Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Euloxio Rodríguez Ruibal
Ordes, A Coruña, 16/03/1945


24/03/2006


Salvador García Bodaño, Francisco X. Río Barxa e Xosé Luís Axeitos Agrelo


Do escénico e o fílmico: notas sobre a linguaxe teatral no cinema contemporáneo




Xosé Luís Axeitos Agrelo


Euloxio Rodríguez Ruibal (24/03/2006 - )
Antonio Meijide Pardo (25/05/1963 - 25/06/2004)
Ángel del Castillo López (18/03/1927 - 14/03/1961)
Ramón Armada Teixeiro (04/09/1905 - 12/06/1920)


Arquiveiro-Bibliotecario (23/01/2010 - 20/04/2013)


Fina Casalderrey Fraga (28/03/2017 - Actualidade)
Margarita Ledo Andión (20/04/2013 - 17/03/2017)
Euloxio Rodríguez Ruibal (23/01/2010 - 20/04/2013)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (17/12/2005 - 18/12/2009)
Antonio Gil Merino (29/11/1997 - 16/11/2005)

Euloxio Rodríguez Ruibal nace en Ordes (A Coruña) o 16 de marzo de 1945. Reside desde neno en Compostela, onde na mocidade frecuenta os ambientes teatrais e cinéfilos, que influíron de xeito notable nas súas posteriores actividades artísticas e literarias. O actor e director Juan Jesús Valverde, con quen mantén desde aquela unha gran amizade, introdúceo no Teatro de Cámara Ditea, co cal colabora durante varios anos como rexedor de escena e director. Despois funda e dirixe o grupo teatral Obradoiro e mais o equipo de cinema independente Lupa. Por esta época escribe guións e pezas teatrais breves e a súa vocación literaria refórzase co coñecemento de persoeiros da nosa cultura tan relevantes como Eduardo Blanco-Amor, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Así mesmo, relaciónase estreitamente con escritores e artistas da súa xeración (Xavier Carro, Roberto Vidal Bolaño…) ou da xeración anterior (Bernardino Graña, Salvador García-Bodaño, Xulio Maside, XoséLuís Méndez Ferrín…) e céntrase na escrita de textos dramáticos.

Entre as obras teatrais publicadas dende entón, cómpre salientar as seguintes: Zardigot (1974), A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida (1975), O cabodano (1977), Azos de esguello (1990), Maremia (1996),O son da buguina (1999) Luscofusco (2000), Labirinto da memoria (2010). Unha escolma de textos dramáticos breves ofrécese en Minimalia. 20 pezas curtas (2004). A obra dramática infantil apareceu publicada nos volumes Teatro infantil (O aparello troca tempos, Os ledos chirlomirlos de don Farraco Farraqueiro, A marquesiña encantada) (l988) e Brinquemos ó teatro (25 peciñas para nenos e xoves) (1990).

Do interese de Ruibal pola narrativa ofrecen unha boa mostra a novela Casarriba (2000), e mailos numerosos relatos curtos publicados en prensa, revistas e libros colectivos, moitos deles recollidos no volume De corpo enteiro (1994). Posteriormente, saíron á luz os contos A fonte de Ana Manana, Noite americana eAmor.es.
Os estudos sobre teoría e investigación tamén acadaron a súa atención. Considerables ensaios ou traballos de investigación, moitos deles produto da súa participación como relator e conferenciante en cursos, seminarios ou congresos, saíron publicados en libros e revistas. Un bo mangado deles foron escolmados nos volumes Xogo de máscaras. Escritos sobre teatro galego (2003) e Escena aperta. Escritos sobre teatro (2009). De todos eles, cabe resaltar as achegas “A plasticidade no teatro de Castelao” e “Achegamento ao teatro de Luís Seoane”, no primeiro volume; no segundo, “Mito e símbolo en Divinas palabras”, “A soldadeira: espazo e liberdade”, “Ecos do teatro oriental na dramaturxia occidental”.  Porén, o estudo de maior envergadura é o publicado co título Valle-Inclán e o teatro galego. A recepción da obra dramática de Valle-Inclán na dramaturxia galega (1916–1973), editado en 2005 e que obtivo o premio Valle-Inclán nese mesmo ano.

Ao traballo no eido audiovisual co equipo Lupa, cómpre agora engadir o de guionista e director da mediametraxe VertiX (2008)e mais da curta Mamai Fedra (2009). Ruibal tamén é autor de outros guións, algúns deles filmados (Macana de dote, che), televisados (Papá querido, Chacharachada, Aire fresco) ou publicados (Maruxía, Baile de máscaras, Namberguán).

Rexentou as galerías de arte Torques (1975-1979) e Citania (1978), ambas de Santiago de Compostela. Nelas leváronse a cabo mostras de prestixiados artistas galegos (Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Torres, Mallo, Castillo, De Dios, Lamazares…) ou foráneos (Picasso, Miró, Saura, Tàpies…), asícomo actividades artístico-culturais, complementarias ou paralelas, nas que participaron persoeiros relevantes de Galicia (Blanco-Amor, Cunqueiro, Del Riego, etc.) Ademai, coordinou a edición de varias carpetas de obra gráfica de recoñecidos artistas (Laxeiro, Granell, Colmeiro, Dans, Costa, Virxilio, De Dios, Lamazares...) e codirixiu a revista de estudos literarios e artísticos Citania. Artes, letras, espectáculos. Organizou ou comisariou diversas mostras, algunhas das cales itineraron por diferentes cidades europeas (Vitoria, Lorient, Cracovia) ou sudamericanas (Asunción, Bos Aires, Río de Xaneiro, Salvador de Baía).

Licenciado en Arte Dramática e doutor en Teoría da Literatura, actualmente é profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; impartiu numerosos cursos de escritura dramática e audiovisual nas tres universidades galegas.  

Euloxio R. Ruibal foi presidente da Asociación de Autores Dramáticos de Galicia e mais da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Formou parte de numerosos xurados de premios ou certames de carácter artístico ou literario. Arestora é membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, así como de CEFILMUS (Centro de Estudos Fílmicos da Universidade de Santiago).
Da extensa bibliografía sobre a súa obra, débese resaltar o volumecolectivo,coordinado por Anxo Abuín,Teatro, cerimonia e xogo. A traxectoria teatral, literaria e cinematográfica de Euloxio R. Ruibal.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar