Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Francisca Herrera Garrido
A Coruña


04/03/1945





Rosalía de Castro

[Finou antes de tomar posesión como académica de número. Considérase igualmente académica numeraria]




Darío Xohán Cabana Yanes (22/04/2006 - )
Manuel María Fernández Teixeiro (15/02/2003 - 08/09/2004)
Marino Dónega Rozas (03/11/1973 - 01/04/2001)
José Espinosa Rodríguez (18/10/1952 - 13/12/1966)
Francisca Herrera Garrido (04/03/1945 - 05/11/1950)
Lisardo Rodríguez Barreiro (22/04/1939 - 14/05/1943)
Florencio Vaamonde Lores (04/09/1905 - 19/10/1925)


Nada na Rúa do Príncipe da cidade da Coruña o 6 de marzo de 1869 e finada na mesma cidade o 5 de novembro de 1950, foi unha escritora fundamental nas nosas letras e a primeira muller escollida membro de número da Real Academia Galega.

Filla do arrendador Manuel Herrera Hernández e de Josefa Garrido Matos, filla esta de Andrés Garrido, un famoso banqueiro local, Francisca Herrera Garrido naceu no seo dunha familia da burguesía acomodada. Sendo a menor de cinco irmáns, pasou unha infancia de atencións e coidados na Coruña. No entanto, coa morte da nai en 1909 e sendo recente morte do mozo por mor da tuberculose, marchou a Madrid en agosto dese mesmo ano e alí viviu coa maior das súas irmás. Mentres residiu na capital española, regresou a Oleiros polo verán e o Nadal, pois non foi ata a chegada da Guerra Civil cando as dúas irmás regresaron definitivamente á Coruña.

Na súa feliz infancia foi educada en principios tradicionais e nunha viva fe relixiosa. Por outra parte, a súa formación intelectual foi a propia dunha muller do seu medio e do seu tempo, agás no que atinxe ao seu excepcional e temperán gusto pola literatura, onde a obra de Rosalía funcionou como lectura de cabeceira. A súa actividade literaria comeza, porén, xa cumpridos os corenta anos, cando en 1913 publica, en Madrid, Sorrisas e bágoas, unha obra inspirada no ambiente rural de Oleiros, onde pasa os veráns. Entre 1913 e 1925 escribiu e publicou as súas obras en lingua galega, mentres dalgunha maneira se relacionaba cos intelectuais e escritores galeguistas da época. Aínda que Francisca Herrera pasaba os invernos en Madrid e, polo tanto, non podía asistir con asiduidade ao famoso faladoiro coruñés da Cova Céltica, ou a outros encontros para o debate e o intercambio de ideas entre os intelectuais da altura, debemos supoñer que non só non estaba á marxe do medio literario galego, senón que gardaba contacto con el. Así se explica que o seu segundo libro, Almas de muller... ¡Volallas n'a luz!, leve un limiar de Manuel Murguía, que ela mesma prologue unha edición de Cantares Gallegos, de Rosalía, ou que dúas novelas da súa autoría fosen publicadas nas editoriais Lar e Céltiga.

Coa Guerra Civil comezaron as dificultades na vida, ata o momento relaxada, da nosa autora. Francisca e a súa irmá maior Queta abandonaran Madrid fuxindo da tensión e dos perigos da guerra, pero, no seu regreso a Coruña, coidaban retornar á capital española nun futuro próximo, calculando que aquelas revoltas eran só eventuais. Deixaron, polo tanto, en Madrid bens persoais e todo o seu capital nos bancos. Cando, pasados tres invernos en Oleiros, volven a Madrid coa intención de recuperar as súas pertenzas, xa non restaba nada do que era seu, tendo que mudar radicalmente o seu nivel de vida. Así, pasada a guerra, comezaron a vivir moi modestamente grazas á axuda que Josefa, a criada de toda a vida, lles ofreceu.
O 4 de marzo de 1945 a Real Academia Galega escolleu a Francisca Herrera Garrido membro numerario. Malia que a todos os efectos a escritora foi membro de número da Corporación, a súa morte no ano 1950 aconteceu antes de que a Academia chegase a fixar a data do acto solemne do seu ingreso, no que daría lectura ao seu discurso, que ela mesma xa fixera chegar ao Presidente, sobre Rosalía de Castro, con resposta de Couceiro Freijomil.

Na obra de Francisca Herrera transloce unha ideoloxía conservadora e relixiosa cando manifesta a súa convicción de a muller estar destinada ao amor incondicional, xustificando toda renuncia e sacrificio e considerando a relación materno-filial un paradigma das relacións que debe establecer a muller. A súa obra, maioritariamente escrita en galego, encóntrase espallada en diversas publicacións periódicas coma El Eco de Galicia, Cultura Gallega, Galicia, Alma Gallega, Nós, ou mesmo A. C. G., a revista do Auto-Aero Club de Galicia, onde fai visibles poemas, inéditos ou xa publicados, ensaios e recensións. As súas publicacións exentas, tamén abondosas, recollen poesía e narrativa,cando a narrativa en lingua galega constituía un xénero de escasa tradición, carente, xa que logo, de obras que puidesen servirlle de modelo lingüístico ou estrutural.

O seu arquivo, no que se poden consultar documentos privados e manuscritos, encóntrase no Museo de Pontevedra. Finalmente, a súa traxectoria comezou a recoñecerse ao serlle dedicado o Día das Letras Galegas do ano 1987.  

Recollemos, a seguir, a súa obra máis importante:

Poesía
Almas de muller... ¡Volallas n'a luz!A Coruña: Imp. Roel, 1913.
Sorrisas e bágoas. Madrid: Imp. científica y artesanal de alrededor del mundo, 1915.
Frores do noso paxareco. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1919.

Narrativa
Néveda. A Coruña: Imp. Roel, 1920.
Martes d'antroido. A Coruña: Imp. Lar, 1925.
A y-alma de Mingos. Ferrol: Céltiga, 1992.

Narrativa en castelán 
Pepiña. Madrid: Marineda, 1922.
Réproba. Madrid: Páez, 1926.
Familia de lobos: la novela del obrero. Madrid: Biblioteca Patria, 1928.         



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar