Xosé Luís Axeitos Agrelo

Un soneto satírico de Murguía

Xosé Luís Axeitos Agrelo

07/07/2015

Entre os papeis do arquivo persoal de Murguía, que custodia a Real Academia Galega, figuran polo menos dous poemas satíricos do que foi primeiro presidente da institución. O primeiro é o referido a Juan Sanmartín, escultor e autor, entre outras obras, da estatua de Méndez Núñez levantada na Alameda, preto da igrexa do Pilar en Santiago de Compostela. Outro, o que publicamos, ten como protagonista a Ramón Pérez Costales, coñecido republicano coruñés, médico que fora Ministro de Fomento en 1873 durante a presidencia de Pi i Margall. Íntimo amigo da familia Ruíz Picasso exerceu como protector e mecenas do pintor. Desta etapa coruñesa (1891-1895) data o coñecido retrato que Picasso lle fai ao médico republicano. Sen esquecer, en fin, que Pérez Costales, como membro fundador da Sociedad del Folk-Lore Gallego participou na fundación da RAG, da que foi nomeado membro de honra.

O motivo inspirador do poema é unha visita do rei Afonso XII á Coruña, coidamos que no ano 1881, en plena Restauración. Aínda que Murguía estaba en Madrid dirixindo a revista promovida por Alexandro Chao, La Ilustración Gallega y Asturiana, tiña cumprida noticia do acontecemento, que recolleu nas súas páxinas a publicación madrileña.

O poema ironiza sobre a hipotética presenza de Pérez Costales, símbolo do republicanismo coruñés, no tumultuoso acto do recibimento ao monarca Borbón que se organizou no porto coruñés onde se levantou unha marquesina mudéxar proxectada por Faustino Domínguez, tal como sinala a estudosa das construcións efémeras da Coruña, Lucía M. Villasuso.

No ano 1858 tamén fora recibida con solemnidade en Galicia a raíña Isabel II, motivo poético de recoñecidas plumas galegas. Lémbrase tamén Murguía, dentro do xogo humorístico do soneto, das dúas follas (Hojas) que o republicano dedicara ó rei Amadeo I no ano 1872 con ocasión da visita real á cidade herculina onde lle lembraba que, como estranxeiro, estaba a visitar unha cidade hostil.

A alusión a Narcisa [Pérez Reoyo], falecida en 1876 aos vinte e seis anos está motivada polo poemario desta poeta titulado Devocionario infantil (1867) dedicado a Afonso XII e entregado persoalmente á súa nai. A alusión, no estrambote, a Eugenio [Montero Ríos], que se moveu politicamente entre o republicanismo e o liberalismo, non deixa de subliñar a mascarada e confusión do acto de recibimento, marcado tamén polo significado crítico-burlesco do estrambote.

Paga a pena ler este poema de Murguía, actualizado polos acontecementos que está a vivir a política en España co debate entre monarquía e república.

Soneto con estrambote, pues lo merece por tratarse de quien se trata1

Vino Alfonso mas faltaba a su gloria
Que el Sr. D. Ramón Pérez Costales
Celebre el caso en versos inmortales
Que esta sería su mayor victoria.

Aún conserva piadosa la memoria
Aquellos a Isabel fueron tales
Que fueron a Isabel de sus leales
Sentimientos y amor prenda pretoria.

Mas como el cielo está bastante feo
Y ya la federal es cosa rara
Dijo el nuevo Belén tomando a risa.

Hojas no, esas son para Amadeo
Versos, menos, pues salen a la cara.
Si quieren coplas hágalas Narcisa

Diole a Eugenio de codo,
Sonriose después y por prudencia
Cerró el piquito de oro su Excelencia.


1. Poema manuscrito autógrafo de Murguía, escrito con ocasión dunha visita do rei Afonso á Coruña.

Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Luns 3 de xullo de 2017 / 12:30 h
Inauguración dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar