Un pozo de luz para a decana dos poetas no seu aniversario

"Que sería de Luz Pozo Garza sen non houbese unha Real Academia Galega que a acollese con tanto amor e tanto cariño?". Emocionada, Luz Pozo Garza iniciou así as súas palabras de agradecemento ante o público que ateigou o salón de actos da RAG na homenaxe que lle rendeu hoxe a institución co gallo do seu 95 aniversario. A poeta referiuse tamén á súa decisión de pasar a escribir en galego, lingua na que publicou un libro por primeira vez en 1952. "Todas as linguas son boas, fermosas, necesarias pero distintas, porque a través delas interpretamos o mundo, o pensamento. Galicia acolleume con este cariño da Academia e xa son de Rosalía", engadiu tras lembrar os anos da infancia na que o seu pai lle lía versos da escritora fundacional das letras galegas.

Luz Pozo diríxese ao público que ateigou o salón de actos da RAG. Autor: Xosé Castro/RAG

 


Luz Pozo Garza, no centro da imaxe, posa cos membros da Academia e as persoas que participaron no programa do acto de homenaxe que se lle rendeu polo seu 95 aniversario. Autor: Xosé Castro / RAG


A palabra de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e a música, tan presente tamén na súa vida e na súa obra, brillaron esta tarde na Real Academia Galega. A decana dos poetas galegos en activo, que leva oito décadas creando versos, ingresou en 1950 na RAG como correspondente e é desde 1996 membro de número, como ela mesma lembrou. "Autenticidade, elegancia e beleza" foron as tres palabras escollidas polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para retratala na apertura do acto. Autenticidade, dixo Víctor F. Freixanes, "polo que conta" na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de "poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo".

Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace entre a xeración do 36 e os poetas da primeira posguerra. Empezou a publicar poemas sendo aínda moi nova, en Las Riberas de Eo, e en 1949 publicou o seu primeiro libro, Ánfora. Tres anos despois, en 1952, saíu do prelo o primeiro escrito en galego, O paxaro na boca, cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento e co que colleitou de novo excelentes críticas. Instalada definitivamente na lingua do país desde mediados dos 70, o seu último libro ata o momento é Rosa tántrica (2016) e segue a traballar nun novo título, Pazo de Tor. Ademais dos dezaseis libros de poemas que leva publicados, cómpre destacar o seu labor como impulsora da poesía creando e dirixindo as revistas Nordés e Clave Orión, a súa importante achega crítica, que inclúe os libros que dedicou a Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, e o seu maxisterio como catedrática de literatura no ensino secundario.

O serán deste 21 de xullo avanzou co recitado de dez poemas da homenaxeada escolmados por outros tantos poetas de distintas xeracións e as súas explicacións do porqué das escollas e o significado persoal da obra de Luz Pozo Garza. A compañeira e os compañeiros da Academia Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande e Manuel Rivas, quen foi tamén alumno dela nas clases de literatura do instituto Monelos da Coruña; Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, novos poetas cando publicaron en Nordés; Eva Veiga e Olga Patiño, que se visibilizaron como poetas ao tempo que tomou o relevo do facho poético outra xeración, e Yolanda Castaño e Olga Novo, parte desas novas voces que emerxeron a mediados dos anos 90, fiaron así versos de Concerto de outono (1981), Prometo a flor de loto (1992), As arpas de Iwerddon (2004) e Rosa tántrica (2016). Tamén se escoitou un poema inédito elixido polo académico Salvador García-Bodaño, de cuxa lectura se encargou a académica correspondente Olivia Rodríguez, quen conduciu o acto. Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume editado pola RAG co gallo do 95 aniversario de Luz Pozo Garza, Un pozo de luz, coordinado por Olivia Rodríguez.

O opúsculo, co que se agasallou o público, inclúe tamén as olladas sobre a obra de Luz Pozo Garza que achegaron o poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética, Claudio Rodríguez Fer, e o académico Xesús Alonso Montero; así como os tres poemas da homeaxeada dedicados a Rosalía de Castro que foron interpretados, sobre a partitura creada para eles polo compositor e profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Gabriel Bussi, na voz da soprano Patricia Rodríguez Rico acompañada do Quinteto Cimarrón.


Un momento da actuación de Patricia Rodríguez Rizo e o Quinteto Cimarrón. Autor: Xosé Castro / RAG


"Unha poeta do amor con maiúsculas"
Xesús Alonso Montero definiu a Luz Pozo Garza como unha "poeta do amor con maiúsculas". "Na súa extensa e dilatada obra poética, Luz constrúe, esencialmente, un peculiar universo amoroso que, dun xeito ou doutro, sempre ten que ver con ela ou sempre abrolla das súas experiencias, ensoñacións ou lembranzas amorosas", salientou o académico. "Decenas e decenas de poemas, desde bastante nova ata hoxe, son incursións luminosas e reveladoras nese universo, ás veces atravesadas por acento místico, nunca retórico nunha muller que en ningún momento perdeu o sentido relixioso da existencia, nun ser humano para quen é natural a dimensión sagrada de certos aconteceres", engadiu. Xesús Alonso Montero deteuse nunha das súas obras, Medea en Corinto (2002), poema polifónico no que profundou no camiño da poesía dramática por encarga dos latinistas Andrés Pociña e Aurora López, e no que galeguizou o mito grego. Nel, Medea soña coas Illas Cíes, o escenario dalgúns dos recordos máis felices dos momentos que a autora compartiu co seu grande amor, o tamén poeta Eduardo Moreiras.

Para Claudio Rodríguez Fer, se por algo se caracteriza a poesía de Luz Pozo Garza é pola "luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística". A súa é "unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar", resaltou. O crítico realizou un percorrido por distintas obras da autora, desde Ánfora e O paxaro na boca, pasando polas obras dunha "idade de madura plenitude galaica e amorosa en lingua galega e en clave moi vital", representada por Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986); e ata títulos como Prometo a flor de loto (1992), libro elexíaco dedicado a Eduardo Moreiras; As vodas palatinas (2005), "unha poesía leal, real e trascendente do amor vivido, revivido e compartido máis alá da morte"; Sol de medianoche (2014), un diálogo coa súa neta falecida; Ribadeo, Ribadeo (2002), a "expresión lírica" da "chamada da terra e da mar orixinarias"; ou Rosa tántrica (2016), "un sublime diálogo con Borges na procura dunha iluminación mística e dunha transcendencia integradora que cifran a conxugación de vida e poesía características da autora".


Luz Pozo Garza conversa co presidente da RAG momentos antes do inicio do acto. Autor: Xosé Castro / RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar