Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Xesús Ferro Ruibal
Moraña, Pontevedra, 28/09/1944


04/05/1996


Constantino García González, Carlos Casares Mouriño e Andrés Torres Queiruga


Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre




Carlos Casares Mouriño


Xesús Ferro Ruibal (04/05/1996 - )
Enrique Vidal Abascal (27/03/1971 - 31/10/1994)
Ramón María Aller Ulloa (27/07/1941 - 28/03/1966)
Rafael Pérez Barreiro (04/09/1905 - 29/04/1932)


Xesús Ferro Ruibal (Rebón, Moraña 1944) rematou os estudos de Teoloxía no Seminario de Santiago (1965) e de Filoloxía Clásica en Roma (1969). Foi catedrático de latín no ensino medio e investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de Santiago, co que segue colaborando. Na Real Academia Galega traballou en asuntos de sociolingüística, onomástica e norma.

No eido da filoloxía grecolatina publicou De varia Christianorum habitudine erga cultum et rem classicam (1982 Barcelona: ETD), Dido e Eneas. Xénese nacemento e vida de dous personaxes polémicos da Eneida (Concepción Arenal. Monogr 1., Santiago 1983). É coautor dun libro de texto para o estudo do latín dende a lingua e cultura galega: De onte a hoxe. Latín 2º de BUP (Xunta de Galicia 1984; Vigo: Xerais 1989); de Novos textos para a introducción no latín. 3778 refráns latinos (Santiago: ed. dos autores, 1990), de diversos artigos de didáctica do latín. "Tres escritores latinos na Galicia do século XX" en ÁLVAREZ, Rosario e VILAVEDRA, Dolores (coords.) (1999):Cinguidos por unha arela común: Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, II. Literatura. Universidade de Santiago; 555-573. Participou na tradución da Biblia ó galego: O Novo Testamento (Vigo: Sept, 1978) e A Biblia (Vigo: Sept, 1989) e publicou "Reflexións verbo da traducción da Biblia ó galego" en Viceversa 5,1999,11-39.

No eido da fraseoloxía: Refraneiro Galego Básico (Vigo: Galaxia, 1987); Refráns da xustiza (Vigo: AFNL, 1995); Refraneiro galego da vaca con Pedro Benavente (Santiago: CIRP, 1995); Refraneiro galego máis frecuente (La Voz de Galicia 2002). Ingresou nesta Academia co traballo Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre (A Coruña: RAG, 1996). No Centro Ramón Piñeiro dirixiu ata a xubilación en 2014 o proxecto de Fraseoloxía Galega do que forman parte os Cadernos de Fraseoloxía Galega (16 vols. publicados en 2014), revista internacional en lingua galega, na que publicou 30 traballos. Coordinou o I Coloquio Galego de Fraseoloxía (Actas. Xunta de Galicia 1998) e maila tradución galega de dous libros de fraseoloxía eslava de Valerii Mokienko (2000) e doutro de Baránov-Dobrovol’skij (2009). Traballa nun Tesouro de Fraseoloxía Galega. Colaborou con notas fraseolóxicas en Irimia (1992-1996), en Tabeirós Terra (1998 e 1999) e tamén na Radio Galega. Fóra de Galicia publicou “A comparación fraseolóxica como radiografía lingüística” (2008) e “Paremias meteorolóxicas galegas: crítica e hermenéutica deste xénero literario” (2012). Coordinou a edición de dous grandes repertorios paremiolóxicos e fraseolóxicos inéditos: o de Francisco Vázquez Saco (Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral) e mais o de Xosé Augusto Ventín Durán (Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral).

No 2010 e en colaboración co veterinario Pedro Benavente Jareño publicou O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún (Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades).

No eido da onomástica dirixiu o Diccionario de nomes galegos (Vigo: Ir indo 1992) [versión reducida pero revisada O teu nome (Vigo, Ir indo 1994)], estudou os nomes dos barcos e participa no Seminario de Onomástica da RAG. Publicou "Onomástica gallega, lo hecho y lo por hacer" (Pamplona 2005).

Na cuestión normativa estudou e defendeu a autonomía do galego fronte ó castelán e tamén fronte ó portugués: "O acordo ortográfico e morfolóxico de 1982. Entre a utopía foneticista e as heterografías lusistas" (I Encontros Labaca. Sada: Ed. do Castro, 1984; 177-307; reelaborado posteriormente). "A planificación do corpus no galego" (Actas do Congreso Internacional da Cultura Galega. Santiago 1990. Consellería de Cultura, 1992,375-382). "Gallicia / Gallizia / Gallisia / Galliza. O nome castelán da nosa terra" en ÁLVAREZ, Rosario e SANTAMARINA, Antón (eds.) (2004): (Dis)cursos da escrita: Estudos de filoloxía galega ofrecidos en memoria de Fernando R. Tato Plaza. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza; 259-283. A súa opinión sobre asuntos normativos expresouna tamén en nove artigos de prensa (xullo de 1986; decembro de 2001).

De asuntos sociolingüísticos son o ensaio A Igrexa e a lingua galega. (Santiago: Consello da Cultura Galega, 1987), "Algúns textos relixiosos galegos anteriores á admisión do galego como lingua litúrxica" (en López Muñoz - Ferro Ruibal (2000): A palabra fai camiño. A Coruña: Asociación Irimia; 43-159); “Unha sociolingüística cualitativa e terapéutica para a Galicia de hoxe” en Cadernos de lingua 27,2005, 5-35; e diversos artigos en Grial, Cadernos de Lingua e Encrucillada, ademais doutros textos creados para actos concretos "Palabras milenarias" (Irimia 545,1998-1999,7) ou "¿Por qué falámo-lo galego?" (Tabeirós Terra).

Membro da Comisión Técnica que dirixiu dende 2002 a elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (Parlamento de Galicia 22.9.2004; BOPG 622; 7.9.2004), participa na promoción do galego na Igrexa (na liturxia parroquial, en Fátima, Encrucillada, na campaña Galegos de por vida, Bienio Irmandiño; é autor do texto paralitúrxico da XV Romaxe de crentes galegos de 1992) e na empresa: para os Contos do Castromil escribiu dous relatos (“A miña oportunidade” e “Os papiros do Medulio”) (1992) e, para os de Travibús, “Non hai resposta mellor có amor” (2010).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística encomendoulle no 2002 a creación cun equipo de informáticos dun xogo educativo de cultura galega (do tipo Trivial) para distintos niveis: O Preguntoiro; e no 2008 encomendoulle a creación, dirección e presentación dun microespazo sobre lingua galega para TV: o Ben falado! trata as máis variadas cuestións lingüísticas; os 480 capituliños realizados coa produtora Pórtico empezaron a emitirse polas diferentes canles da TVG o 21.7.2008; posteriormente fixéronse edicións en DVD para os Centros de ensino de Galicia e os Centros de Estudos Galegos espallados por todo mundo: Ben falado! (2010) e Ben falado! Volume 2 (2012).

Publicou un inédito teolóxico en galego de Celestino García Romero (Inferno e gloria. Vigo: Sept 2000); algún artigo de historia (Boletín da Real Academia Galega e A Taboada), semblanzas de Fernández del Riego, Torres Queiruga, Filgueira Valverde, Díaz Pardo, Sarmiento, Carlos Casares, Chao Rego, Moncho Valcarce, Marcos Valcárcel, Miguel Grande e Fernando Pereira; e prologou unha ducia de libros.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar