Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Xosé Neira Vilas
Vila de Cruces, Pontevedra, 03/11/1928


17/11/2001


Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina Fernández e Francisco Fernández Rei


A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960




Xesús Alonso Montero


Marilar Aleixandre (14/01/2017 - )
Xosé Neira Vilas (17/11/2001 - 27/11/2015)
Xaquín Lorenzo Fernández (16/09/1951 - 19/07/1989)
Antonio Noriega Varela (22/04/1939 - 27/03/1949)
Juan Barcia Caballero (04/09/1905 - 11/10/1926)


Naceu en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra, o 3 de novembro de 1928 e faleceu na mesma localidade o 27 de novembro de 2015. Fillo de campesiños. Estudos primarios. Teneduría de libros por correspondencia. Con 16 anos comeza a traballar de contable nun serradoiro local. Crea un grupo de teatro que puxo en escena varias obras en lingua galega. Primeiros versos e primeiras narracións. En 1949 emigra á Arxentina. En Buenos Aires traballa de día e estuda polas noites. Estuda Comercio, Música, licénciase en Xornalismo e segue uns cursos especializados de preceptiva literaria e literatura universal.

Descobre Galicia en Buenos Aires. Vai coñecendo a historia e a identidade cultural do seu país de orixe. Son anos de efervescencia galeguista na capital arxentina. Publica os seus primeiros traballos na prensa galega da emigración. Son os seus mestres, amigos e compañeiros Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Eduardo Blanco Amor, Ramón de Valenzuela... Integra o grupo de teatro galego que dirixe Ricardo Flores. Asiste ós curso de lingua, literatura, historia, arte, xeografía e economía de Galicia, que patrocina aguea (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas). Estende a súa colaboración xornalística a publicacións de Uruguai e México. Vai adquirindo unha cultura universal ó tempo que afonda nas súas raíces galegas. Participa de cheo nas actividades patrióticas e culturais galegas que se desenvolven no Prata nos anos cincuenta. Con outros mozos e mozas emigrantes funda en 1953 as Mocidades Galeguistas (asociación xuvenil da que foi Secretario Xeral) e o periódico Adiante. Representa á mocidade galega emigrada ante a galeuzca Xuvenil que se refundou en Buenos Aires. Foi designado polo Consello de Galiza para a Secretaría da Comisión Organizadora do histórico Primeiro Congreso da Emigración Galega, en 1956.

En 1957 casa coa escritora cubana filla de galegos, Anisia Miranda. Xuntos fundan ese mesmo ano Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego en América. Van reunindo canto se publica sobre Galicia no mundo, elaboran catálogos e distribúenos por todo o Continente. Montan exposicións do libro galego en Buenos Aires, Montevideo e Caracas. Organizan debates semanais sobre temas galegos. En Follas Novas nace, en 1959, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe e, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego, a obra literaria galega máis reeditada e vendida, non só na súa lingua orixinal senón tamén nas traducións a diversos idiomas. En 1961, Neira Vilas e a súa muller van vivir a Cuba. Desempeña diversos cargos administrativos no Ministerio de Industrias. Especialízase en organismos internacionais. Fai xornalismo literario, colaborando en xornais e revistas. En 1969 funda e dirixe dende entón durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, onde se estuda a presenza galega na Illa, elabóranse índices de publicacións periódicas, proxéctase a cultura galega en Universidades e centros de investigación de Europa e América e créase un fondo bibliográfico que é o máis importante de Latinoamérica. En 1983 pasa a traballar como redactor xefe da revista infantil Zunzún.

Radícase en 1992, con Anisia, no seu Gres natal, onde preside a Fundación que leva o seu nome. A dita Fundación cumpre unha función de servizo cultural nunha ampla comarca do Val do Ulla. Conta cunha biblioteca pública, con salas de lectura para nenos e para adultos, un museo etnográfico e unha sala de exposicións e concertos. Ademais convoca, en anos alternos, a nivel de toda Galicia, os Premios Arume e Estornela, de poesía e teatro para nenos, respectivamente. Neira Vilas colabora na prensa asiduamente. Mantivo no Faro de Vigo, durante varios anos, a sección Memoria da emigración; logo, en El Correo Gallego, Crónicas galegas de América, e dende hai un tempo, neste mesmo xornal, O sarillo do tempo.

Publicou os seguintes libros: 
Narrativa: Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Camiño bretemoso, Historias de emigrantes, A muller de ferro, Remuíño de sombras, Aqueles anos do Moncho, Querido Tomás, Tempo novo, Papeis, O home de pau, Relatos mariñeiros.
Narrativa para nenos: Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo, De cando o Suso foi carteiro, Chegan forasteiros, Espantallo amigo, A marela taravela.
Poesía: Dende lonxe, Inquedo latexar, Cantarolas, Poesía recadada.
Testemuños: Galegos no Golfo de México, Guerrilleiros, Blanco Amor dende Buenos Aires.
Libros de lembranzas: Lar, nai, pan.
Investigacións: Castelao en Cuba, A prensa galega de Cuba, A lingua galega en Cuba, Memoria da emigración (I, II e III), Crónicas galegas de América (Roldas primeira, segunda e terceira), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba, Manuel Murguía e os galegos da Habana.

Ingresou na Real Academia Galega como membro de número o 17 de novembro de 2001 a proposta de Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina Fernández e Francisco Fernández Rei. Obtivo o Premio da Crítica Española (narrativa) e o Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgados diversos galardóns. Recibiu homenaxe de "O escritor na súa terra", da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi investido Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña (1998) e da Habana (2003).



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar