Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Salvador Golpe Varela
San Pedro de Oza, A Coruña, 26/07/1850


04/09/1905


Académico fundador


Isidro Parga Pondal (25/06/1960 - 04/05/1986)
Salvador Golpe Varela (04/09/1905 - 23/06/1909)


Secretario (01/12/1906 - 23/06/1909)


Xosé Henrique Monteagudo Romero (20/04/2013 - Actualidade)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)
Manuel González González (17/12/2005 - 16/12/2009)
Manuel González González (20/12/2001 - 16/11/2005)
Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)
Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)
Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)
Ramón de Artaza y Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)
Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)
Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)
Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)
Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906)

Naceu en Oza dos Ríos, A Coruña, o 26 de xullo de 1850 e morreu na cidade da Coruña o 23 de xuño de 1909. Foi un avogado, político, xornalista e poeta vinculado á ideoloxía rexionalista. Tamén foi un dos 41 membros fundadores da Real Academia Galega e Secretario da mesma institución.

Fillo de Manuel Golpe Núñez e Rita Varela de Sotomayor, membro do Gremio e Claustro da Universidade Nacional de Santiago de Compostela e avogado do Tribunal Supremo de Xustiza, Golpe Varela estudou Dereito na universidade de Santiago de Compostela e en 1878 estableceuse nun bufete na Coruña. Durante dous anos foi xuíz municipal da cidade e durante dous bienios ostentou o cargo de xuíz municipal. En 1879 casou con Carmen Túñez Prado, coa que tivo catro fillos. Trala morte da muller, casou en segundas nupcias con Carmen Rodríguez Bermúdez, en 1899, coa que tivo dous fillos.

No ano 1891 foi elixido concelleiro da Coruña, converténdose, asemade, no primeiro rexedor síndico desta cidade. Amosando a súa preocupación polo prestixio e recoñecemento da Coruña e das súas personalidades, foi o responsable da colocación de placas nas casas en que naceron María Pita, Ramón de la Sagra ou José Andrés Cornide. A comezos do ano 1893, sendo aínda concelleiro, participou, xunto co resto dos seus compañeiros rexionalistas, da mobilización contra o traslado –finalmente truncado- da Capitanía Xeral desde A Coruña, onde tivera o seu asento desde 1840, até León. Por formar parte da chamada Xunta de Defensa, que se creara con multitudinario apoio cidadán contra o poder centralista, padeceu, xunto con outros corenta membros da devandita Xunta, algúns días de cadea. Porén, a súa actitude reivindicativa e liberal volveu poñerse de manifesto en 1907, ao participar da constitución de Solidaridad Gallega, movemento agrario e anticaciquil que reunía sensibilidades, fundamentalmente, rexionalistas e republicanas, como xa o fixera a mobilización contra o traslado da Capitanía Xeral.

Como activista cultural participou do faladoiro da chamada Cova Céltica, na Librería Regional de Carré Aldao, e foi membro do xurado de varios Xogos Florais. Ao mesmo tempo, colaborou na creación de institucións coma El Folk-Lore Gallego, en 1884, presidida por Emilia Pardo Bazán, sendo el o seu secretario e redactor da súa memoria en 1886; a Asociación Regionalista da Coruña, en 1890, xunto con Francisco de la Iglesia e a Real Academia Galega, en 1905. Ingresou, por tanto, na RAG como académico fundador o 4 de setembro de 1905 e exerceu funcións de Secretario desde o 1 de decembro de 1906 até o 23 de xuño de 1909, substituíndo a Uxío Carré Aldao por problemas de saúde.

No medio xornalístico, tralos seus comezos en 1875 El diario de Santiago, fundou, co xornalista coruñés Ramón Faginas, El Clamor de Galicia, xornal que, en 1880, se unificou con El Noroeste baixo o novo título El Clamor del País. Golpe Varela foi o seu director até 1887. En 1894, creou, de novo con Ramón Faginas e co seu irmán Juan Golpe, o xornal rexionalista Unión Gallega, do que tamén foi director. A carón destas iniciativas, colaborou noutros medios: La Ilustración Cantábrica, La Ilustración Católica, Revista de Galicia, El Domingo, La Semana, Galicia Diplomática, El Duende, Galicia Humorística, La Pequeña Patria, La Patria Gallega ou Galicia.

No número 60 de Solidaridad Gallega, datado do 28 de xuño de 1909, lémbrase a figura de Salvador Golpe coas seguintes palabras:

Salvador Golpe ha sido uno de los regionalistas más entusiastas y conspícuos. En sus libros De la Coruña á la Cárcel... y en Patria y Región, puede verse cuán grande era el amor que sentía por su tierra y la gran fé que tenía en sus destinos. Ultimamente desempeñaba el cargo de Secretario de la Academia Gallega. El regionalismo ha perdido uno de sus principales defensores y las letras gallegas un poeta inspiradísimo.

Entre as súas publicacións encóntranse diversos poemas musicados, pero conta, non obstante, cunha prolífica produción ensaística exenta ou espallada en publicacións como Galicia ou o propio Boletín da Real Academia Galega

Publicacións exentas
De la Coruña  a la cárcel pasando por Galicia. A Coruña: Tip. da Papelería de Ferrer, 1894. Relátase a loita, da que Golpe Varela foi partícipe, pola defensa da permanencia na Coruña da Capitanía Xeral perante a pretensión do goberno de trasladala a León. Desde a ideoloxía rexionalista, esta proposta interpretouse coma unha demostración de nacionalismo centralista español.
Patria y región: obra premiada en el certamen literario de Lugo en 1896 ampliada con ligeros apuntes acerca del regionalismo. A Coruña: Tip. de El Noroeste, 1897. Define e caracteriza os trazos identitarios dun pobo, facendo referencia ao caso galego. Nesta defensa da ideoloxía rexionalista, os elementos xenéticos e xeográficos determinan un carácter e unha lingua propias. O texto foi premiado en Lugo e loado por Juan Maragall.
Regionalismo y Lenguaje: discurso leído en los Juegos Florales de Betanzos en 29 de septiembre de 1901. A Coruña: Escuela Tipográfica de la Casa de la Misericordia: 1902. Elabora unha panorámica histórica dos Xogos Florais na que os defende coma unha ferramenta do rexionalismo á hora de promover o uso das linguas vernáculas, ademais de desenvolver unha defensa da proposta rexionalista baseándose nos argumentos que xa empregara en Patria y Región.
Lambrica: impresiones de un viaje por las Mariñas. A Coruña: Ferrer, 1907. Este coidado estudo, que foi a súa derradeira publicación, trata de localizar a antiga cidade deste nome nas proximidades do río Lambre.

No que respecta á súa obra poética, se ben non chegou a editar ningún poemario, publicou numerosas composicións en galego en revistas e xornais da época. Trátase de textos que se desenvolven unha loa á paisaxe galega, considerada desde o Rexionalismo un dos elementos sustentadores da identidade propia. O poema “Adiós a Galicia” foi musicado por Xoán Montes e “Dous Amores” por Xosé Baldomir. Este último texto foi transmitido xeración tras xeración ficando na memoria dos galegos coma unha produción popular.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar