Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Constantino García González
Oviedo, 20/07/1927


12/03/1982


Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero e Casimiro Torres García


Reflexións sobre a lingua




Ricardo Carvalho Calero


Bernardino Graña Villar (12/06/2010 - )
Constantino García González (12/03/1982 - 23/10/2008)
Luís Iglesias Iglesias (18/12/1947 - 29/12/1976)
Juan Domínguez Fontela (22/04/1939 - 11/03/1942)
Antonio Rey Soto (30/08/1920 - 26/08/1926)
José Antonio Parga Sanjurjo (28/09/1907 - 12/09/1917)
Valentín Lamas Carvajal (04/09/1905 - 03/09/1906)


Secretario (29/11/1997 - 29/11/2001)


Xosé Henrique Monteagudo Romero (20/04/2013 - Actualidade)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)
Manuel González González (17/12/2005 - 16/12/2009)
Manuel González González (20/12/2001 - 16/11/2005)
Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)
Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)
Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)
Ramón de Artaza y Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)
Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)
Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)
Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)
Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906)

Naceu en Oviedo, Asturias, o 20 de setembro de 1927 e finou en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 2008. A súa carreira investigadora como lingüista foi recoñecida internacionalmente e o seu traballo en prol da lingua galega convérteo nun impulsor fundamental do proceso de normalización do galego que coñecemos hoxe. 

Realizou estudos de Filoloxía Románica na Universidade de Oviedo e de Doutoramento na Universidade Complutense de Madrid, onde defendeu a súa tese Ideas lingüísticas en España durante el siglo XVI. Desde 1951 foi bolseiro do Instituto de Filología Hispánica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e, posteriormente, membro colaborador, como tamén o foi do Comité de Latín Medieval, pertencente ao mesmo organismo. Desta altura datan os seu traballos no Índice da Biblioteca de traductores españoles e no Índice de La Ciencia española.           

De 1953 a 1959 foi Profesor Axudante das Cátedras de Gramática Xeral e Gramática Historia da lingua española na Universidade Complutense de Madrid, ademais de encargado do Seminario de Filoloxía Románica na mesma Universidade. Neste tempo foi colaborador do Seminario Menéndez Pidal e traballou a carón dos ilustres profesores Ramón Menéndez Pidal e Rafael Lapesa na elaboración dun glosario do español primitivo que non foi publicado até 2003 baixo o título Léxico hispánico primitivo (siglos VII al XII). Nocurso 1959-60, foi como lector de español á Universidade de Bonn, Alemaña. Alí compartiu espazo cos romanistas Harri Meier e Eugenio Coseriu, mantendo unha activa vida cultural e investigadora que o levou a publicar diferentes traballos sobre lingüística e literatura en revistas alemás, como Romanische Forschungen ouArchiv fur das Studium der Neueren Sprachen und Literatur. e españolas, como Filologia moderna e Revista de Literatura.

É a partir de 1965 cando a biografía e a bibliografía de Constantino García cobra para nós especial interese, pois desde novembro dese mesmo ano convértese en Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, foi Secretario da Facultade de Filosofía e Letras durante sete anos e, posteriormente, Decano da, xa chamada, Facultade de Filoloxía en varios períodos. Foi o primeiro catedrático da Universidade de Santiago que ditou en galego a lección de apertura de curso, foi no 1977-78 co discurso: “Galego onte, galego hoxe”. Posteriormente, chegou a ser Director do Secretariado de Publicacións da Universidade e Director dos Cursos de Verán e do Instituto de Idiomas. Sen chegar a dirixilos, foi o principal impulsor da creación dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros. Cómpre notar tamén que o seu compromiso coa USC non lle impediu exercer a docencia en varias ocasións como profesor visitante na Universidade de Colonia. No seu traballo como Catedrático docente, dirixiu numerosas Memorias de Licenciatura e Teses de Doutoramento que o converteron nun referente para os seus alumnos entre os cales conta hoxe con leais discípulos que continúan, as máis das veces, o rigoroso labor de investigación e normalización lingüística que el iniciara.

Foi, asemade, o ideador, un dos fundadores e o primeiro director do Instituto da Lingua Galega, que botou a andar en 1971.  Desde esta institución impulsou a implantación do estudo da lingua galega no Ensino Básico e Medio mediante a organización de numerosos cursos de galego para mestres e profesores. Neste sentido, é fundamental o traballo que desenvolveu cos doutores Ramón Lorenzo Vázquez, Antón Santamarina Fernández, Guillermo Rojo Sánchez e Xosé Luís Couceiro Pérezredactando os métodos de aprendizaxe Galego 1, Galego 2 e Galego 3. Estes manuais que, nas décadas de setenta e oitenta, formaron a profesores e alumnos dos distintos niveis de galego, acadaron unha difusión sorprendente para a época que superou os 50.000 exemplares.

No ano 1973 foille encargado, pola Comisión de Lingüística da UNESCO, a realización en Galicia de enquisas para un Atlas Linguarum Europeae. Esta encomenda permitiulle levar a cabo, tamén, traballo para a creación dun Atlas Lingüístico Galego. Formou un equipo con Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Rosario Álvarez Blanco, que preparou un Cuestionario publicado en 1974, sobre o cal Francisco Fernández, Manuel González e Rosario Álvarez realizarían as enquisas nos 167 puntos de que consta a rede do Atlas. Non puido ver o final desta obra, pero si a publicación dos tomos dedicados ao estudo da morfoloxía verbal, da morfoloxía non verbal, da fonética, e os primeiros volumes de léxico. Ademais do seu labor na lexicografía e na descrición lingüística, Constantino García, xunto co seu equipo de traballo no ILG, deu un pulo decisivo á unificación ortográfica e morfolóxica do galego que callou na redacción das Bases pra unificación das normas lingüísticas do galego, consensuadas nos seminarios celebrados no Instituto da Lingua Galega desde decembro de 1976 a xuño de 1977 e prologadas polo Presidente da Academia naquel momento, Domingo García Sabell. Estas Bases desenvolvéronse, transformáronse e progresaron para rematar sendo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, vixentes desde 1982 até 2003 e en cuxa comisión de redacción tamén participou o noso biografado.

No ano 1974 creou a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, que acadou e continúa acadando unha importante acollida nos medios romanísticos internacionais e que, no momento da súa creación, levou, por vez primeira, o galego cara o territorio da investigación científica. Con Verba aparece regularmente unha colección de anexos sobre temas de lingüística galega e das linguas románicas, que foi inaugurada precisamente coa súa obra Léxico de la comarca compostelana.

O 12 de marzo de 1982 ingresou na Real Academia Galega ocupando a vacante deixada por Luís Iglesias Iglesias e a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero e Casimiro Torres Rodríguez. Asemade, desenvolveu funcións de Secretario na corporación desde o 29 de setembro de 1997 até o 29 de setembro de 2001. A súa incorporación supuxo a presenza da ciencia lingüística na Academia, ao dotaladunha estrutura orgánica máis efectiva poñendo en marcha o Seminario de Lexicografía, do que foi director, e, máis tarde, o Seminario de Sociolingüística. Dentro do Seminario de Lexicografía dirixiu o Diccionario da lingua galega,publicado conxuntamente pola RAG e o ILG en 1990, e codirixiu, con Manuel González González, o Diccionario da Real Academia Galega de 1997. Dirixiu igualmente o Dicionario castelán-galego da Real Academia Galegae realizou estudos particulares sobre o léxico de autores galegos, como a Contribución ó léxico de Álvaro Cunqueiro. En 1990 puxo en marcha, dentro da Real Academia Galega, Cadernos de lingua, unha nova revista centrada fundamentalmente en temas de lingüística galega, que dirixiría até o momento da súa morte. Dentro do Seminario de Sociolingüística promoveu a realización do Mapa sociolingüístico de Galicia, obra magna decisiva para o coñecemento da situación da lingua galega na sociedade. Dunha mostra de máis de 38.000 enquisas realizadas no ano 1992 en todo o territorio de Galicia, publicáronse: O galego na comarca de Ferrol (1993),Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia (1994),Usos lingüísticos en Galicia(1995) e Actitudes lingüísticas en Galicia (1996).

No ano 1993 púxose en marcha un proxecto do que tamén foi principal impulsor, o Centro de Investigacións lingüísticas e literarias Ramón Piñeiro que, máis tarde, cambiaría o seu nome polo de Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Constantino García dirixiu o Centro até o ao 2002 e promoveu a creación da Revista galega do ensino; unha publicación de carácter divulgativo destinada, especialmente, ao ámbito escolar que pon de manifesto o seu interese na construción dunha sociedade que coñeza e recoñeza a lingua galega. Por este motivo, os seus esforzos non se centraron só produción científica, senón que falou para todos os galegos como columnista no xornal La Voz de Galicia, como mestre de lingüística galega a través das ondas das emisoras de radio, ou como director do programa Cousas da lingua na Televisión de Galicia. Algunha destas colaboracións recolleunas nos seus libros Recantos da lingua, Follas da lingua, Retrincos da linguae Cousas da lingua.

O obxecto de estudo de Constantino García é múltiple e a súa inxente produción esténdese, como vimos de referir, no estudo da lingüística xeral, da lexicografía galega, da didáctica lingüística ou dos usos lingüísticos na literatura de autores coma Cunqueiro e Celso Emilio. O traballo en grupo, coordinando ou participando de proxectos, foi un punto de vista central ao longo de toda a súa vida activa.

Publicacións exentas
Contribución a la historia de los estudios gramaticales. La aportación del Brocense. Madrid: Patronato Menéndez y Pelayo, Instituto Miguel de Cervantes, 1960.  Premio Nacional de Investigación Antonio de Nebrija en 1958.
Léxico de la comarca compostelana, en Verba, anexo 1, Santiago de Compostela: Secretariado de publicacións da Universidade, 1974.
Recantos da lingua: 1982. A Coruña: La Voz de Galicia, 1983.
Glosario de voces galegas de hoxe. Santiago: Secretariado de Publicacións da Universidade: Xunta de Galicia, 1985.
Temas de Lingüística Galega. A Coruña, La Voz de Galicia: 1985.
Follas da lingua. A Coruña: La Voz de Galicia, 1987.  
Retrincos da lingua. A Coruña: La Voz de Galicia, 1988.
Cousas da lingua. A Coruña: La Voz de Galicia, 1990.
Contribución ó léxico de Álvaro Cunqueiro. A Coruña: Real Academia Galega, Seminario de Lexicografía, 1991.
Glosas da lingua. Vigo: Edicións Xerais, 1996.
Léxico hispánico primitivo (siglos VIII al XII): versión primera del “Glosario del primitivo léxico iberorrománico”. Madrid: Espasa: Fundación Ramón Menéndez Pidal: Real Academia Española, cop. 2003.

Dirección de proxectos
Gallego 1. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega: Secretariado de Publicacións da Universidade, 1971.
Gallego 2. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega: Secretariado de Publicacións da Universidade, 1972.
Atlas lingüístico gallego: cuestionario. Santiago de Compostela: Departamento de Filoloxía Románica, 1974.
Gallego 3. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega: Secretariado de Publicacións da Universidade, 1974.
Lingüística románica. v. I, II, III, IV, V e VI.Madrid: UNED, 1977.
Diccionario básico da lingua galega. Vigo: Xerais, 1980. Dicionario infantil ilustrado, orientado cara aos nenos da primeira etapa do ensino.
Diccionario da lingua galega. Santiago de Compostela: Real Academia Galega, Seminario de Lexicografía & Instituto da Lingua Galega, 1990.
Diccionario da Real Academia Galega. A Coruña: Real Academia Galega, 1997. Codirector, xunto con Manuel González González.
Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, 2004.

Probablemente tan salientables coma os seus libros, sexan a súa contribución en forma de artigos albergados en libros e revistas científicas ou divulgativas. Grial, Verba ou a Revista de la Sociedad Española de Lingüística son algunhas das publicacións que se viron enriquecidas coas achegas do profesor Constantino García.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar