Xesús Alonso Montero

Francisco Luis Bernárdez: un poeta arxentino denuncia o franquismo como represor da lingua

Xesús Alonso Montero

17/07/2015

Bernárdez, en 1954, era un escritor celebrado e laureado, nomeadamente como poeta. Nos inicios, o seu nome está moi vencellado a inquedanzas e tarefas literarias nas que están implicados Borges e outros importantes escritores arxentinos da década dos 20 e dos 30.

Pero, daquela, Bernárdez xa era autor de textos en idioma galego, tanto en verso como en prosa. Nado en Buenos Aires, o berce da súa nai fora Santiago de Compostela, e o do seu pai, Bouzas, na parroquia de Lago, nas terras de Maside, terras presentes nalgunhas das súas páxinas literarias. Sobre este escritor galaico-arxentino o PEN Club Galicia acaba de publicar unha monumental monografía co título Francisco Luis Bernárdez: poeta de fe, leal a Galicia. No volume colaboran escritores e críticos arxentinos, ademais de estudosos galegos que coñecen ben a obra galega do homenaxeado. Deseñouno e coordinouno con pericia Luis González Tosar. Xa é un acerto o título: poeta de fe, leal a Galicia. En efecto, a musa de Bernárdez bebeu sempre nas augas espirituais do catolicismo, o catolicismo que moveu a súa pluma sempre que, ó seu parecer, Galicia foi agredida, na súa substancia espiritual, polo réxime de Franco. Fíxoo en ocasións moi significativas.

De 1952 é o seu Discurso encol do idioma galego, conferencia na que traza, nunha galería de arte porteña, unha fermosa defensa e ilustración da nosa lingua. A intervención magna de Bernárdez, como reivindicador do idioma galego, data do 13 de maio de 1954, día no que publica, na revista Criterio (Buenos Aires), un artigo antolóxico no xénero: "El idioma prohibido". A revista, de claro perfil católico, levou a triste nova da persecución contra a lingua galega a amplos sectores que, pola súa condición católica, non eran desafectos a Francisco Franco. Pois ben, Bernárdez, aínda moi consciente dos destinatarios do seu artigo, formula a denuncia en termos moi pouco eufemísticos: "… resulta verdaderamente inexplicable, de puro absurdo, que el gobierno del general Franco, es decir, de un hijo de Galicia, persiga de manera tan implacable al pueblo de las cuatro provincias gallegas en lo que él tiene de más espiritual, o sea, en su idioma". Non son mancas, na súa contudencia, estas liñas: "Por obra de un poder político que no se cansa de invocar al valor de la cultura de Occidente, uno de los idiomas más hermosos y más antiguos del extremo meridional de Europa sufre incomprensible persecución".

Os galeguistas de Buenos Aires, decatándose da importancia e do significado desta denuncia, non tardaron en difundila (miles de exemplares) nun díptico que titularon Mensaxe pra todo los galegos do mundo na data do 18º aniversario do Plebiscito do Estatuto Galego. Contiña un limiar en idioma gallego titulado "En defendimento da Sagra Lingua Galega".

O artigo de Francisco Luis Bernárdez, difundido neste díptico e, antes, na revista Criterio, tivo unha repercusión grande dentro e fóra da colectividade galega de Arxentina e Uruguai. O seu espírito foi recolleito na Denuncia polilingüe que os galeguistas repartiron, en novembro de 1954, entre os delegados da Asemblea da UNESCO (Montevideo). Este feito, coñecido como "A batalla de Montevideo", alporizou ós delegados españois, moi especialmente a Manuel Fraga Iribarne, daquela secretario xeral de Cultura Hispánica. O certo é que, á volta, oídos os informes da delegación española presidida por Joaquín Ruiz Jiménez (ministro de Educación Nacional), as autoridades españolas reconsideraron algúns dos seus criterios e amoleceron a súa política represiva en materia de publicacións nas linguas non oficiais de España.

Foi, tamén, unha vitoria do escritor galaico-arxentino Francisco Luis Bernárdez, sempre "leal a Galicia."

Presidente da Real Academia Galega


Axenda de actos Ver todos
Luns 3 de xullo de 2017 / 12:30 h
Inauguración dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar