Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Camilo González Suárez-Llanos
Sarria, Lugo, 12/08/1931


14/12/2002


Salvador García-Bodaño Zunzunegui, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande


Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo




Xosé Luís Franco Grande


Manuel Rivas Barrós (12/12/2009 - )
Camilo González Suárez-Llanos (14/12/2002 - 09/11/2008)
Jesús Carro García (27/07/1941 - 08/12/1973)
Salvador Cabeza de León (04/09/1905 - 20/05/1934)


Camilo González Suárez Llanos (Sarriá, 1931) estuda o bacharelato en Vigo e a carreira de filosofía en Madrid. Vive en Londres parte dos anos 1956 e 1957 e nos Estados Unidos durante os anos 1960 e 1961, contratado pola Universidade de Syracuse (Nova York). En 1964 é nomeado profesor de filosofía do ensino medio. Desempeñou este traballo en Lugo, Barcelona, Pola de Siero (Asturias), Cangas do Morrazo (Pontevedra) e Vigo. Está casado e ten unha filla.

Literariamente, forma parte da xeración de escritores que, a partir da segunda metade da década dos cincuenta, trataron de prolongar e de adaptar aos novos tempos a narrativa galega, despois da dramática interrupción imposta como consecuencia da Guerra Civil. Desde 1980 adopta o nome literario de Camilo Gonsar.

É membro numerario da Real Academia Galega desde o 14 de decembro de 2002, data en que deu lectura ao discurso Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo, ao que contestou en nome da institución, Xosé Luís Franco Grande.

En galego publica, en primeiro lugar, unha colección de relatos curtos e de contos co título de Lonxe de nós e dentro (Editorial Galaxia, 1963;  en 1985 sae unha edición que incorpora novas narracións). O título responde ao contido: en efecto, no relato que encabeza o libro, Viaxe a través da noite, o protagonista, perdido nos arredores de Londres nunha crúa noite de inverno, trata de regresar á súa casa londiniense, mais esta situación de égarement, de extravío, é tamén metáfora doutra máis fonda e esencial. A maioría dos restantes relatos, pola contra, están situados en Galicia. "Estes contos teñen quid, misterio e suceso, que son a esencia do conto", escribiu Ánxel Fole.

A esta obra séguenlle as novelas Como calquera outro día (Editorial Galaxia, 1962), Cara a Times Square (Editorial Galaxia, 1980; Edicións Xerais de Galicia reeditou esta obra en 1989 cunha introdución minuciosa e precisa de Xosé Luís Franco Grande) e Desfeita (Edicións Xerais de Galicia, 1983).

Como calquera outro día é a descrición dunha actitude, dun xeito de afrontar a Guerra Fría da década dos cincuenta característicos de certos membros dunha xeración de mozos. Entendendo por Guerra Fría non só a situación política internacional daquela dominante, senón tamén, e principalmente, as súas consecuencias españolas. O eixo da novela constitúeno as voltas do protagonista ao longo dun día de finais da década mencionada; mais tamén se narran, se ben non consideradas retrospectivamente desde un punto de vista subxectivo, lembranzas ese día sobranceiras na memoria do mesmo, e que se remontan ao ano 1956 -en Londres-, a anos posteriores, e tamén a primeiros dos cincuenta. Na conciencia dos principais personaxes da novela, un día coma outro calquera non significa unha infravaloración, senón todo o contrario: pois para eles todo día é tan novo, tan distinto dos demais coma calquera outro, e como tal, é dicir, sen subordinalo a ningún plan prefixado -xa que eles non o teñen-, hai que vivilo.

En Cara a Times Square o narrador rememora unha noite na cidade de Nova York; pero esta rememoración, que en principio discorre por camiños ordinarios, acaba sendo por completo absorbida por un ámbito radicalmente fóra do común. "Todo acontece nas sombras, sinala Manuel Forcadela no seu estudo sobre a Nova narrativa Galega (Sotelo Blanco Edicións, 1993), os perfís non poden ser deseñados perfectamente (...) e o narrador, ao lembrar todo o acontecido, dubida, non é quen de saber se o narrador pertence a este lado do espello (...) ou á zona que hai por tras do azougue (...)".

Desfeita desenvólvese case totalmente nunha vila galega do interior. O personaxe que fala en primeira persoa, como di Baixeras no seu prólogo á segunda edición desta novela (Edicións Xerais, 1987) tenciona esclarecer nesa vila un cruel episodio da Guerra Civil, mais outro personaxe "mistificará coa historia actual aquela antiga que o reporteiro pretendía coñecer. Non pasa nada, todos son magníficos rapaces, cultos ou espilidos, iso sí, un pouco tolos ás veces (...). Non se trata de personaxes caracterizados psicolóxicamente tanto como de persoas que actúan con palabras; non interesa o seu mundo interior -¿qué mundo?-, senón cómo os seus comportamentos e, sobre todo, os seus ditos van estendendo unha tona de finxido descoñecemento do pasado, ou de hipocrisía con respecto ao presente, ou de deserción deste a través dun fatalismo que non é máis que o disimulo dun vello remorso" (Xavier R. Baixeras loc. cit.). Esta novela levou o Premio da Crítica Española para narrativa en galego en 1986.

Posteriormente aparece Arredor do non (Edicións do Cumio, 1995), un feixe de relatos: algúns inciden no extraordinario; outros, en cambio, obedecen á intención de afondar no significado de escenas en principio triviais, e non faltan os que permiten unha visión crítica de diversos aspectos da realidade actual.

Unha nova novela, A noite da aurora (Editorial Galaxia, 2003), é unha historia contada a raíz dun encontro en Reykjavík. É a historia dunha amizade exemplar, e de maneiras de pasar o tempo voluntariamente marxinais durante frías e bretemosas noites invernais nos escuros tempos da posguerra -ou das posguerras-. E, finalmente, é a historia dunha frustración demoledora e insuperable.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar