Xesús Alonso Montero

De “fiscoso” e “ollecer” a “apelar”

Xesús Alonso Montero

20/12/2016

Como eu aprendín o galego en Ventosela (no Ribeiro de Miño), ós nove anos (desde o 1 de xaneiro de 1938), recordo, nalgúns casos, en que situación oín ou incorporei por primeira vez determinadas palabras ou locucións (xa expliquei, noutra páxina, as circunstancias nas que incorporei ó meu corpus léxico a curiosísima denominación "home de sol"). Hoxe voume debruzar sobre o adxectivo e os dous verbos que figuran no título desta "lección".

Eu fun, de pequeno, pouco comedor e, por se fose pouco, moi mixiriqueiro pois non me gustaba calquera cousa. Miña nai adoitaba dicir que eu era un "fiscoso"; tamén lle oín, ás veces, "fiscol", vocábulo que en Láncara (Lugo), segundo o Apéndice do Don Eladio, significa algo tan distinto que non debe empregarse se hai roupa tendida ("Se dice de todo ser masculino dotado de gran impulso sexual"). Supoño –estou certo- que esta acepción recolleuna Ramón Piñeiro, lancarés e lexicógrafo fiable.

O caso é que miña nai, moi preocupada pola miña delgadez e aspecto outonizo (o tempora, o mores!), levoume a Ribadavia á consulta de don Manuel Padrón, que era o médico da familia desde había tempo. O doutor, despois dunha delongada inspección, decretou que eu non padecía ningunha doenza.

- Pero o rapaz está moi delgado, case parece un subiote. Feble e blancuxo, mesmo semella unha estantiga.

- Enfermo, o que se di enfermo, non está.

- Non estará pero case e unha vergonza para nós que estea tan flaco e descolorido. Terá que recetarlle algún xarope. Que medicina lle damos a este rapaz tan outonizo e descolorido para que olleza?

Ante a súplica de miña nai, o doutor receitou:

- Déalle bistés, Angelina, déalle bistés.

E así foi. Desde ese día eu comía ó xantar un bo bisté e medio á noite, o que era un manxar daquela. En pouco tempo, non só engordei tres ou catro libras senón que mellorei na color da cara e seica apareceu no meu ollar unha miguiña de luz. Unha veciña, moi amiga da casa, exclamou:

- Gracias a Dios, o rapaz olleceu!

Miña nai, cientifista ela, repuxo:

- Gracias a Dios e ós bistés.

Non moito despois de que eu ollecera, a miña parroquia estaba consternada porque o Delmiro, un mozo novo, corpulento e moi rexo ("un home como un castillo") contraera un mal tan estraño que, en poucos días, púxoo á beira da morte. Os que o visitaban na súa casa estaban de acordo nunha cousa: que vivía co permiso do enterrador. Algúns opinaban que dentro de moi poucos días o coitado Delmiro iría dormir fóra. Tan esgumiado, frouxo e enganido o vían!

Mais o certo é que o Delmiro non morreu (non foi durmir fóra, como din os chairegos) senón que, dous meses despois, sen estar tan rexo como antes do mal, tiña todas as características de estar salvo e san, tanto que meu tío o Paco, o falante máis ponderado e preciso da familia, case un clásico, aclarou:

- O Delmiro apelou!

Eu, daquela, non sabía que apelar, na terminoloxía xurídica, era recorrer a un tribunal superior para anular a sentenza doutro tribunal. Tampouco sospeitaba o que hoxe sospeito: que a acepción metafórica de apelar ("O Delmiro apelou") ten algunha relación coa mentalidade xurídica (e litigante) de Galicia.

Escolmo estes tres vocábulos porque non os teño rexistrado nas páxinas literarios dos nosos escritores, salvo mellor parecer do profesor Antón Santamarina, que bebe en máis e mellores fontes ca min.

Xesús Alonso Montero
Presidente da Academia


Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar