Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Florencio Vaamonde Lores
Bergondo, A Coruña, 02/04/1860


04/09/1905


Académico fundador


Darío Xohán Cabana Yanes (22/04/2006 - )
Manuel María Fernández Teixeiro (15/02/2003 - 08/09/2004)
Marino Dónega Rozas (03/11/1973 - 01/04/2001)
José Espinosa Rodríguez (18/10/1952 - 13/12/1966)
Francisca Herrera Garrido (04/03/1945 - 05/11/1950)
Lisardo Rodríguez Barreiro (22/04/1939 - 14/05/1943)
Florencio Vaamonde Lores (04/09/1905 - 19/10/1925)


Nado na parroquia de San Xoán de Ouces, en Bergondo, o 2 de abril de 1860 e finado na Coruña o 20 de outubro de 1925, foi unha das máis relevantes figuras da literatura galega do século XIX.

Criado no seo dunha familia nobre, pasa a infancia entre a vila natal e A Coruña, ata que no ano 1878, a familia se instala definitivamente na cidade. A conciencia do desarraigo marcou o poeta, que deixou ver na súa lírica a nostalxia dos primeiros anos felices. Na cidade herculina, Vaamonde Lores traballou como funcionario de Facenda e consagrou o seu tempo á consolidación das letras galegas e á dignificación da lingua nacional. Para debater sobre estes asuntos, acudía ao punto de encontro dos grandes intelectuais da escola coruñesa: o faladoiro convocado na Librería Regional, propiedade de Carré Aldao, coñecido como Cova Céltica. Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Galo Salinas, Eladio Rodríguez González, Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Oviedo Arce, Lugrís Freire, Martelo Pauman, entre outras personalidades, fomentaron, nestes encontros, a ideoloxía rexionalista e xestaron as bases do proxecto da creación da Academia Galega. E así, no ano 1897, participou na fundación de Liga Gallega, unha organización política presidida por Manuel Murguía e dirixida por un comité formado por Lugrís Freire, Salvador Golpe e Carré Aldao que redactou os seus estatutos integramente en galego. O 4 de setembro de 1905, Vaamonde Lores continuou a carón dos seus compañeiros no camiño da dignificación da lingua e da cultura de Galicia participando na fundación da Real Academia Galega. Foi o día 30 dese mes de setembro cando presenciou, no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, a inauguración solemne da Institución, sendo Manuel Murguía o Presediente; Uxío Carré Aldao, Secretario e Xosé Pérez Ballesteros, Tesoureiro. No ano 1907 contribuíu á constitución de Solidaridad Gallega e, en 1916, participou na fundación das Irmandades da Fala, cuxa xuntanza fundacional tivera lugar o 18 de maio na Real Academia Galega.

Na súa faceta como estudoso, publicou artigos de carácter histórico en diferentes xornais como La Fidelidad, Revista Gallega, de Galo Salinas ou El Tribuno. Como poeta, foi continuador da escola poética formalista, liderada por Eduardo Pondal e publicou algúns poemarios, pero tamén textos soltos en diversas publicacións. En prosa cultivou a novela de costumes, mentres se manifestou, asemade, como rigoroso ensaísta. Ademais, cómpre non esquecer as numerosas publicacións en lingua castelá sobre historia, arqueoloxía, etnografía, literatura ou agricultura. Pronunciou ao longo da súa vida numerosas conferencias nas que, as máis das veces, ocultaba a súa autoría en distintos pseudónimos coma Xan de Ouces, Fulvio Vergodense, Pedro de Aldarete ou Jan Silvóso de Bouzós. No marco da súa obra, é salientable a súa contribución ao campo da tradución dos clásicos greco-latinos. Entre os anos 1895 e 1901, levou a cabo un labor que non só non era alleo ao seu compromiso coa lingua e a literatura galegas, senón que se apoiaba nel. Vaamonde Lores, amosando unha adiantada e lúcida conciencia da normalización da lingua galega e da súa literatura, consideraba necesaria a creación de modelos literarios cultos, o cal pasaba polo estudo dos clásicos greco-latinos. Os clásicos ofrecían aos escritores modernos un enorme caudal de recursos, imaxes e léxico que o noso biografado ofrecía en galego, enriquecendo e prestixiando a nosa lingua. No entanto, o labor de Vaamonde Lores é único no seu contexto, teremos que agardar algúns anos -ata a Xeración Nós- para que un labor de tradución cara ao galego se dea de maneira xeneralizada entre os estudosos da nosa lingua.

Florencio Vaamonde Lores foi nomeado “fillo predilecto” da cidade de Betanzos a título póstumo. Recollemos, a seguir, as súas principais obras, publicadas ora como publicacións exentas, ora en revistas ou xornais:

Poesía
Os Calaicos. Poemas en catro cantos. A Habana: Imp. 'La Universal', 1894.
Mágoas. Lugo: Tip. de Juan A. Menéndez, 1901.
“Follas ao vento (poesías)”, Supremento de El Noroeste, ano I, 20 de marzo de 1919.
“Fernando de Xinzo. Poema.”, A Nosa Terra, n.º 37-39, 1908.
“A sombra de Fandiño”, A Nosa Terra, n.º 35-36, 1908.

Narrativa
Bestas bravas. A Coruña: Tip. 'El Noroeste', 1923.
“Anxélica”, Lar, ano 2, n.º 16, Nadal de 1925.

Ensaio
“Resume da Geografía de Galicia”, Revista Gallega, n.º 134 e ss., 1897.
“Resume da Historia de Galicia”, Revista Gallega, n.º 127, 129, 130-133, 1897. Esta obra foi publicada ao ano seguinte na Imprenta de Carré Aldao.

Traducións
Odas de Anacreonte. A Coruña: Imp. de Carré Aldao, 1897.
“Oda a Grosfo”, Revista Gallega,n.º 32, 1895.
“Epístola de Horacio aos Pisós. Sobre da Arte Poética”, Revista Gallega, n.º 318-322, 324, 330, 338-339 e 341, 1901.
“Libro VI da Eneida de Virgilio”, Revista Gallega, n.º 150-153, 155-159, 1898. Asinado co pseudónimo Pedro de Aldarete. 



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar