"O pulo que lle deu á literatura infantil é unha das grandes achegas de Carlos Casares"

El mesmo manifestou que a literatura para os máis pequenos non lle interesaba especialmente e deixou para ela un número reducido de títulos, e malia todo isto Carlos Casares deulle un importante pulo a este xénero. Saliéntao no "Cuestionario Carlos Casares" a especialista neste eido Montse Pena, en referencia tanto ás obras que escribiu para o público máis novo o autor protagonista do vindeiro 17 de maio como ás novas coleccións que puxo en marcha como editor en Galaxia. Empezando por A galiña azul (1968), unha das obras casarianas favoritas da profesora da Universidade de Santiago "pola súa defensa da diferenza e por apostar pola liberdade nun tempo de ferrollos e miseriais morais".


Montse Pena. Autor: Pedro Rey.


Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
O legado de Casares pódese visualizar a partir de tres pezas fundamentais: a herdanza que deixou como autor, a que deixou como editor e a que deixou como activista cultural, entendendo isto último nun amplo sentido. Da primeira destacaría tres binomios básicos da súa obra: lirismo e humor fronte a violencia, realidade como posuidora de ocos (case máxicos) polos que pode entrar o mundo do fantástico e, por último, a procura desa sinxeleza que tiña detrás un inxente traballo e cuxo último obxectivo era a comunicación efectiva co lectorado. Como editor, o seu legado ten que ver coa posibilidade de abrir camiños case infinitos, en tanto puxo en marcha a modernización de Galaxia dende o punto de vista gráfico, inaugurou novas coleccións para o público infantil e xuvenil (Tartaruga, Árbore e Costa Oeste), volveu pular polo ensaio (seguindo a tradición que a editora iniciara coa revista Grial) ou apostou pola poesía con Dombate. En grande medida, a orixe da Galaxia que coñecemos hoxe é o resultado da súa formulación do que debía ser unha editora adaptada aos novos tempos. Como activista cultural, foi unha persoa moi preocupada dende os seus anos de estudante pola normalización lingüística, o que se pon de manifesto, por exemplo, na súa teima en pular pola literatura infantil. Creo que, hogano, recuperar ese espírito sería bo. O idioma está cada vez máis oculto e vivimos nun estraño espellismo, porque quizais as redes nos fagan pensar que o galego ten máis presenza social da que realmente ten. Boto en falta voces máis comprometidas e referenciais.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Volvería apuntar en dúas direccións. Os meus intereses persoais como investigadora lévanme a sinalar en primeiro lugar o pulo que lle deu á literatura infantil (a pesar de que el ten manifestado que era un ámbito literario que non lle interesaba especialmente, mais considero que valoraba moito dos libros para nenas e nenos que lle permitían xogar e ser máis libre do que era nos textos para o público adulto). Primeiro como autor, ao participar e gañar logo as dúas primeiras edicións dos premios convocados pola asociación cultural O Facho (o de conto, que gañou con A galiña azul en 1968, e o de teatro, que gañou en 1973 con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas). Despois"A aposta que fai ao escribir 'Toribio' é tamén unha mostra de que sabía que a literatura galega debía seguir innovando, polo que crea a primeira serie protagonizada por un personaxe" como tradutor, especialmente nos anos en que o galego entra no ensino, entre o 78-79 e o 83, por sinalar un marco temporal un chisco amplo. E por último, como xa dixen, como editor. A aposta que fai ao escribir a serie de Toribio, publicada a partir do ano 91, é tamén unha mostra de que sabía que o campo literario galego debía seguir innovando, polo que crea a primeira serie protagonizada por un personaxe que desenvolve en cinco libros. A idea, considero eu, era crear unha especie de Teo á galega e adaptado aos novos tempos, cos avances tecnolóxicos en primeira plana. Por outra banda, considero tamén moi importante o seu papel como "embaixador" da cultura galega, nun tempo en que esta estaba demasiado pechada sobre si mesma. Seméllame moi importante a súa capacidade de achegar a diferentes persoeiros a ela e de tentar exportala, nun momento en que a idea era altamente novidosa.

Que vixencia conserva a súa creación?
Coido que toda e que, neste sentido, estas ben poden ser unhas Letras Galegas vivas. Como escritor, unha das mensaxes fundamentais da súa obra é a defensa da tolerancia e o rexeitamento de calquera tipo de violencia, sexa no contexto que sexa. No mundo de hogano, non pode haber verdade que nos obrigue a mirar con máis perspectiva ca esta. Como persoeiro público, poderías estar máis de acordo ou máis en desacordo coas posturas adoptadas, pero faltan máis persoas que procuren o consenso como semellaba facelo el. E iso, nunha sociedade ultimamente máis preocupada polo aparente e por figurar que polas ideas de fondo, cómpre valoralo enormemente.

Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Nunca coñecín a Casares e tan só o vin unha vez en persoa, na inauguración dun curso, cando era unha estudante de segundo de Filoloxía Galega. Son, sobre todo, unha das tantas lectoras a quen fideliozu a través das súas columnas de "Á marxe" en La Voz de Galicia. Eu era adolescente e asombrábame a súa capacidade para falarnos do seu gato Samuel hoxe e abordar os problemas económicos do mundo mañá, sempre coa mesma sinxeleza. De aí pasei á súa obra literaria. Gústame sinalalo porque é un camiño semellante ao que percorreron moitas das súas lectoras e lectores.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares?
Téñome que quedar con dúas. A galiña azul, pola súa defensa da diferenza, por apostar pola liberdade nun tempo de ferrollos e miserias morais e O sol do verán, polo seu lirismo, polo simbolismo e pola aprendizaxe sobre os amores imposibles.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Xoves 14 de decembro de 2017 / 20:00 h
'Eduardo Pondal, poeta na Coruña', conferencia de Manuel Ferreiro

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar