Xesús Alonso Montero

Centenario da cátedra de “Literatura galaico-portuguesa”.
(Universidade Central, Madrid, 1914)

Xesús Alonso Montero

11/05/2015

Nunca se convocara unha cátedra destas características no mapa universitario español. Con esta denominación convocouse, na Gaceta, o 12 de agosto de 1913, convocatoria na que se aclaraba que a nova asignatura sería voluntaria nos estudos de doutoramento na Facultade de Filosofía e Letras, sección de Literatura, da Universidade Central. Inscribíronse tres opositores pero só se presentou un, o pontevedrés Víctor Said Armesto (1871-1914), daquela, sen dúbida, o profesor con mellor formación, en Galicia, na materia (vella opinión de Filgueira Valverde). Said Armesto, que fixo unha brillantísima oposición, finalízaa o 18 de febreiro de 1914 pero non desempeñou, de facto, a cátedra porque faleceu o 17 de xullo dese mesmo ano.

Said Armesto, que aínda non cumprira corenta e tres anos de idade na data do seu pasamento, xa publicara libros e traballos notables, un deles, La leyenda de Don Juan.

Orígenes poéticos de "El burlador de Sevilla" y "Convidado de Piedra" (1908), gabado por Menéndez Pelayo, Unamuno e Carolina Michäelis de Vasconcelos. Víctor Said xa sorprendera como crítico culto e sagaz co libro de 1897 Análisis y ensayos, constituído por dous interesantes capítulos filosóficos e un artigo "Un libro modernista", que era unha lectura moi lúcida de Femeninas, de Valle-Inclán, obra editada dous anos antes. De 1911 é a súa tese de doutoramento Notas para el estudio de la "materia de Bretaña" en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV, e, do mesmo ano, oCancioneiro musical de Galicia, que moitos, aínda hoxe, atribúen, só, a Casto Sampedro. Non é así. Cando a Real Academia de Bellas Artes (Madrid) premia esta obra, menciona, como coautor, a Víctor Said Armesto. Hoxe os especialistas saben que, sendo moi importantes as recolleitas e anotacións de Said Armesto, as achegas máis numerosas e valiosas son de Casto Sampedro Folgar.

Víctor Said Armesto, asiduo do Ateneo de Madrid, deslumbrou durante anos naquela tribuna, pola súa cultura e polas súas virtudes oratorias a oíntes tan esixentes como Emilia Pardo Bazán e Manuel Azaña.

Cando oposita a unha cátedra universitaria (1914), xa era catedrático de instituto de Lingua e Literatura Españolas desde 1906 (Reus, León, Pontevedra). Un ano antes, era tal o prestixio intelectual de Said Armesto que os fundadores (A Habana) da Real Academia Gallega designárono membro numerario constituínte. Nesa altura, algúns dos eruditos galegos tiñan noticia dunha das súas ocupacións fundamentais: a recolleita e o estudo do folclore literario galego, nomeadamente o das terras do Ribeiro de Avia.

Víctor Said era sobriño do famoso filósofo e masón pontevedrés Indalecio Armesto, autor de Disensiones sobre la metafísica (Madrid, 1879), libro que lle dedicou cando tiña oito anos. Tamén pertenceron á masonería a nai de Víctor Said, Amalia Armesto Aldao (Iris), e a súa tía avoa, Antonia Aldao (Victoria). Don Manuel Murguía no só admirou intelectualmente a Víctor Saíd Armesto senón que lle profesou un fondo agarimo, tanto que, cando o catedrático pontevedrés falece, "se puso enfermo". Son palabras da súa filla Alejandra.

Post scriptum
Sobre a personalidade polifacética de Said Armesto a Fundación Barrié publicou un volume colectivo co título Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre (decembro de 2014), colectánea na que colaboran José A. Durán, José Carlos Valle, Félix F. Castro Vicente, Diego Rodríguez González, Margarita Santos Zas, Xosé M. González Reboredo, Ricardo Axeitos Valiño, Carmen Becerra, Carlos Villanueva e Xesús Alonso Montero, autor dun traballo "Sobre a cátedra de Literatura galaico-portuguesa da Universidade Central (Madrid) que gañou, por oposición, Víctor Said Armesto en 1914" (pp. 115-126).

Presidente da Academia


Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar