Fina Casalderrey

Trinta anos de Ramón Lamote, un camiño novo para a LIX

Fina Casalderrey

25/05/2015

"Aquela mañanciña de verán o señor Pancho sorprendeuse ó atopar un camiño novo." Así arranca Paco Martín unha historia colectiva, escrita hai moitos anos, que aínda permanece inédita. Como hábil recurso literario fai unha longa aclaración a pé de páxina que nos atrapa dende o comezo: "Sería falsa modestia non recoñecer o ben feita -e mesmo cun algo de transcendente- que saíu a frase coa que se lle dá comezo a esta historia, mais, aínda sendo os autores conscientes do logro tal, cómpre deixarlle claro ó intelixente lector que non se está a utilizar unha linguaxe simbólica, nin o citado señor Pancho se encontra xa, principalmente por razóns de idade -corenta e sete anos feitos polo San Xoán- en moita condición de andar mudando usos, costumes e modos de vida. A realidade certa é esta e a ela nos debemos cinguir: o bo do home deu aquela mañá de verán cun camiño que nunca antes vira."

Delateino. Agardo que non mo teña en conta, á fin calquera se pode decatar da autoría polo enxeño e por esa maneira tan peculiar de narrar enchoupada de aguda retranca deste mestre no oficio de contar e acae, ademais, a xeito para lembrar os trinta anos que van alá dende que un profesor de chairego e debuxante de soños por encarga -que, con 61 anos cumpridos, porfiaba en dicir as verdades sen mancar co ánimo de que as cousas mellorasen-, un tal Ramón Lamote Miñato, irrompeu con forza na LIX Galega, cal roseira que medra onde antes houbo un valo, abrindo deste xeito un camiño novo. Paco Martín gañaba o I Premio Barco de Vapor que a editorial SM convocaba en Galicia, en 1984, co orixinal que leva por título Das cousas de Ramón Lamote e na LIX comezou un amencer de moitas vitorias cun pulo de continuidade que nos permite deternos a escoitar esa fraga hoxe tan fértil.

Un delicioso e exhaustivo artigo -que Xavier Senín, secretario do xurado, publicou no Blog de Galaxia- conta polo miúdo o entusiasmo con que Carlos Casares, Paco del Riego, Torres Queiruga, Paz Lamela… devoraron marmolubios, ou presenciaron unha carreira de nubes, ou foron testemuñas da desesperación do profesor de chairego que atopa atrancada a escaleira, "firmemente convencidos de que aquela obra marcaría un fito na literatura galega e sentíanse moi felices de que se iniciase un novo camiño na LIX, algo que sentían como fundamental para acadar a verdadeira normalización lingüística do país. Pensaban, ademais, na repercusión que o libro podería ter fóra de Galicia unha vez traducido" (teñamos en conta que o primeiro libro vertido ao castelán, de Xohana Torres, data de 1967).

No 1986 recibiu o primeiro Premio Nacional de Literatura e a literatura galega que tamén gusta a rapaces e rapazas comezou a deixar de pasar desapercibida e a gozar de saúde. Conste que este profesor de chairego, fixo suar ás editoriais de Nova York, onde tiñan a versión castelá do libro e un excelente departamento de español, repleto de dicionarios, pois non foran quen de dar co tal chairego. Mesmo Paco tentou explicárllelo por teléfono sen moito éxito, cousa que non houbo de facer no resto do mundo e moito menos na Terra Cha, onde senten infinita fachenda. Convido a todos vostedes a ler -ou a reler-, coma quen bebe silencios de auga de manancial, este galego universal que non sei se é o espírito de Lugo ou se leva a Lugo no espírito; só sei que é persoa animosa -non porque utilice o verde na tinta do seu bolígrafo ou na toalla de ducha-, que non necesita dun cataclismo para apreciar que é no mundo dos afectos e nas pequenas cousas onde están eses ríos que rebordan memoria que perdura e que soportan mellor a vaidade da incultura ca a pedantería. Lamote, alba de glorias, camiño novo.

Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Luns 3 de xullo de 2017 / 12:30 h
Inauguración dos XXX Cursos de lingua e cultura galegas en Santiago

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar