Salvador García-Bodaño

Aquel cálido recendo de alecrín

Salvador García-Bodaño

01/06/2015

Cando me dirixía, calmosamente, pola luminosa mañá adiante camiño da Real Academia Galega, xa preto de alí, por decontra a suave baixada da rúa de Santiago, dei en sentir que, a cada pouco, se me ía facendo máis e máis perceptíbel un intenso recendo a follas de alecrín -que aquí se lle di tamén romeu- a xeito como dun aromático ronsel no aire a vir de non sabía ben dende onde...

Os anos da nenez e da mocidade son unha patria distante á que nunca é posíbel retornar e da que un se lembra máis ou menos vagamente. Mesmo, en ocasións, nin sequera somos quen de chegarmos a estar moi certos daquilo que se nos vén en acordo. As lembranzas aparécensenos na memoria en representacións estáticas como fotografías ou como en brevísimas secuencias fílmicas soltas, inconexas, mudas (ou coas voces supostas, cando non perdidas), apenas intres fragmentarios da vida pasada que aínda non esvaeceron no esquezo. Así me ocorre agora, por exemplo, ao poñerme a remexer nos recordos da infancia e pensar nas veces que, de cativo, visitei a cidade da Coruña cos meus pais e o meu irmán, antes daqueles dous veráns que pasamos preto de Riazor. En máis de medio século, A Coruña ten sabido conservarse e ten sabido cambiar, tense expandido e chegar a ser unha gran cidade, moderna, ben harmonizada, coidada e chea de beleza, sen nunca ter perdido a súa acolledora amabilidade nin a súa tradicional ledicia. Nela perduran aínda recordos de meu que reviven ao percorrer lugares que teño andado.

Acoden á miña mente unha serie de imaxes dende o fondo do tempo. A primeira vez, foramos no tren de cedo, de vapor e vagóns de madeira. A liña Santiago-A Coruña inaugurárase dous anos antes. As estacións eran novas, de pedra rexa. Ao chegarmos, un autobús facía o servizo dos viaxeiros ao medio da cidade, ata a central da RENFE situada onde a rúa Nova fai como unha especie de praciña que dá ao Cantón Grande e ao comezo da rúa Real. Enfronte atopábase un magnífico café, o Español, onde fixeramos o almorzo e, despois, o meu pai fora resolver os asuntos xurídicos que o levaran alá.

Coa nosa nai, sairamos de alí cara á rúa do Santo Andrés, logo collemos o tramo da esquerda para irmos á praza de Pontevedra. Chamaba a atención unha tenda con moitísimas pezas de olería multicolor penduradas arredor da porta e aos lados, na fachada. Máis adiante, endereitamos cara ao Instituto Eusebio da Garda para chegarmos á praia dourada que se abre ás salgadas ondas atlánticas cabalgadas de escumas. Enredamos coa area, fixemos campionatos de tirar pedras a choutar sobre o mar, xogamos á panda, e como non ía frío metémonos na auga. De volta, subimos a un dos tranvías que paraban cerca. Encantábanme os tranvías dende que os descubrira en Vigo. A demorada viaxe polas rúas da cidade era moi atraente. Os tranvías sempre tiveron algo de xoguetes grandes. Baixamos alá pola Porta Real, no Parrote, para atopármonos co meu pai e irmos xantar antes de retornar para Compostela. As lembranzas vanse extinguindo para facer menor a nosa soidade.

Transcorridos anos, non lonxe da Porta Real, un desaparecido recanto areoso da antiga dársena, ao pé do comezo do Parrote, había ser o escenario dun máxico serán de namoro cunha fermosa e misteriosa moza, algo maior ca min. Era un pequeno curruncho de praia idealizado, no que había algunhas barcas varadas, e que co tempo sería recuberto pola grande obra actual de recheo e construcións. No día seguinte marchaba de emigrante para Frankfurt. Case non reteño a súa imaxe na memoria. Si me recorda, á volta de tanto tempo, o seu profundo e excitante perfume como ao aroma do alecrín. Este recendo que me traía agora o aire da mañá.

Ollei para atrás e vin, pola rúa abaixo, que se alongaba unha muller, xa de idade, que ía deixando aquel recender. Un pouco máis alá, estaba a agardala un luxoso automóbil de matrícula alemá, que arrancou e se perdeu pola Avenida da Mariña. Eu seguín o meu camiño. Unha airexiña de nordés veu baterme no rostro.

Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Luns 3 de xullo de 2017 / 12:30 h
Inauguración dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar