Oito termos optan a se converter na Palabra do Ano 2017

O Portal das Palabras acaba de abrir a votación da na que se decidirá cal é a Palabra do Ano 2017. O proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié recibiu na primeira fase desta iniciativa, do 4 ao 17 de decembro, máis de 6.700 achegas de usuarios e usuarias que propuxeron cerca de 900 palabras diferentes. As finalistas son, por orde alfabética, afouteza, eucaliptización, independencia, sapoconcho, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero. A votación permanecerá aberta á participación de todas as persoas que o desexen ata as doce da noite do 25 de decembro, día de Nadal, na seguinte ligazón: http://portaldaspalabras.gal/palabradoano/. Nas tres edicións anteriores as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014).

As candidatas son en total oito palabras, dúas máis ca noutras ocasións, xa que se rexistrou unha participación significativamente máis alta ca outras veces e as palabras seleccionadas son termos asociados a situacións dunha grande intensidade informativa. Só nas primeiras 24 horas chegaron preto de 900 propostas e nos días seguintes, con moita antelación respecto ao cambio de fase, xa se defiron as tendencias das finalistas.

As aspirantes a se converter en Palabra do Ano cumpren todas elas os seguintes criterios: están á cabeza das máis repetidas entre todas as que chegaron; son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza mediática e máis impacto social do ano; e teñen, as máis delas, un valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico, ben por seren terminoloxía de nova creación, por exemplificaren usos singulares ou por seren colocacións léxicas de plena actualidade.

Na elección da Palabra do Ano 2017 pode participar calquera persoa. Só cómpre ter en conta que non se poderá votar máis dunha vez desde o mesmo equipo por período de vinte e catro horas e que tampouco se admitirán votos de máis de tres dispositivos por enderezo IP. A palabra gañadora, a máis votada de todas, será dada a coñecer o mércores 27 de decembro.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 19 de xaneiro de 2018 / 19:30 h
Celebración dos 40 anos da revista 'Encrucillada'

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 377

Boletín da Real Academia Galega
nº 377

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar