Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Amador Montenegro Saavedra
Santiago de Compostela, A Coruña, 30/04/1864


13/12/1909





Alma da poesía gallega




Xosé Luís Axeitos Agrelo (30/10/2004 - )
Domingo García-Sabell Rivas (20/06/1959 - 05/08/2003)
Aureliano Pardo Villar (27/07/1941 - 13/01/1957)
Amador Montenegro Saavedra (13/12/1909 - 22/09/1932)
Arturo Vázquez Núñez (04/09/1905 - 02/03/1907)


Amador Manuel Joaquín de la Concepción Montenegro Saavedra naceu en Santiago de Compostela o 30 de abril de 1864 e faleceu na cidade de Lugo o 22 de setembro de 1932, foi un destacado xornalista e escritor implicado na defensa da identidade galega.

Fillo de Pilar Saavedra Costas, natural de Lugo, e de Siro Montenegro López, un nobre terratenente de Castro de Rei que chegou a ser alcalde de Lugo nos anos 1852-1853 e 1867-1868, Amador criouse no seo dunha familia acomodada que lle permitiu estudar carreira maior. Así, concluído o Bacharelato no ano 1881, ingresou na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Por causas descoñecidas, no curso 1883-1884 trasladouse a Valladolid, onde rematou os seus estudos na sección de Dereito Civil e Canónico. A súa carreira profesional comezou como pasante dun avogado parente da familia en Monforte e rematou nesa mesma experiencia. Desde entón, Amador Montenegro dedicouse non só á poesía, senón tamén á agricultura e implicouse no movemento agrarista. No ano 1888 viu a luz o seu primeiro libro de poemas e desde outubro de 1889 a decembro de 1890 publicouse o que lle daría un grande recoñecemento póstumo: o semanario lucense A Monteira, que el mesmo, xunto con Manuel Pardo Becerra, fundou e dirixiu.

Nesta altura casou coa súa curmá Pura López Saavedra, que residía en Moaña, na provincia de Pontevedra, procedente dunha familia de grandes propietarios agrícolas. A partir do casamento, Montenegro Saavedra comezou a administrar esas terras e fixou a súa residencia en Vigo, onde naceron os seus nove fillos. Na cidade olívica traballou tamén como profesor e formou parte da Liga dos Defensores de Vigo. Da súa ocupación como administrador de terras agrícolas veu a publicación de diversos estudos deste ámbito, pero tamén a oposición, desde unha perspectiva galeguista, ao caciquismo e ao sistema de foros imperantes. Sen abandonar o labor xornalístico, creou en Vigo o xornal La Razón, publicado desde 1889 ata 1894.

A súas súas publicacións literarias foron escasas, pero non deben esquecerse as numerosas colaboracións en xornais e revistas. Un importante número de poemas e contos populares escritos en galego viron a luz, non só en A Monteira, senón tamén en O Tío Marcos da Portela, Aires da Miña Terra, O Gaiteiro de Lugo, El Eco de Galicia, Galicia Moderna ou Vida Gallega. Nestes casos asinaba ben co seu nome completo, ben coas iniciais, ou tamén con pseudónimos, coma El Vate de la Raposeira e Esperanza Roca. En 1912, foi elixido bibliotecario da Cámara da Propiedade de Vigo, da que fora cofundador. Nese mesmo ano, recibiu dous galardóns polo seu labor como compilador de materiais poéticos de transmisión oral, concretamente no certame celebrado o 23 de xullo en Santiago de Compostela, co “Trabajo folk-lórico gallego” e no celebrado o 18 de setembro en Pontevedra coa “Colección de cantares gallegos recogidos de la tradición oral”.

O 13 de decembro de 1909 foi nomeado membro da Real Academia Galega a proposta de Salvador Golpe Varela, Manuel Lago González e José Pérez Ballesteros. O seu discurso, “Alma da poesía gallega”, foi o primeiro pronunciado en galego nesta institución. A contestación, realizada polo académico Juan García Caballero, tamén foi en galego.

As seguintes obras recollen boa parte dos seus poemas e fábulas:

Muxenas. Lugo: [s.n.], 1888. Prólogo de Pérez Ballesteros. Reeditado en Vigo: Imp. Ánxel Varela, 1896. Contén 46 poemas en galego.

Fábulas i epigramas. Lugo: Imp. Xerardo Castro, 1892. Contén 27 fábulas.

Fábulas galaico-castellanas. Lugo: Imp. Palacios, 1897. Edición corrixida e aumentada da anterior. Contén 45 fábulas en galego e 28 en castelán.

           

Temática agrícola:

Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia. Lugo: Xerardo Castro, 1903.

Contra el mildiu, el oidio y el black-rot. Vigo: Tip. de La Concordia, 1917.

 

No Boletín da Real Academia Galega:

“Alma d'a poesía gallega”, t. 3, n.º 35, 1910, pp. 241-252.

“Trabajo folk-lórico gallego”, t. 9, n.º 103, 1916, pp. 154-161.  



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar