Luz Pozo Garza

Manuel María: Día das Letras Galegas 2016

Luz Pozo Garza

29/07/2015

Benvido, moi querido Manuel María, ao Parnaso galego
que, desde a RAG -A Casa da Palabra, como gusta de chamar
Xesús Alonso Montero- se te convoca. Entras nese
grupo supremo dos nosos escritores, elixidos para seren
homenaxeados no Día das Letras Galegas. Sodes os galegos,
escollidos pola altura do voso espírito encarnado na lingua,
que nos identifica como nación.

Ti, Manuel, deches moitísimo de ti á nosa terra galega. Entraches
nela co corazón aberto. Nesta inmensa canteira de cultura, historia, arte,
lingua... ata converterte, sensiblemente, na propia canteira que amabas.
E, como Rosalía, fúchela asimilando ata te facer alma da súa
alma, sangue das túas veas. Palabra, mesmo ritual da túa
configuración intelectual e popular… Tanto amor a Galicia,
que es ti mesmo, como en Rosalía. Osmose por amor. O aire, Os ríos,
que espellaron a túa infancia de neno pensativo. A terra. Amante. Amada
E mesmo o mar que arelabas de sempre, ao que á final te entregas.

E o fulgor, que ese lume xa ía no corazón. A luz que emerxe e entra coma
unha rosa. As árbores. As rochas. Todo ingresaba en ti, súbito, con só
abrires os ollos á túa Terra Chá. Teu Paradiso.

E toda a terra galega agardaba por ti, polo teu canto aprendido das aves.
Teño aquí tres sonetos teus en Nordés, dedicados ao noso Pimentel:
neles apreciamos de que forma convivías cos paxaros, os teus hóspedes:

O cuco: "Entrégome, sen máis, ao teu engado". A anduriña: "que vivías
con nós, na nosa casa!" A laberca: "sen ti non podo viver nen ensoñar".
Neno abraiado diante de tanta fermosura. Ti, por amor, te consagras
poeta desde o primeiro día...
Benvido, moi querido Manuel María, ao Parnaso dos que aman e son amados.
Que a querida Saleta -o outro grande amor- recolla no Gran Día o teu legado.
Noraboa para todos. Aquí. Sempre en Galicia.

Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar