Presentación de 'Amada Liberdade'

Este libro de memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla deita unha visión singular sobre o acontecido en Galicia na segunda metade do século XX.
Teresa Barro, Alonso Montero e Manuel Bragado
Teresa Barro, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado


"Fernando Pérez-Barreiro foi unha personalidade de grande orixinalidade no panorama das nosas letras, un erudito en saberes moi particulares, como por exemplo, o da lingua e literatura chinesas", con estas palabras principiou, o pasado 24 de maio, Alonso Montero a súa evocación do finado polígrafo ferrolán. O presidente da Academia destacou do libro a importancia dos capítulos dedicados á nenez e á infancia do seu protagonista, "verdadeira patria do home, como dixo Rilke", e sobre as páxinas dedicadas no mesmo a Piñeiro concluíu: "máis que unha crítica, constitúen unha verdadeira homenaxe".

"Estas memorias son un libro pouco habitual na literatura galega, tanto polo seu propio xénero, moi pouco cultivado nas nosas letras, como polo gran calado intelectual do seu autor, que deita unha luz nova sobre o relato do galeguismo nos últimos cincuenta anos", comentou o editor Manuel Bragado na súa intervención, e engadiu: "Este libro posúe tamén unha dimensión ensaística moi relevante pola gran capacidade de reflexión de Pérez-Barreiro sobre o vivido, que moitas veces resultará polémico para o lector, e que veñen ditadas pola súa radical independencia cosmopolita". Entre os temas tratados, Bragado destacou as análises da Transición política en España, da constitución do estado das autonomías, e a súa "deconstrución" da figura de Ramón Piñeiro.

A escritora e tradutora Teresa Barro, viúva do autor do libro presentado postumamente, revelou a xénese do seu proceso de creación a partir dunha serie de diálogos mantidos entre os dous en 2007, que ela mesma se encargaba de transcribir, e que quedaron sen finalizar. "Foi unha mágoa que non lle dese tempo a ofrecernos a súa visión do feito poético ou da política internacional, que o apaixonaba polo que contiña de diferenza e discrepancia, contra outras visións máis xerárquicas e unificadoras". Lamentou Teresa Barro, que rematou o seu discurso salientando a orixinal interpretación de Galicia, "feita con profundidade intelectual e poética", ofrecida nestas páxinas, e que constitúen, "o derradeiro labor de patriotismo que fixo Fernando".

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar