Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Xosé Henrique Monteagudo Romero
Muros, A Coruña, 26/11/1959


25/02/2012


Xosé Luís Axeitos Agrelo, Darío Xohán Cabana Yanes e Antón Santamarina Fernández.


Facer País co idioma: sentido da normalización lingüística




Rosario Álvarez Blanco


Xosé Henrique Monteagudo Romero (25/02/2012 - )
Antonio Gil Merino (13/12/1975 - 18/10/2009)
Gonzalo López Abente (27/07/1941 - 25/07/1963)
Manuel Lugrís Freire (04/09/1905 - 15/02/1940)


Secretario (20/04/2013 - Actualidade)


Xosé Henrique Monteagudo Romero (20/04/2013 - Actualidade)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)
Manuel González González (17/12/2005 - 16/12/2009)
Manuel González González (20/12/2001 - 16/11/2005)
Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)
Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)
Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)
Ramón de Artaza y Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)
Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)
Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)
Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)
Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906)

Naceu en Esteiro (Muros), o 26 de novembro de 1959. A súa infancia e primeira escolarización transcorreron na vila de Muros. Estudou o bacharelato na Coruña e en Santiago de Compostela. Cursou a carreira de Filoloxía Hispánica (subsección de Galego-Portugués) na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo a licenciatura en 1981, o grao en 1982 e o doutoramento en 1995, coa tese Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista, pola que recibiu o premio extraordinario de doutoramento. Exerceu como profesor nesta, primeiro de Filoloxía Románica (1982-1995) e despois de Filoloxía Galega (de 1995 ata a actualidade). É profesor titular de Filoloxías Galega e Portuguesa desde 1997. Investigador do Instituto da Lingua Galega desde 1981, forma parte do seu consello científico desde 1995.

Tamén é investigador colaborador do Centro de Linguística Geral e Aplicada da Universidade de Coimbra desde 2007. Foi “Assistant Lecturer” na Universidade de Birmingham (RU) no curso 1988/89 e “Visiting Professor” na Universidade de California (Santa Barbara) no curso 2008/09. Deu seminarios de posgrao e cursos de doutoramento no Graduate Center / City University of New York (1996, 2006 e 2010), na Universidade de Lisboa (1997), no Instituto de Lingüística da Universidad de Buenos Aires (2004, 2007 e 2013), na Universidade de São Paulo (2009 e 2011), na Universidad de la República (Montevideo, 2014), e na Universidade Federal Fluminense (Niterói / Rio de Janeiro, 2016). Foi convidado para participar en congresos e dar conferencias ou seminarios noutras universidades de España e Portugal, Europa e as Américas. Foi o primeiro secretario do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (1986/87) e coordinou o Programa Oficial Interuniversitario de Posgrao “Máster en Política Lingüística e Normalización en Galicia” (USC / UdC / UVigo, 2008/09).

Foi un dos fundadores da revista Dorna. Expresión poética galega (1982) e membro do seu consello editorial ata 2006. Forma parte do consello de redacción de Grial. Revista Galega de Cultura desde 1988, e é o seu co-director desde 2003. Tamén é membro do consello de redacción da revista científica Estudos de Lingüística Galega (ILG/USC) e mais do Boletín da Real Academia Galega, e do comité editorial das publicacións Treballs de Sociolingüística Catalana, Gragoatá(UFF-Niterói /Brasil, desde 2014) e LaborHistórico (UFRJ-Rio de Janeiro).Na década dos oitenta e primeiros anos noventa colaborou na elaboración de libros de texto e material didáctico de lingua galega con Edicións Xerais de Galicia. É asesor da Editorial Galaxia nas coleccións de libros e manuais para o ensino. Pertence ao Consello Editorial da Editorial Parábola (São Paulo) desde 2007.

Socio da Fundación Castelao, foi tamén o seu vicepresidente (1996-2000). Patrón da Fundación Penzol desde 2006, é na actualidade membro da súa Xunta directiva. Socio da Fundación Carlos Casares desde a súa fundación (2003), é membro do seu padroado. Formou parte da Comisión de Lingua e Literatura do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).

Membro do Consello da Cultura Galega de 1998 a 2014, foi o seu Secretario (1999- 2010) e coordinador da súa Sección de Lingua (1998-2007). Foi coordinador do “Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia (1980-2000)”, director científico do proxecto “Obras de Martín Sarmiento”, e director do Centro de Documentación Sociolingüística do CCG (1998-2014). Tamén foi impulsor dos Encontros pola Normalización Lingüística (dezaseis edicións desde 1993), co-comisario da exposición Galicia 25. Unha cultura para un novo século (2008/10) e coordinador do foro Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade (2008) e mais do seminario Lingua, sociedade e política en Galicia (2009/10), ademais doutros congresos e seminarios organizados polo Consello da Cultura Galega.

Ademais de recibir o Premio extraordinario de doutoramento en 1995, foi Premio de Investigación “Losada Diéguez” en 1986 pola Gramática galega e en 2000 pola Historia social da lingua galega.Tamén foi distinguido co Premio da crítica Galicia en Investigación de 2008, por Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito. Recibiu a mención de honor da Real Academia Galega de Ciencias (2011), polo traballo A evolución do bilingüismo en Galicia: proxeccións a longo prazo por áreas xeográficas, realizado en colaboración con Jorge Mira, Luís F. Seoane Iglesias e Håkan Berg.

É membro numerario da Real Academia Galega desde 2012 e o seu secretario desde 2013. O seu discurso de ingreso, lido o o 25 de febreiro de 2012, titulouse Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística, e foi respondido por Rosario Álvarez Blanco. Coordina o Seminario de Sociolingüística da RAG.

Publicacións

Nas súas investigacións e publicacións tocou temas de filoloxía, historia da lingua, sociolingüística e glotopolítica; ademais, editou textos galegos de todas as épocas, desde a idade media ata a actualidade. Entre a súas publicacións máis importantes, como autor ou coautor, destacan Gramática galega (1986),O son das ondas. Martin Codax, Meendiño e Johan de Cangas (1998), Historia social da lingua galega(1999; 2º ed. 2017), Castelao: defensa e ilustración da lingua galega(2000), Letras Primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito(2008), As razóns do galego (2009), Facer país co idioma: Sentido da normalización lingüística (2012), En cadea sen prijon (2013), A nobreza miñota e lírica trobadoresca na primeira metade do século XIII (2014) e Carlos Casares, un contador de historias (2017). Tamén é coautor das monografías A sociedade galega e o idioma (1992-2003) (2005), O idioma galego na sociedade. A evolución sociolingüística de Galicia, 1992-2008 (2011), A(s) lingua(s) a debate. Inquérito sobre opinións, actitudes e expectativas da sociedade galega (2011) e Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística, 1992-2013 (2017).

É editor ou coeditor científico dos volumes Estudios de sociolingüística galega (1995), O proceso de normalización da lingua galega (1980-2000), 3 vols. (2002), Actas do Congreso Internacional “Curros Enríquez e o seu tempo”, 2 vols. (2004), Norma lingüística e variación(2005), Sociedades multilingües: da identidade á diversidade (2009), Galego e português brasileiro: História, variação, mudança (2012), Linguas, Sociedade, Política. Un debate multidisciplinar (2012), Contacto de linguas e hibrididade: contextos, procesos e consecuencias (2013), Ao sabor do texto. Estudos dedicados a Ivo Castro (2013) e De Roma ata Lixboa. Estudos sobre os cancioneiros galego-portugueses, de Elsa Gonçalves (2016).

Destacan tamén os seus artigos nas revistas Plurilinguismes nº 6 (Paris, 1993), Lengas nº 47 (Montpellier, 2000), Anuário Internacional de Comunicação Lusófona (2004 e 2010), Gragoatá nº 32 (Niterói, 2012), Quo vadis Romania? nº 39 (Wien, 2012) e Diacrítica nº 29 (Braga, 2015). Canto ás súas contribucións para volumes científicos, salientan as publicadas en Trends in Romance Linguistics and Philology. Volume 5: Bilingualism and Linguistic Conflict in Romance (Berlin / New York, 1993), Avances en Lingüística Aplicada (Santiago de Compostela, 1996), Políticas Lingüísticas. Norma e identidad (Buenos Aires, 2001), As Línguas da Península Ibérica (Lisboa, 2002), Linguística Histórica e História da Língua Portuguesa (Porto, 2004), Norm und Normkonflikte in der Romania (München, 2005), Memoria literaria de la Transición española (Madrid / Frankfurt, 2007), La España multilingüe. Lenguas y políticas lingüisticas de España (Viena, 2008), Discursos, Lengua, Imágenes: la Cultura Gallega en Paradigmas Plurales (Buenos Aires, 2009), Políticas da Norma e Conflitos Linguísticos (São Paulo, 2011). Rosae. Lingüística Histórica, História das Línguas e Outras Histórias (Salvador de Bahia, 2012), Portugiesisch als Diasystem / O Português como Diassistema (Frankfurt am Main, 2013) e A Political History of Spanish, The Making of a Language (Cambridge, 2013; traducido ao castelán en 2016).

Como editor filolóxico, cómpre salientar a coordinación da edición das Obras de Castelao, en 8 volumes (2000),o Coloquio en mil duascentas coplas galegas, de Martín Sarmiento (2002), Cantigas de Santa Maria. Códice de Toledo de Afonso X o Sabio (2003),a obra de Martín Sarmiento De Historia Natural y todo género de erudición, en 3 volumes (2008) e a monografía De verbo a verbo. Documentos en galego anteriores a 1260 (2009). Como editor literario, son merecentes de destaque as súas edicións deA romaría de Xelmírez, de Ramón Otero Pedrayo (editor, 1991), Sempre en Galiza, de Castelao (1992, reeditada en 2000), Follas Novas, de Rosalía de Castro (1993), Castelao de viva voz. Conferencias e discursos (1996), A Lagarada e O desengano do prioiro, de Ramón Otero Pedrayo (1998), Martín Sarmiento: sobre a lingua galega. Unha antoloxía (2002), Catálogo de libros curiosos y selectos, de Martín Sarmiento (2002), A linguaxe e as linguas, de Ramón Piñeiro (2007), O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade, de Ramón Piñeiro (2009), Fermín Penzol. Unha obra para un país (2010), Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía, 1915-1990 (2015), Carlos Casares. Universidade de literatura (2017) e O expreso da literatura e outros ensaios, de Carlos Casares (2017). Como tradutor, cómpre salientar a obra A lírica galego-portuguesa, de Giuseppe Tavani (1986).



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar