Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Francisco Vales Villamarín
Betanzos, A Coruña, 07/05/1891


27/07/1941


Ángel del Castillo López, Alejandro Barreiro Noya e Federico Maciñeira y Pardo de Lama


*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Francisco Vales Villamarín formaba parte deste grupo de académicos. 




Manuel Casás Fernández


Xosé Luís Regueira Fernández (02/06/2012 - )
Olga Gallego Domínguez (15/11/1986 - 04/09/2010)
Francisco Vales Villamarín (27/07/1941 - 25/08/1982)
José García Acuña (15/11/1932 - 10/06/1933)
Manuel Martínez Murguía (04/09/1905 - 01/02/1923)


Secretario (17/04/1949 - 25/08/1982)


Xosé Henrique Monteagudo Romero (20/04/2013 - Actualidade)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)
Manuel González González (17/12/2005 - 16/12/2009)
Manuel González González (20/12/2001 - 16/11/2005)
Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)
Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)
Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)
Ramón de Artaza y Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)
Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)
Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)
Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)
Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906)

Naceu en Betanzos o 7 de maio de 1891 e morreu na mesma vila o 24 de agosto de 1982. Foi un pedagogo, profesor e historiador implicado no recoñecemento da cultura galega e, moi especialmente, na investigación acerca da súa vila natal. Foi membro da Real Academia Galega e o seu Secretario.

Xa en 1905, antes de iniciar os seus estudos de Maxisterio en Santiago, fundou e dirixiu en Betanzos o semanario satírico Destellos Juveniles, anunciando a súa vocación de xornalista e veciño activo. En 1912 comezou a carreira universitaria e ingresou, xa como redactor, no diario compostelán Gaceta de Galicia, pero o seu nome non se deu a coñecer até 1913, cando fundou e dirixiu a revista pedagóxica El Normalista, órgano dos alumnos da Escola Normal Superior de Mestres de Santiago de Compostela, onde combinaba as súas dúas grandes paixóns: o xornalismo e a pedagoxía. En 1916 obtivo o título de Mestre Superior e, nese mesmo ano, a Xunta local de Primeiro Ensino de Betanzos decidiu adoptar como canto escolar o seu poema en galego, “A Pátrea”, na que foi a primeira mostra de gratitude e recoñecemento dunha longa serie por parte do Concello de Betanzos. No mesmo 1916 recibiu a medalla “Rosalía de Castro”, outorgada pola Comisión organizadora do monumento erguido en Santiago á poeta, “premiando así la entusiasta y eficaz colaboración prestada”. No ano seguinte, poñendo de manifesto o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, fundou a Irmandade da Fala de Betanzos, da que chegou a ser presidente, e asinou “Mitin nazonalista”, unha arenga publicada en A Nosa Terra o 30 de outubro dese mesmo 1917. En 1918 organizou os Xogos Florais de Betanzos, promovidos polas Irmandades, e redactou o prólogo “Unhas verbas”, incluído no folleto editado para esta ocasión. Pouco tempo máis tarde, en 1923, desvelou outra das súas facetas, a de poeta, ao ser premiado coa “Flor Natural” nos Xogos Florais celebrados en Lugo polo seu poema “Ollo co’esa pécora”.

O seu labor pedagóxico non cesou nunca e, en 1925, acudiu á Asemblea Nacional de Pedagoxía, celebrada en Madrid, representando aos Mestres Nacionais da provincia da Coruña. Un ano despois, iniciou e fundou o Museo Pedagógico Regional, na Coruña, sendo o seu secretario e bibliotecario. Ademais, Vales Villamarín realizou diversas investigacións históricas nos Arquivos Nacionais de Valladolid e Simancas, comisionado pola Deputación Provincial da Coruña e polo Concello de Betanzos. Comisionado tamén pola Deputación Provincial da Coruña, estudou en Asturias a organización das bibliotecas populares.

O 10 de maio de 1927 entrou na Real Academia Galega como membro correspondente, a proposta dos numerarios Manuel Lugrís Freire, Eladio Rodríguez González e Félix Estrada Catoyra. Nos números 235-240 do Boletín da mesma institución, publicou a súa primeira colaboración, “A confraría da Concepción de Betanzos”. En 1935, converteuse en Presidente Honorario da Sociedade Instrutiva “Hijos del Ayuntamiento de Coirós”, que lle amosou, así, a súa gratitude. O Concello de Betanzos, que xa viña agradecéndolle o seu interese e dedicación á vila, escolleuno, en 1940, Cronista Oficial e, nese mesmo ano, o 8 de decembro, foi nomeado membro Numerario da Real Academia Galega, a proposta dos académicos don Federico Maciñeira Pardo, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya, na vacante de José García Acuña, tamén betanceiro de orixe. A recepción de ingreso como numerario da RAG realizouse en 1941 no Paraninfo da Universidade de Santiago, aínda que se trataba dunha recepción extraordinaria, pois nela se daba entrada a outros dezaoito académicos máis: S. Portela Pazos, M. Vázquez Seijas, Atanasio López, Samuel Eiján, G. López Abente, J. Carro García, Aureliano Pardo, José Baldomir, A. Couceiro Feijomil, F. Vales Villamarín, C. Sánchez Rivera, G. Brañas Fernández, R. Aller Ulloa, F. Cortés Bugía, P. Pedret Casado, F. Filgueira Valverde, F. López Cuevillas e F. Bouza-Brey.

Vales Villamarín non presentou discurso, xa que foi Bouza-Brey quen leu un discurso de ingreso en nome de todos: “La mitología del agua en el Noroeste hispánico”. Contestou Manuel Casás, Presidente, en substitución de Antonio Rey Soto, académico ao que lle correspondía dar resposta e que non puido facelo por motivos de saúde. Non se recollen nas actas razóns concretas sobre esta entrada múltiple, pero si é sabido que o estalido da Guerra Civil en 1936 desequilibrou a actividade cotiá da Academia, provocando o exilio de moitos dos numerarios, deixando, xa que logo, numerosas vacantes que, posteriormente, deron en cubrirse de novo.

Seguindo a súa afección pola poesía, organizou os Xogos Florais do Concello de Betanzos en 1946. Porén, non deixou de lado a súa actividade como xornalista e historiador, poi, en 1948, fundou e dirixiu a revista de historia, belas artes e etnografía Anuario Brigantino, auspiciada polo Concello de Betanzos. Por primeira vez, o ano seguinte, actuou nas funcións de secretario accidental da RAG, debido á enfermidade do titular, Alejandro Barreiro Noya. No entanto, o 17 de abril de 1949, converteuse en secretario perpetuo da Real Academia Galega, na vacante producida polo pasamento de D. Alejandro Barreiro Noya. Ese mesmo ano, o Ministro de Educación Nacional concedeulle e a Encomenda de Alfonso X, O Sabio.

En 1950 convértese en membro correspondente da Real Academia de Belas Artes “Nuestra Señora del Rosario”, da Coruña, cun discurso en tres partes: "Temas betanceros: I. El santuario de los Remedios y las antiguas rutas jacobeas de la comarca mariñana. II. Ligera ojeada sobre las principales sendas santiaguistas del territorio brigantino (1º, 2º y 3er itinerarios). III. Las antiguas rutas jacobeas del itinerario brigantino (4º itinerario)”. Converteríase en académico de número en 1952. Dez anos despois, chegou a ser o bibliotecario da institución. Vales Villamarín foi tamén académico correspondente da Academia de Genealogía y Heráldica “Mota Padilla” de Guadalajara, México, en 1954; Vogal da Xunta Provincial de Turismo da Coruña e membro correspondente do“Instituto Internazionale per lo Studio e lo Sviluppo delle Relazioni Umane de Venecia, Italia, en 1955; membro do Patronato do Museo Provincial de Belas Artes da Coruña; Vogal do Patronato da Casa da Cultura da mesma cidade; correspondente da Sociedade Martins Sarmento de Guimaraes, Portugal; membro da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña, en 1957; membro correspondente da Academia de San Romualdo de Ciencias, Letras e Artes, de San Fernando, Cádiz, en 1959; membro honorario do International Research Institute de Tenafly, Nova Jersey (USA), en 1960; membro de número do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, en 1964; académico correspondente da Real Academia Hispano-Americana, de Cádiz, en 1965; membro correspondente do Centro de Historia do Estado Falcón, da República de Venezuela, en 1967; académico correspondente da Real Academia da Historia, de Madrid, en 1968 e membro numerario do Instituto de Estudios del Sur de España, de Barcelona, en 1969.

A carón desta intensa participación nas institucións culturais máis destacadas do mundo hispano, a Vales Villamarín foille outorgada a Medalla de Prata da Cidade de Betanzos, en 1952, e tamén a Medalla ao Mérito no Traballo e mais a Medalla de Prata do Mérito Cultural, ámbalas dúas desde o Concello da Coruña. E, así, cara aos últimos anos da súa vida, recibiu múltiples mostras de recoñecemento ao seu traballo no ámbito da cultura e, moi especialmente, á súa labor de valorización da historia de Betanzos. En 1977 recolleu o premio vitalicio da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa; en 1980, recibiu o Título de Fillo Predilecto da Cidade de Betanzos e, asemade, o Pleno do Concello de Betanzos propuxo nomear “Francisco Vales Villamarín” o Colexio de E.X.B. de Betanzos. En 1981, co gallo do 90 aniversario do seu nacemento, Betanzos colocou unha placa conmemorativa na casa onde naceu. En 1982, poucos meses antes do seu pasamento, a Alcaldía de Betanzos determinou que unha das salas do futuro arquivo municipal levará o nome “Sala Cronista Vales Villamarín”.

A súa extensa bibliografía dedícase fundamentalmente á historia, desenvolvendo artigos que analizan aspectos desde o neolítico até o século XX, moi especialmente naqueles casos que afectan a Betanzos ou á provincia da Coruña. Ademais dos libros publicados, o Boletín da Real Academia Galega e o Anuario Brigantino recollen numerosas achegas da súa autoría. Asemade, ocupouse de publicar documentos históricos datados desde o século XIII até o XIX. No seu labor como xornalista, Vales Villamarín tivo sempre presente a vocación historicista, por iso é importante salientar que boa parte das recensións, artigos e entradas das nosas enciclopedias sobre a prensa betanceira están asinadas por el mesmo.

Facemos, a seguir, unha relación sucinta da súa vasta bibliografía.

La Custodia de la Iglesia de Santiago: breve descripción.A Coruña: Imp. Roel, 1963.
Contribución al estudio de los gremios brigantinos: Las danzas de los labradores y mareantes. Betanzos: Imp. Lugami, 1965.
El Blasón de Betanzos de los Caballeros. Betanzos: Imp. Lugami: 1968.
Partida de defunción del escribano coruñés Marcos Jaspe, cuarto abuelo de Simón Bolivar. A Coruña: Moret, 1970.
Los Enterramientos de la Iglesia de San Francisco. A Coruña: Moret, 1971.  
O brasón de Fernán Pérez de Andrade "o boo". A Coruña: Moret, 1972.
A sepultura de Xoan Pardo, pai do mariscal Pardo de Cela. A Coruña: Moret, 1974. 
Tímpanos con el tema de la adoración de los Reyes en templos de la comarca betancera. A Coruña: Moret, 1975.
Heráldica brigantina: armas del segundo marqués de Bendaña. A Guarda: Imp. Guardesa, 1976.  
Feliciano Vicente Faraldo (1785-1842): un significado apostólico gallego. A Guarda: Imp. Guardesa, 1977.
El blasón de los Vilousaz. Betanzos: Imp. Lugami: 1982.

No que respecta á súa produción poética, desde 1905 e até 1916 publicou fundamentalmente en Destellos Juveniles e La Aspiración textos en castelán. En 1916 viu a luz o seu poema en galego, “A Pátrea”, e a partir de entón, e até 1981, a súa produción, de carácter maiormente costumista, foi escrita en galego. En 1923 gañou a Flor Natural dos Xogos Florais de Lugo con “Ollo co’esa pécora”. Entre 1929 e 1980 publicou unha serie de estampas betanceiras, exclusivamente en galego, coma “Día do San Roque”, nas Festas Patronais de Betanzos en 1934; “¿Cantámoslle ó maio?”, en 1935, ou “Día de feira”, en 1947. No ano 2000, o Concello de Betanzos publicou Obra poética de Francisco Vales Villamarín; un conxunto de dous tomos que compendian a súa produción en galego e mais en castelán. 



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar