Vilagarcía recorda 'Cómaros verdes' nos setenta anos da súa publicación

Vilagarcía celebra hoxe unha xornada de conmemoración dos 70 anos da publicación de Cómaros verdes. A obra de Aquilino Iglesia Alvariño, que se imprimiu nesta vila en 1947, pasou á historia como a primeira de relevancia saída do prelo na Galicia da posguerra en galego. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na inauguración do encontro, no que tamén interviñeron con cadansúa conferencia os académicos Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo. Aquilino Iglesia Alvariño protagonizou o Día das Letras Galegas de 1986.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na inauguración da xornada xunto á concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Fonte: Concello de Vilagarcía

 

Víctor F. Freixanes salientou a figura de Aquilino Iglesia Alvariño e Cómaros verdes como "primeira pedra do rexurdir" da edición en galego despois da Guerra Civil. "En 1947 Vilagarcía de Arousa converteuse en referencia e primeira luz de esperanza do libro galego", expresou o presidente da RAG, que se referiu tamén á etapa na que o autor viviu nesta vila, onde foi profesor do colexión León XII, e recordou a figura de Severino González, o libreiro e editor de Celta, que publicou desde Vilagarcía o libro que cumpre 70 anos.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, subliñou que a xornada que se desenvolve hoxe pretende recordar tanto ao escritor como ao editor de Cómaros verdes e, por derivación, "a unha xeración de vilagarciáns que, nunha época ben difícil, foi quen de contribuír a forxar boa parte do que é o carácter desta cidade".

O programa, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vilagarcía, contou pola mañá coas conferencias dos académicos Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo e o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, quen abordou a transcendencia da publicación desta obra. "Tal importancia ciméntase, á parte do prestixio do autor e a calidade da obra, no feito de que Cómaros verdes supuxo que se abrise a porta á aparición de máis obras en galego e tamén a varias iniciativas editoriais centradas en libros na nosa lingua, como por exemplo a Colección Benito Soto", explica Xosé Manuel Dasilva, que tratou tamén as vicisitudes da obra diante da censura franquista, que decidiu o secuestro da tiraxe íntegra do libro por carecer de autorización oficial.

Henrique Monteagudo subliñou na mesma liña a importancia da aparición de Cómaros verdes no silencio do franquismo e analizou a posición de Aquilino Iglesia na construción do galego literario a partir da súa propia poesía, caracterizada por un galego "rural moi rico", e doutros traballos, como o seu discurso de ingreso na RAG en 1949 sobre a lingua dos poetas do norte de Lugo -entre eles Noriega Varela ou Leiras Pulpeiro-, ou a súa visión da lingua de Cabanillas. O sociolingüista repasou tamén os condicionamentos do galego no momento no que desenvolveu gran parte da obra do homenaxeado, prohibido en Galicia e apoiado desde a emigración, e episodios como a súa participación frustrada na Historia de Galiza dirixida por Otero Pedrayo e editada en Buenos Aires, onde non se chegou a publicar o capítulo que lle encargaran sobre a lingua galega.

Xesús Alonso Montero centrou a súa intervención na tradución que Aquilino Iglesia realizou en 1951 das Carmina de Horacio (as Odas) que el verteu ao galego como Canciós. "El era partidario dun galego moi comarcal e enxebre, non sempre no mellor sentido. Nesta tradución, como el di no prólogo, desviste a Horacio da súa toga e faino camiñar polas corredoiras galegas", resumiu.

A xornada continuará pola tarde no Salón García (rúa Rey Daviña, 14) coas achegas de Armando Requeixo (Centro Ramón Piñeiro), Luciano Rodríguez (Universidade da Coruña) e Patricia Arias Chachero (IES Fermín Bouza Brey).

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar