"O discurso claro e comunicativo da súa obra é o que mellor define o legado de Casares"

A profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia coñeceu a Carlos Casares nos tempos de estudante universitaria en Santiago. Compartiron, conta, lecturas, ideas e tardes con Ramón Piñeiro. "Débolle parte do meu galeguismo inicial", confesa no "Cuestionario Carlos Casares". Naquela etapa viu medrar e saír do prelo Vento ferido, un dos títulos destacados da produción literaria de Casares xunto a Ilustrísima, Os mortos daquel verán e Os escuros soños de Clío, valora a experta en lingua e literatura galegas.
Camiño Noia

Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
Unha obra escrita cun discurso claro e comunicativo iniciada dentro do movemento da Nova Narrativa.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
No ámbito popular, sen dúbida, as columnas de "A marxe", que lía moita xente do común. No ámbito da historia da literatura galega creo que Vento ferido, Ilustrísima e Os mortos daquel verán son os que mellor resisten o paso do tempo, ademais de Os escuros soños de Clío, aínda que os contos que contén este libro teñen moitas pegadas de Borges e de Cunqueiro.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
No tempo que vivimos as súas pegadas son evidentes. Ademais de deixarnos a súa obra, o modelo implantado por Ramón Piñeiro e continuado por el no control das institucións galeguistas, Fundación Penzol, RAG e Consello da Cultura, segue activo nos seus continuadores.

Que vixencia conserva a súa creación?
Como dixen, as obras citadas antes creo que conservan a súa vixencia total, aínda que, lamentablemente, non sexan lidas polo estudantado actual. Entre o lectorado adulto non teño datos, mais sospeito que tampouco se le a obra de Casares como cando el vivía e escribía a diario na prensa.

Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Foi compañeiro meu de carreira desde terceiro a quinto curso e fomos amigos durante ese tempo. Teño moi bo recordo del nesa etapa, compartimos lecturas, ideas e a camilla de Ramón Piñeiro. Débolle parte do meu galeguismo inicial. Volvín tratalo na derradeira etapa da vida, estiven con el horas antes de morrer; mais as lembranzas que teño nesa época da súa frenética actividade non son tan positivas coma cando o coñecín. A preocupación por manterse no centro do sistema cultural galego non lle permitiu manter a relación cos amigos e, prestarlle máis atención á familia.


Camiño Noia e Carlos Casares, no centro da imaxe, na casa da catedrática, en Nigrán, no ano 1990. Á esquerda, Xan González Millán e Esperanza Caneda e á dereita, Xulián Maure.


Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
Vento ferido porque está ben escrita e describe a sociedade que compartimos, mais tamén porque a vin medrar e saír do prelo. Ten un gran valor afectivo. Gústanme tamén Ilustrísima (unha xoia) e Os mortos daquel verán, un exercicio excelente de literaturizar o discurso xudicial, ademais de tratar un asunto importante da nosa historia contemporánea.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar