Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Leandro Carré Alvarellos
A Coruña, 31/08/1888


03/03/1945


Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López, Francisco Vales Villamarín e Alejandro Barreiro Noya


El idioma gallego en la Edad Media.




Xosé Filgueira Valverde


Xosé Luís Franco Grande (03/07/1998 - )
Leandro Carré Alvarellos (03/03/1945 - 14/02/1976)
Rafael González Villar (27/07/1941 - 14/03/1941)
Antón Villar Ponte (24/07/1934 - 04/03/1936)
Manuel Lago González (04/09/1905 - 17/11/1910)


Tesoureiro (19/06/1951 - 14/02/1976)


Marilar Aleixandre (28/03/2017 - Actualidade)
Rosario Álvarez Blanco (20/04/2013 - 17/03/2017)
Manuel González González (23/01/2010 - 20/04/2013)
Andrés Fernández-Albalat Lois (20/12/2001 - 18/12/2009)
Xosé Ramón Barreiro Fernández (29/11/1997 - 29/11/2001)
Antonio Meijide Pardo (26/06/1983 - 01/06/1997)
Marino Dónega Rozas (26/12/1976 - 20/03/1983)
Leandro Carré Alvarellos (19/06/1951 - 14/02/1976)
Ángel del Castillo López (15/10/1944 - 19/04/1951)
Manuel Banet Fontenla (19/06/1944 - 15/10/1944)
Ángel del Castillo López (13/12/1942 - 19/06/1944)
Félix Estrada Catoyra (30/06/1924 - 14/03/1938)
Francisco Ponte y Blanco (12/05/1923 - 31/03/1924)
Andrés Martínez Salazar (02/10/1915 - 10/02/1923)
José Pérez Ballesteros (04/11/1905 - 02/11/1914)

Nado na Coruña o 31 de agosto de 1888 e morto na mesma cidade o 14 de febreiro de 1976, foi narrador, dramaturgo e un dos máis entusiastas coñecedores da cultura popular galega. Tamén foi membro da Real Academia Galega e o seu Tesoureiro.

Leandro Carré, fillo de Uxío Carré Aldao, non realizou estudos superiores, pero cultivou coñecementos profundos en distintas linguas -portugués, francés, italiano e inglés- e ámbitos -literatura, arte ou ciencias-. Ao mesmo tempo, o ambiente intelectual polarizado arredor da libraría de seu pai exerceu unha notable influencia na súa formación rexionalista e na súa vocación literaria.

Sendo moi novo, xa asistiu á presentación da Escola Rexional de Declamación, promovida polo dramaturgo Galo Salinas e o actor Eduardo Sánchez, na Coruña, en 1903. Máis adiante, en 1917, foi director do grupo teatral Cantigas da Terra, para o que escribiu algunhas comedias nun acto e estampas costumistas. Porén, a súa oportunidade chega en 1922 coa substitución de Fernando Osorio na dirección do Conservatorio de Arte Gallego, grupo teatral continuador da vella dramaturxia rexionalista cuxo nome Leandro Carré cambiou polo máis modesto Escola Dramática Galega e con ela realizou representacións teatrais todos os domingos e días festivos durante varios anos. Tempo antes da súa consagración como director teatral, entre 1911 e 1913, viviu na cidade lusa de Porto, onde se familiarizou coa cultura portuguesa, o cal o levou a traballar na aproximación dos intelectuais portugueses e galegos coa fin de reforzar a resistencia da cultura de Galicia fronte á opresión españolizante da ditadura franquista. Ao seu regreso do país veciño, incorporouse, desde 1916, ao recente movemento das Irmandades da Fala, sendo notable o seu labor como ensaísta, gramático e animador da vida teatral desde este momento e ata o estoupido da guerra civil. A súa actividade increméntase nestes anos: en 1919 participou no I Congreso de Estudios Galegos, en 1921 foi premiada en Betanzos a súa obra O engano, en 1926 o coro Queixume dos Pinos estrou en Vigo a súa peza Unha noite no muíño e, tamén neses anos e da man de Ánxel Casal, fixo posible a aparición da Editorial Lar e a publicación, entre 1924 e 1928, de 40 números da colección de novelas homónima. Crearon unha Biblioteca de Publicacións do Seminario de Estudos Galegos e editaron distintos xéneros, desde a poesía ata o Diccionario galego-castelán do propio Carré Alvarellos. Ademais, por iniciativa do noso biografado, creouse tamén en Lar unha Biblioteca Teatral onde se editaron, entre 1925 fe 1927, as obras de, entre outros, Ramón Cabanillas (O Mariscal, traxedia histórica en verso), Armando Cotarelo Valledor (Hostia, pantasía tráxico-histórica nun auto) e  o propio Leandro Carré (Pra vivir ben de casados e O corazón d'un pedáneo).

Logo da guerra, colaborou no Boletín da Real Academia e en Radio Nacional de España, onde contribuíu á recuperación da cultura teatral galega. Durante os anos 1947 e 1956, colaborou en Galician Programme, un espazo de radio da BBC de Londres, en lingua galega, onde Carré Alvarellos participou cos seguintes títulos: “O mariscal Pedro Pardo de Cela”, “Libros ingleses que falan de Galiza”, “Lendas irlandesas relazonadas coa Galiza”, “Nadal e Aninovo”, “A poesía festiva galega” e “O Teatro galego”. No literario, cultivou, ademais dos cadros de costumes e dos diálogos breves, o drama e a comedia. O tema central do seu teatro é o amor, en todas as súas vertentes, mais tamén trata as penurias e traxedias da vida no campo, os problemas dos obreiros, a crítica ós abusos cometidos desde o poder, a creación artística en Galicia ou a defensa da ideoloxía das Irmandades da Fala. Predominan os escenarios rurais e labregos sobre os mariñeiros e os urbanos. A súa obra literaria componse dunhas cincuenta pezas de teatro, dezasete editadas.

No que respecta ás súas publicacións, asinou obras de literatura, mais tamén traballos filolóxicos e etnográficos, galardoados con diversos premios internacionais, sobre as nosas tradicións máis arraigadas: o entroido, as feiras e romarías, a matanza do porco ou o casamento. Ademais de fundador e propietario da Editorial Lar, Leandro Carré Alvarellos dirixiu a sección galega da revista Quatro Ventos, de Amâncio César, editada en Braga, e colaborou en múltiples revistas de Galicia, Portugal e América nas que deu á luz un vasto número de contos e artigos asinados co seu nome ou baixo o seudónimo Ramón Alvariño. As que recollen maior número de artigos seus son A Nosa Terra, Nós, El Pueblo Gallego, Suevia, El Noroeste,Rexurdimento, Céltiga, Boletín da Real Academia Galega, Alma Gallega, Irmandade, Opinión Gallega, Eco de Galicia, Tapal, Galicia: revista del Centro Gallego, Tapal, Vieiros, Lar, Aturuxo, La Voz de Galicia, Douro-Litoral e Quatro Ventos. Asemade, produciu numerosas conferencias, asistiu a diversos congresos etnográficos e foi membro do Seminario de Estudios Galegos, da Sociedade de Língua Portuguesa, de Lisboa; da Martins Sarmento, de Guimarães; do Instituto Histórico do Minho e do Instituto Portugués de Arqueología, Historia e Etnografia.

A súa produción teatral foi representada por numerosos grupos como Cantigas da Terra; Toxos e Froles, o grupo da Irmandade da Fala de Betanzos; Conservatorio Nacional de Arte Galega; Xestas e Froles; Escola Dramática Galega, da que foi director; Ecos da Terra; Agrupación Artística de Vigo; Airiños do Arenteiro; Saudade, coro do que foi director e para o que fixo A espadela con música de Mauricio Farto; Agrupación Dramática Galega ou a Compañía Malvar-Vidal, entre outras agrupacións.

O 3 de marzo de 1945 ingresou como membro de número na Real Academia Galega pola proposta de Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López, Francisco Vales Villamarín e Alejandro Barreiro Noya. O seu discurso de ingreso leva por título El Idioma Gallego en la Edad Media. Ostentou o cargo de Tesoureiro da Corporación desde o 19 de xuño de 1951 ata o seu cesamento, o 14 de febreiro de 1976.

Recollemos a seguir algunhas das súas principais publicación exentas:

Literatura

Contos

Contos de Pantasmas. Vigo: Edicións Castrelos, 1972.

 

Novela

A Propia vida: novela orixinal e inédita. A Coruña: Lar, 1925.

Naiciña: novela orixinal e inédita. A Coruña: Moret, 1925.

O Home que deu vida a un morto: romance grotesco. A Coruña: Lar, 1926.

O Xornal de Mavi: novela orixinal e inédita. A Coruña: Lar, 1927.

Amor malfadado: novela señoriteira. A Coruña: Tip. P. Galega, 192?.

Nos picoutos de Antoím: novela galega. Braga: Livraria Cruz, 1955.

 

Teatro

Pra vivir ben de casados: pasatempo nun acto.A Coruña: Lar, 1917. 3ª ed.

Enredos: comedia en dous actos.A Coruña: Terra a nosa, 1919.

A venganza: cuadro tráxico nun acto. A Coruña: Tip. P. Galega, 1922.

O pecado alleo: drama en tres actos. A Coruña: Zincke Hermanos, 1924.

           

Filoloxía

Compendio de gramática galega. A Coruña: Imp. Nova, 1919.

Diccionario galego-castelán.A Coruña: Edición Lar, 1928. Foi o primeiro dicionario galego do século XX e conta cun número de voces que duplica as de Valladares, o máis extenso do XIX.

Galaico port. LER, S.M. y su significado. Lisboa:Centro de Estudos Filológicos, 1949.

Literatura galega: O Romance. Oporto: Escola Tipografica da oficina de Sâo José, 1950.

A Poesía popular galega. Porto: Junta de Provincia do Douro-Litoral, 1954.

Gramática gallega. A Coruña: Ed. Moret, 1967.

El Idioma gallego en la Edad Media: Discurso leído en el acto de su recepción el día 3 de marzo de 1945/ por Leandro Carré Alvarellos; y respuesta... José Filgueira Valverde. Vigo: Real Academia Galega, 1973.

Castelao no teatro galego. A Coruña: Real Academia Galega, 1975.

Dous capítulos XXV e XXVI do tomo segundo do Don Quixote de la Mancha por Miguel de Cervantes Saavedra. A Coruña: Academia Galega, 1975.

           

Etnografía

As Lendas tradizonaes galegas. Porto: Museo de Etnografía e História, [196-?].

Las Leyendas tradicionales gallegas. Madrid: Espasa-Calpe, 1977.

 

Ademais dos estudos publicados en libros, Carré Alvarellos deixou numerosos artigos no Boletín da Real Academia Galega. A literatura, a lingua e as achegas biográficas foron as súas principais ocupacións nestes traballos. 



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar