Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Víctor Fernández Freixanes
Pontevedra, 25/08/1951


27/02/2004


Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina Fernández e Andrés Torres Queiruga


Desafíos para un novo século: entre a Trabe de Ouro e a paxariña de Armenteira




Antón Santamarina Fernández


Víctor Fernández Freixanes (27/02/2004 - )
Carlos Casares Mouriño (27/05/1978 - 09/03/2002)
Xesús Ferro Couselo (16/09/1951 - 23/04/1975)
Juan Rodríguez Cabrero (10/06/1946 - 27/12/1949)
Federico Maciñeira y Pardo de Lama (04/09/1905 - 25/01/1943)


Nado en Pontevedra no ano 1951, é escritor, editor, xornalista e profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se doutorou en Filoloxía Románica en 1998. É catedrático (en excedencia) de Lingua e Literatura Galega de educación secundaria.

Ingresou na Real Academia Galega, ocupando a cadeira de Carlos Casares, o 27 de febreiro de 2004 co discurso Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira, ao que respondeu o académico Antón Santamarina Fernández.

Foi director xeral da editorial Galaxia entre 2002 e 2016 e é codirector da revista Grial (Revista Galega de Cultura), xunto co profesor Henrique Monteagudo. Con anterioridade, foi director xeral da Edicións Xerais de Galicia (1988-1993), director xeral de edicións do Grupo Anaya e director de Alianza Editorial S.A (1994-1998). É presidente, desde 2005, da Fundación Otero Pedrayo e membro da Sección de Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega -institución de cuxo pleno tamén formou parte- e do padroado executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Os seus primeiros libros son de xornalismo: Unha ducia de galegos (Galaxia, 1976) e Memorias dun fuxido (Edicións Xerais de Galicia, 1980), que foi finalista do Premio Internacional da Prensa en Niza. Como novelista publicou O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia, 1982), O enxoval da noiva (Galaxia, 1989), A cidade dos césares (Edicións Xerais de Galicia, 1993) e Cabalo de ouros (Galaxia, 2010). En 1991 publicou Unha avelaíña na lámpada, relato breve ilustrado polo pintor Xosé Freixanes (Edicións Aguatinta) e en 1989, Pontevedra, o día en que perdemos o mar (Ir Indo), con fotografías de X. Vilar Cardona.

Entre outros recoñecementos, recibiu o  o Premio de Narracións Curtas Modesto Figueiredo por A caza das cascudas; o Premio Blanco Amor e o Premio da Crítica de narrativa galega por O triángulo inscrito na circunferencia; o Premio Gonzalo Torrente Ballester por A cidade dos césares, o Premio Fernández Latorre de xornalismo ou o Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao Autor do Ano por Cabalo de ouros, obra coa que volveu gañar o Premio da Crítica de narrativa galega.

Como xornalista foi cofundador da revista Teima (1976), primeira revista de información xeral en lingua galega despois da ditadura de Franco; redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, onde activou a presenza do idioma galego no medio radiofónico, e director entre 1985-1986 do programa de TVG "A trabe de ouro".

Como ensaísta e director de liñas de investigación, a súa actividade céntrase preferentemente no ámbito da comunicación e as industrias culturais. Algunhas das súas publicacións neste eido son O disco e o cine. A cultura e os medios de comunicación de masas (Banco de Bilbao, 1980); "Lingua, poder e comunicación social", en Cultura e medios de comunicación en sociedades dependentes (Ediciós do Castro, 1981); "El libro en lengua gallega", en Historia ilustrada del libro español (Fundación GSR, 1996), "O perfil do xornalista na sociedade dixital", en A comunicación audiovisual na era dixital (USC, 1996); ou "Os novos medios", en Comunicación 2000 (Consello da Cultura Galega, 2000). Foi redactor ponente de Galicia 2010 (Asociación do Proxecto de Investigación Galicia 2010), e dirixiu Galicia, Unha luz no Atlántico (VVAA. Edicións Xerais de Galicia, 2001) e O capital da cultura. Mapa das industrias culturais de Galicia (Fundación Caixa Galicia, 2010, en colaboración con Alberto Meixide Vecino).

Colaborador habitual na prensa con columnas de opinión (La Voz de Galicia), foi profesor e conferenciante invitado en varias universidades estranxeiras: The Graduate School and University Center de Nova York, Forham University de NY, Universidade de Tamaulipas (México) etc., e relator de seminarios arredor da edición en feiras internacionais (Buenos Aires) con atención especial ás novas tecnoloxías. Traduciu ao galego as Lettres de mon moulin de Alphonse Daudet (Edicións Xerais de Galicia, 1980).



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar