Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Ánxel Fole Sánchez
Lugo, 11/08/1903


05/10/1963


Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell Rivas, Sebastián Martínez-Risco y Macías e Julio Rodríguez Yordi


Castelao i a tradición galeguista




Sebastián Martínez-Risco y Macías


Ánxel Fole Sánchez (05/10/1963 - 09/05/1986)
Manuel Casás Fernández (13/03/1936 - 30/07/1960)
Ramón López de Vicuña (15/09/1905 - 28/09/1907)
Celso García de la Riega (04/09/1905 - 15/09/1905)


Ánxel Fole naceu en Lugo o 11 de agosto de 1903 e morreu na mesma cidade o 9 de maio de 1986. Considerado un dos grandes contemporáneos do relato curto, harmonizou nas súas obras a narrativa popular co pouso culto que lle deparara a lectura de autores como Poe ou Dieste. Ademais, tamén cultivou a poesía e o teatro.

O homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1997 pasou a súa infancia en estreito contacto coa nosa lingua, escoitando historias ao pé da lareira. Tras estudar no colexio dos Padres Maristas e despois no Seminario, obtivo o título de Bacharelato no Instituto de Lugo en 1927. Entre ese mesmo ano e 1933, cursou Dereito e Filosofía e Letras en Valladolid e Compostela, pero tamén 1927 foi o ano en que publicou o seu primeiro artigo e foi no xornal La Provincia con motivo do terceiro centenario da morte de Góngora. Nesta época ingresou na Federación Universitaria Escolar e, en 1931, inaugurou no xornal lugués El Progreso a serie "Cartafolio de Lugo", que se mantivo ao longo dos anos. Colaborou, asemade, en GuiónResol e na revista de información política, Horizontes. No ano seguinte, en 1932, fundou e dirixiu en Lugo a revista literaria vangardista Yunque, na que se publicaron por primeira vez os seis poemas en galego de Federico García Lorca. En 1933 converteuse en redactor do xornal vigués El Pueblo Gallego e alí publicou, ao ano seguinte, o seu primeiro artigo en galego. Tamén en Lugo, foi correspondente da axencia de noticias Febus, que posteriormente se chamou EFE.
Ao mesmo tempo que desenvolvía este intenso labor xornalístico, introduciuse na vida política, primeiro en círculos republicanos e, desde 1935, militando no Partido Galeguista. Ánxel Fole entrou no galeguismo da man de Ramón Piñeiro e axiña foi elixido secretario provincial do Lugo. No ano seguinte, co estoupido da Guerra Civil, Fole continuou desenvolvendo con certa normalidade a súa actividade xornalística -editando, por exemplo, a revista Resol-, o cal implicaba, naquel momento, poñer en risco a súa propia vida. Así, en 1941, a guerra obrigouno deixar Lugo e vivir agochado no Incio, Quiroga e O Courel. É nesta zona onde recupera os vínculos co mundo rural e coa literatura oral, de onde el sempre tirou argumentos e técnicas. No entanto, tamén por mor da guerra, non se viu publicado o primeiro libro de relatos Auga lizgaira, do que hoxe só se coñecen dous dos seus relatos publicados na revista Nós e outro en El Pueblo Gallego. Malia o afastamento xeográfico, participou na restauración cultural da posguerra, colaborando nos primeiros cadernos de Grial ou cofundando a editorial Galaxia, na que publicou a súa obra narrativa da década de 50. Esta etapa iniciouse con Á lus do candil. Contos ao carón do lume (1953), unha colección de quince relatos centrados no medio rural galego abordado desde diversas perspectivas. Seguiulle Terra brava. Contos da solaina (1955), na liña da obra anterior cun ton reivindicativo. O seu único texto dramático, Pauto do demo (1958), foi editado en Bos Aires. No ano 1953, retornou a Lugo, onde se afincou definitivamente e recuperou a súa actividade xornalística que se encontra, en boa medida, compilada en Historias que ninguén cre (1981). Xa na democracia, publicou outros títulos da súa produción literaria nos que abandonou a temática rural: ¿E decímolo ou non-o decimos? (1972) e Contos da néboa (1973).
Ánxel Fole ingresou na Real Academia Galega o 5 de outubro de 1963 a proposta de Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell Rivas, Sebastián Martínez-Risco y Macías e Julio Rodríguez Yordi. No ano 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no ano 1983 foi proposto para o Premio Nobel.  

A seguir referímonos á súa produción máis relevante:

Narrativa
Á luns do candil. Contos a carón do lume. Vigo: Galaxia, 1953.
Terra Brava. Contos da solaina. Vigo: Galaxia, 1955.
Contos da néboa. Vigo: Castrelos, 1972.
¿E decímolo ou non-o decimos? Ed. do autor: 1972.
Historias que ninguén cre. Vigo: Xerais, 1981.
O conto de nunca acabar. Lugo: Celta, 1985.
Contos de lobos. Vigo: Xerais, 1985.
Obra literaria completa I e II. Obra en galego. Vigo: Galaxia, 2003.

Teatro
Pauto do demo. Bos Aires: Citania, 1958.

Libros de conversas
Cora Paradela, Xosé de. Homes de Fole. Conversas de Ánxel Fole con Xosé de Cora. Santiago: SEPT, D.L., 1983.
Casares, Carlos. Conversas con Ánxel Fole. Vigo: Galaxia, 1984. 



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar