Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Margarita Ledo Andión
Castro de Rei, Lugo, 05/02/1951


07/02/2009


Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez Blanco e Víctor Fernández Freixanes


Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega




Rosario Álvarez Blanco


Margarita Ledo Andión (07/02/2009 - )
Miguel Anxo Araúxo Iglesias (30/05/1980 - 22/07/2007)
Ramón Otero Pedrayo (09/12/1929 - 10/04/1976)
Francisco Ponte y Blanco (23/09/1921 - 20/07/1926)
José Pérez Ballesteros (04/09/1905 - 30/10/1918)


Arquiveira-Bibliotecaria (20/04/2013 - 17/03/2017)


Fina Casalderrey Fraga (28/03/2017 - Actualidade)
Margarita Ledo Andión (20/04/2013 - 17/03/2017)
Euloxio Rodríguez Ruibal (23/01/2010 - 20/04/2013)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (17/12/2005 - 18/12/2009)
Antonio Gil Merino (29/11/1997 - 16/11/2005)

Nada en Castro de Rei-Terrachá no ano 1951, é cineasta, escritora e Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela.

“Os meus comportamentos narrativos adoitan ancorar nese real que se agarra á construcción literaria para tronzar insolidariedades e que por iso se nos fai altivo cando escoa para unha das moitas versións en que se poderá manifestar. Eu agora corrixo probas nunha historia de personaxe que o tería todo para ser un heroe: inxenio, paixón, clarividencia, iniciativa, unha boa esquerda aos morros e un metro oitenta de estatura. Leva nun manicomio máis de vinte anos. E é de carne e oso. Como a literatura que desexo”
Margarita Ledo Andión, "Autopoética", Boletín Galego de Literatura, Universidade de Santiago de Compostela, 1990.

Aos vinte anos da aparición do poemario Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (1970), esta referencia á novela Porta Blindada segue a remarcar unha das constantes da obra de creación da autora: o real como materia que precisa da fábula para que, ao retornar desta viaxe, poida bater as súas propias ás. Sempre existe un rastro carnal, sempre ese rastro precisa percorrer múltiplos rexistros até chegar, quizaves, a se recoñecer.

Un pouco de leite callado, 1972 , intervido pola censura, e O corvo érguese cedo, 1973, son as obras que a fan figurar entre a escolma de María Victoria Moreno para o libro Os novísimos da poesía galega.

A militancia na Unión do Pobo Galego, UPG, o exilio e o lectorado de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos portugueses e galegos, realizadas cunha bolsa da Fundación Gulbenkian, oriéntana, no nivel profesional, cara a investigación e a docencia.

Mamá-Fe, 1983, é os eu primeiro libro de relatos e é Premio Álvaro Cunqueiro do Concello de Vigo. Algúns dos seus relatos están traducidos ao inglés, ao catalán e ao castelán. Neste mesmo ano vai ser a primeira muller premiada no 8º concurso de narracións curtas Modesto R. Figueiredo do Pedrón de Ouro por “Rematado a man”. No 1985 sae a novela Trasalba ou Violeta e o militar morto e no 1989 a miscelánea Linguas Mortas. Serial radiofónico con fotos de Anna Turbau. Historias como Barcelona, 1992, é o seu segundo libro de relatos, e ao longo dos anos noventa poemas e narracións súas aparecen en diferentes obras colectivas tal que:

“Vía Durruti, ano 36” in Cadernos de Viaxe, 1989; “Renda no muro” in Contos eróticos/Elas, 1990; “Interior do Mundo” in Sede Central Relatos 2, Clube Cultural Adiante, 1990; “Sobremesa en restaurant chinés” in Boletín Galego de Literatura, núm. 3, Maio 1990; “Os miñotos, tan disimulados” in Homenaxe a Laxeiro, 1991; “Carta Postale” in Poesía en Liberdade, XIII Festival da Poesía no Condado, 1993 “Real, 161 (interior), Ferrol” in Novo do Trinque, 1997; “A maleta de Marsella” in Liñas ParaLelas, 1998; “A Misa do Galo e o gol de Marcelino” in A infancia recordada, Grial, núm. 144, decembro 1999 e nas sucesivas edicións do Festival de Poesía no Condado. O serrote do Gil, para público infantil, sae en Galaxia en 2009.

A partir do ano 2000 o seu traballo de creación enlaza cun dos seus campos de traballo teórico, o documental autoral, e debuta no cinema como guionista e directora da longametraxe Santa Liberdade, 2004, 87m, en coprodución con Brasil e Venezuela. A súa obra cinematográfica seguirá coa mediometraxe Manuel María: fala e terra desta miña terra, 2005, da que é directora e guionista, coa curta de 5m Lavacolla, 1939, para o filme colectivo Hai que botalos!, Galicia, 2005, e coa produción executiva da longametraxe CCVV, Galiza, 2005, 65m., dirixida por Ramiro Ledo Cordeiro en homenaxe ao cineasta Carlos Varela Veiga. Directora, guionista e produtora executiva da longametraxe Liste, pronunciado Lister, Galicia, 2007, 110m., a súa longametraxe de ficción A cicatriz branca é a primeira película rodada en galego na diáspora. Autora do DVD Materia de Galicia, 2004, para a exposición “Galicia Moderna” (CGAC-Santiago de Compostela/ Círculo de Bellas Artes, Madrid) a partir dos fragmentos recuperados de Galicia – Finis Terrae de Carlos Velo, realizou unha curtametraxe dentro da modalidade filme-homenaxe, Para Líster, Galicia, 2007, 14m e mais Cienfuegos, 1913, Galicia, 2008, 15m, coa cineasta cubana Belkis Vega e próxima ao “cinema de correspondencia”, encomenda da Dirección Xeral de Promoción Cultural da Xunta de Galicia no seo do programa “Galicia, cultura convidada á Feira do Libro de La Habana 2008”.

Doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona coa Tese Foto-xoc e xornalismo de crise, presentada en galego naquela Universidade catalá que xa tiña acollido, no idioma de Galicia, a que foi a súa primeira obra de investigación, Prensa e Galeguismo: da prensa galega do XIX ao primeiro periódico nacionalista. 20 anos de A Nosa Terra, 1982, ensaio que esculca nos sinais da construción identitaria, cos medios impresos como operadores desa construción.

O seu ámbito de estudo abrangue os universos da imaxe documental –fotográfica e cinematográfica-, cunha achega moi singular á obra do cineasta Carlos Velo, para a que recupera e reclasifica materias do que se considera o primeiro filme galeguista, Galicia-Finis Terrae, (1936) ou localizar e analizar outra película desaparecida deste autor, Terra do Chicle (México, 1952). Unha segunda liña vai cara os espazos xeo-lingüísticos na mundialización, desenvolvendo proxectos de ámbito europeo e euro-americano que parten de Galicia e a súa incardinación tanto na área da periferia atlántica como na lusofonía, e que poñen en relación a interculturalidade, a produción de contidos e as políticas de comunicación. Realizou estadías de investigación no Département d’Etudes Cinématographiques et Audiovisuelles, Université Paris VIII; Department of Theatre, Film and TV Studies, University of Wales-Aberystwyth; Département de Sciences de l’Information et de la Communication, Université de Haute Bretagne, Escola de Comunicação e Artes da Universidade de São Paulo, Cinemathèque Québecois, Filmoteca de México-UNAM ou Dublín Institut of Technology, DIT.

Animadora e produtora cultural, o seu labor académico e xornalístico inclúe numerosos textos sobre literatura, escultura, fotografía e videoarte que, a nivel indicativo, comezarían co Proemio ao libro de poemas de Manuel María Documentos Persoais, no 1971, e se alongarían até a ponencia Ollar o real: Manuel María nos xornais, no 2006, pasando por Rosalía, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Méndez Ferrín, Álvaro Cunqueiro ou Xohana Torres. É autora do ensaio sobre a escultura moderna en Galicia Como o corte no corazón dun albre, e dun estudo, As identidades da espiral, no que peneira as pegadas da Celtia na expresión cultural e política en Galicia. Para a Asociación de Escritores en Lingua Galega elaborou o proxecto da súa primeira revista, ESCRITA, 1983, e para as Feministas Independentes Galegas o deseño gráfico do anuario Festa da palabra silenciada. Foi fundadora e directora -1977/1980- do periódico semanal A Nosa Terra e na actualidade é editora asociada do Anuário Internacional de Comunicaçao Lusófona.

Con Documentalismo Fotográfico Contemporáneo: da inocencia á lucidez, 1995, inaugura en Galicia o ensaio sobre fotografía e o seu derradeiro libro, Cine de fotógrafos, acadou o Premio Fundació Espais d’art contemporani-2005. Presidenta da Asociación galega de investigadores e investigadoras en comunicación, AGACOM, vicepresidenta primeira da Asociación española de investigación en comunicación AE-IC, da Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación, LUSOCOM e da Asociación Iberocamericana de Comunicación, IBERCOM, pertence, entre outros, ao Consello de Redacción de A Trabe de Ouro, e das revistas de comunicación Telos, Trípodos, Quaderns del CAC, L’Atalante ou Revista Latinoamericana de Ciencias de la Comunicación.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar