elegante como sobrio e preciso, e dotado dunha excelsa calidade lingüística, conseguida a base dunha sabia combinación, coidadosamente medida, de enxebrismos e cultismos, procurando a comunicación fluída co lector sen perder o efecto de autenticidade e riqueza idiomáticas. Piñeiro forxou unha prosa galega rebordante de ideas e espida de retoricismos, autenticamente clásica.

Os problemas da lingua foron unha preocupación constante: trátese dos fundamentos da lingua literaria (maxistralmente sintetizados no limiar do Cancioneiro da poesía céltica, en 1950), da codificación ortográfica e gramatical (co seu papel decisivo nas iniciativas da Academia, desde os debates dos '60, ata as Normas de 1970-71 e 1982), da orientación do galego culto (en vibrante polémica con Rodrigues Lapa, 1972-73) ou ben da súa problemática situación social (esclarecedoramente analizada no seu discurso de ingreso na RAG, A linguaxe e as linguas, de 1967), ou dos desafíos da política lingüística (coa súa achega protagonista á Lei de Normalización Lingüística de 1983). Se Mitxelena foi o principal inspirador do éuscaro común, Piñeiro foi un parteiro socrático do galego culto e da cultura galega dos nosos días. A historia quixo xuntalos e ambos constitúen exemplos admirables de servizo aos seus respectivos idiomas e culturas, merecentes de agradecida recordanza.

Secretario da Academia


Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar