O cupón da ONCE difunde a figura literaria de Carlos Casares

Cinco millóns e medio de cupóns da ONCE difundirán o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a festa da nosa literatura e a figura homenaxeada este ano, o escritor, articulista, editor e xestor cultural Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941 – Nigrán, 2002), membro de número da Real Academia Galega desde 1978. O cupón foi presentado esta mañá na sede desta institución nun acto no que interviñeron o seu presidente, Víctor F. Freixanes; Håkan Casares Berg, administrador da Fundación Carlos Casares e fillo de Carlos Casares; Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE Galicia, e Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial da ONCE Galicia.

Pola esquerda, Manuel Martínez Pan, Víctor F. Freixanes, Håkan Casares Berg e Carlos Fernández Lamigueiro posan co cupón que porá a venda a ONCE o vindeiro 17 de maio co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Carlos Casares. Autor: RAG


Víctor F. Freixanes agradeceulle á ONCE a edición deste cupón polo que significa de apoio e proxección exterior da literatura galega e dunha iniciativa, o Día das Letras Galegas, que a Real Academia Galega creou en 1963 rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro. Aquelas primeiras celebracións do 17 de maio, "case clandestinas", convertéronse hoxe nun fenómeno no que participa "toda a sociedade civil, que é a que sostén un país", salientou. O presidente da RAG aproveitou ademais a ocasión para agradecerlle á ONCE o traballo que realizar para lle achegar a literatura galega ás persoas invidentes, un labor no que espera que ambas organización poidan colaborar.

Manuel Martínez Pan referiuse tamén á vontade da ONCE de "fomentar o coñecemento da cultura galega" entre os seus afiliados e afiliadas e de exercer de "embaixadores da cultura galega" empregando o vindeiro 17 de maio o cupón, a súa tarxeta de presentación, para "facer acompañamento á festa da cultura galega".

Håkan Casares Berg agradeceu esta homenaxe a Casares, "fermosa, diferente", e capaz de "chegar a todo o mundo". O fillo do autor confesou que ten "unha significación especial", xa que na familia era habitual participar nos sorteos da ONCE. "Incluso gañamos algún premio. A ver se temos sorte e o día 17 toca", dixo con humor Håkan Casares Berg, quen engadiu que o protagonista do Día das Letras Galegas compartía coa ONCE unha "vocación social" que o levou a se implicar en moitas iniciativas orientadas a paliar as desigualdades.

Unha figura poliédrica
Carlos Casares publicou en 1967, sendo aínda estudante universitario, o seu primeiro libro, Vento ferido, cuxos relatos foron un auténtico anticipo da prosa sinxela e efectiva, e do gusto polas historias próximas, galegas e ao tempo universais, que foron sinais de identidade da súa literatura. Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul ou a súa última obra, O sol do verán (2002), son outros dos títulos que o converteron nun clásico da narrativa galega da segunda metade do século XX. Súas son tamén algunhas das obras máis emblemáticas da literatura galega para o público máis cativo, como A galiña azul (1968) ou a peza teatral As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973).

O protagonista do Día das Letras Galegas 2017 cultivou ademais cun grande éxito de público o xornalismo literario e foi un dos persoeiros destacados do seu tempo no eido da xestión cultural. Dirixiu a editorial Galaxia desde 1986 e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996 ata o seu pasamento. Cómpre mencionar tamén a súa participación na vida política da transición e os primeiros anos de democracia: foi membro do primeiro Parlamento de Galicia, no que xogou un papel importante na redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística (1983).

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar