Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Marina Mayoral
Mondoñedo


Marina Mayoral naceu en 1942 en Mondoñedo (Lugo). Como investigadora no eido da literatura, a catedrática da Universidade Complutense de Madrid é autora dun centenar de traballos sobre diferentes autores, entre os que destacan os dedicados a Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, que a converten nunha autoridade nos estudos centrados en ambas as escritoras. Fixo tamén incursións na obra de Aurelio Aguirre e Valle-Inclán e son coñecidas as súas análises de poesía e prosa contemporáneas. Como escritora, é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán que colleitou diferentes premios.

A autora estudou os primeiros cursos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid. Desde os 19 anos vive nesa cidade, onde desenvolveu a súa carreira como escritora e profesora, pero sempre mantendo fortes lazos afectivos e culturais con Galicia.

Tras exercer uns meses como catedrática de ensino secundario, iniciou a carreira como docente universitaria e doutorouse en 1971, con premio extraordinario, cunha tese sobre a poesía de Rosalía de Castro. A este traballo, publicado pola editorial Gredos en 1974 con prólogo de Rafael Lapesa, seguíronlle outros estudos e edicións críticas de diferentes títulos rosalianos como En las orillas del Sar (Castalia, 1978), Follas novas (Xerais, 1990), Obras Completas (Editorial Turner, 1993). Con eles levou o nome de Rosalía de Castro e de Galicia a tribunas académicas internacionais onde foi conferenciante e profesora convidada, como as universidades de Harvard, Brown, California, Pennsylvania, Xenebra ou La Sapienza de Roma.

O universo literario de Emilia Pardo Bazán -cuxa casa na rúa Tabernas da Coruña acubilla hoxe a sede da RAG- débelle tamén edicións e investigacións que a converten igualmente nunha das autoridades de referencia sobre a autora coruñesa. Entre elas, figuran a edición crítica de Los Pazos de Ulloa (Castalia, 1986), Insolación (Espasa-Calpe, 1987), La Quimera (Cátedra, 1991) ou o estudo introdutorio a La educación del hombre y la de la mujer, Memorias de un solterón e La dama joven (Sotelo Blanco, 2006).

Como escritora, Marina Mayoral é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán (dezasete novelas, seis libros de relatos e case trinta narracións curtas incluídas en antoloxías españolas e estranxeiras e publicacións periódicas) distinguida con sete galardóns. Parte dos seus títulos, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas, como o portugués, o polaco ou o italiano. É o caso de Unha árbore, un adeus (Galaxia, 1988), Chamábase Luís (Xerais, 1989) e Querida amiga (Galaxia, 1995), coas que gañou o Premio Losada Diéguez de 1989 e 1996, Tristes armas (Xerais, 1994) ou Quen matou a Inmaculada Silva? (Xerais, 2009). Con anterioridade, mereceu o Premio de Ámbito Literario de 1979 por Cándida, otra vez, o Premio Novelas y Cuentos de 1980 por Al otro lado, o Premio Gabriel Sijé de 1981 por Plantar un árbol, o Premio Hucha de Oro de 1982 por Ensayo de comedia ou o Premio San Clemente de 2012 por Deseos.

A súa produción literaria chamou ademais a atención da crítica e da investigación, desde as que se lle dedicou máis dunha vintena de artigos e capítulos de libro, e mereceu a súa inclusión en varias obras en lingua inglesa sobre escritoras de España e Europa.

O articulismo é outra das facetas habituais de Marina Mayoral, autora de máis dun milleiro de columnas e recoñecida co Premio Fernández Latorre no ano 1992. O seu labor a prol dos valores culturais foi recoñecido tamén coa concesión da Medalla Castelao en 1998.


Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar