Xosé Neira Vilas

Lembranza de Eduardo Blanco Amor

Xosé Neira Vilas

19/05/2015

Un consello de Eduardo Blanco Amor cambiou o rumbo da miña vida durante case corenta anos. Primeiro en Arxentina e logo en Cuba. Dixérame: "nunca profesionalices a túa vocación". Engadía que despois de traballar varias horas, por exemplo na redacción dun xornal, non quedaba sosego para escribir o que un prefería. E contaba de si que cando chegou a Arxentina foi traballar a unha sucursal do Banco Español e non daba pé con bóla. Por iso non tivo máis remedio que ser xornalista profesional, conferenciante, profesor… Seguín o seu consello e non me arrepinto.

Coñecémonos en Buenos Aires nunha conferencia que ofreceu sobre a letra do Himno galego, de Pondal. Era moi ameno. Seguímonos vendo. Eu sempre asistía ós lugares onde el falaba, incluíndo a Cátedra de Cultura Galega patrocinada polo Centro Lucense, na que substituíra a Alberto Vilanova cando el marchou de profesor á Universidade de Bahía Blanca. As clases, semanais, ás veces ditábaas na sede que o Centro tiña na avenida de Belgrano, pero prefería desprazarse a Olivos, unha vila suburbana na que había salón de actos, biblioteca, campos deportivos, pistas de baile… Algúns dos temas dos que nos falaba: a nosa poesía medieval, o Rexurdimento, o Rexionalismo, as Irmandades da Fala, a Xeración Nós. Atraíanlle especialmente as figuras senlleiras do noso século IV, ou sexa, Prisciliano, Idacio e Paulo Orosio, e tamén Sarmiento e Feixóo, a etapa republicana, Castelao, Risco… Un compañeiro noso das Mocedades comentaba que ás veces do que dicía Eduardo, coma quen dis, non lle quedaba nada, pero era tan ameno, tan convincente que só por iso merecía a pena escoitalo.

Os galeguistas históricos da capital Arxentina admirábano e ó mesmo tempo tiñan fortes desencontros con el, pero Eduardo, que de humilde non tiña nada, burlábase deles.

Foi director do xornal Galicia da Federación de Sociedades Galegas, e de Terra, e con Suárez Picallo dirixiu Céltiga. Publicou unha antoloxía da obra poética galega de Rosalía, e no Centro Ourensán (Edicións As Burgas) deu a coñecer unha antoloxía completa de Valentín Lamas Carvajal.

Pasou a dirixir a revista Galicia, do Centro Galego (120.000 exemplares) onde fixo un magnífico labor, como fixera antes del Luís Seoane. Viron a luz varios libros da súa autoría en castelán (reportaxes, poesía, teatro, narrativa) e os títulos poéticos Romances Galegos, Poema en catro tempos e Cancioneiro, e en 1959 a excelente novela A esmorga (que editou Seoane en Citania).

Recordo sempre que na revista Galicia comentou xenerosamente o meu libriño de versos Dende lonxe e a miña novela Memorias dun neno labrego. Cando un comeza, agrádannos moito estes xestos dos "maiores".

Temos ceado xuntos no Centro Ourensán, onde había comida galega os fins de semana. El teimaba en que existe unha morriña gastronómica.

Dous días antes da nosa partida para Cuba, Anisia e mais eu estivemos con el no café Breogán. Animounos naquela decisión e contounos que estivera a piques de ir á Habana cando viaxou a Caracas. Despedímonos del. Catro anos despois volveu a Galicia.

En outubro de 1972 reencontrámonos en Lugo. Viaxou dende Ourense con Luís Soto, Nemesio Barxa e outros amigos. No encontro estaban tamén Xesús Alonso Montero, Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega.

Volveriamos atoparnos en Vigo o 15 de novembro de 1976: "Souben que andabas por aquí e vin saudarte", díxome. Démonos unha forte aperta e retornou a Ourense. Tres anos despois chegounos a noticia á Habana do seu pasamento nun hotel de Vigo.

En cartas sucesivas queixábaseme de que en Galicia non o tiñan en conta, non recoñecían o seu labor cultural galego na emigración, e apenas se mencionaba a súa obra. Certo que el era un chisco vaidoso, pero tiña razón en queixarse. Comenteillo daquela a varios amigos. Prestóuselle un pouco máis de atención, pero talvez non toda a que el merecía e agardaba.

Foi un home que traballou moito e cun alto sentido da responsabilidade pola nosa cultura, en corenta e cinco anos de emigrante. Foi un gran xornalista, poeta, conferenciante e narrador, pero o mérito maior del foi que sen ser na infancia nin na adolescencia galego falante, conformou en Buenos Aires un galego universal, de toda Galicia, falando con uns e con outros, anotando palabras, frases ou ditos ata lograr unha das prosas máis auténticas da nosa historia literaria.

Membro de número da Academia


Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar