Entrevista a Xesús Alonso Montero

O presidente da Academia expón nesta entrevista, entre outras cuestións, a súa visión sobre o rol da Academia na sociedade galega de hoxe, a situación actual da lingua, a vixencia de Cantares Gallegos ou a importancia do legado de Roberto Vidal Bolaño.
Xesús Alonso Montero
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero


O ensaísta e polígrafo Xesús Alonso Montero é autor de numerosos estudos sobre a lingua e literatura galegas publicados nas máis diversas formas; desde o ensaio e a edición crítica, ata a antoloxía ou o informe. Desde o pasado 20 de abril, é tamén presidente da Real Academia Galega.

Que papel pensa vostede que debe cumprir a Academia na sociedade galega actual?
A sociedade galega debería saber que a nosa institución está comprometida coa causa da nosa lingua, ben entendido que en Galicia existan outras entidades centradas tamén no estudo do noso idioma (ILGa, facultades de filoloxía, etc). Agora ben, só a Academia ten unha facultade da que as outras carecen: por lei, temos a obriga de codificar o idioma, de establecer a norma culta –tanto escrita como oral-, e de producirmos os instrumentos (gramáticas, dicionarios, manuais de pronuncia,…) que, nas mans dos usuarios do idioma, lle permitan coñecer a relación e os criterios idiomáticos establecidos pola Academia.

Alonso Montero
Alonso Montero

Que obxectivos ten marcados a Academia para os vindeiros anos?
O noso obxectivo está esbozado nas palabras anteriores, sen perder nunca de vista que o noso labor abrangue aínda un número maior de responsabilidades. De feito, o Artigo 1 dos nosos Estatutos establece que a Academia se esforzará na ilustración, defensa e promoción da lingua galega. E neste sentido, nós temos a obriga de continuar o que se vén facendo desde hai moitos anos. Na nosa intención está facelo coa maior dedicación e amplitude posibles, realizando actividades de toda índole que redunden na nosa promoción, na nosa defensa e na nosa ilustración.

Nestas datas fanse 40 anos da publicación do seu Informe –dramático- sobre la lengua gallega, que mudou, ao seu parecer, na situación da nosa lingua ao cabo de todo este tempo?
En efecto, fai xusto agora corenta anos publiquei, en Madrid e en castelán, un libro cun título un pouco rechamante: informe dramático. Daquela eu puña o acento nunha cuestión: que o noso idioma estaba ameazado seriamente se canto antes non se puña ao seu servizo o sistema educativo, os medios de comunicación e se incrementaba a súa presenza nas modalidades literarias de consumo masivo (banda deseñada, novelas populares, etc). Todo iso e algo máis, a presenza do galego no parlamento, por exemplo, conseguiuse en liñas xerais a partir de 1980, pero o certo é que o galego segue a perder falantes, o que é moi preocupante. Porén, o galego, debido a que desde esa data vivimos unha situación política e legal distinta e mellor, ten acadado algúns avances significativos que eu non imaxinaba sequera en 1973: miles e miles de galegos menores de corenta anos saben ler e escribir hoxe a súa lingua, proveñan do medio rural ou da burguesía urbana, e a actual sociedade ten como referentes persoas consideradas importantes que usan o galego, aínda que só sexa en situacións litúrxicas. Todo isto deu lugar a que o anterior proceso de substitución do galego polo castelán sexa hoxe menor, e que a lingua galega acadase un prestixio en certos ámbitos que antes non tiña. Dito dunha maneira un pouco brutal: se hoxe vivisen Franco ou Arias Navarro, esta entrevista nosa non existiría.

Neste ano celebramos tamén o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, que vixencia conserva hoxe ese libro?
A Academia está sumamente interesada este ano na definición e promoción de Cantares Gallegos. Non en balde, ese é o libro auroral das nosas Letras, e non esquezamos tampouco que o Día das Letras Galegas naceu, en 1963, con música rosaliana, para celebrar o centenario da súa publicación. En todo caso, os letraferidos que teñan un pouco de erudición e de sensibilidade histórica, agradecerán sempre que exista un libro coma este, un libro escrito hai 150 anos que é o retrato máis cálido e verosímil de como vivían e pensaban as clases subalternas galegas naquel tempo.

Alonso Montero
O presidente durante a entrevista

Finalmente, este ano celebramos, por vez primeira, un Día das Letras dedicado a un dramaturgo, que opinión lle merece a obra de Roberto Vidal Bolaño?
Este non é un 17 de maio coma os outros, e eu fálolle en serio cando lle digo que é San Dezasete de maio, un santo laico que ten un patrón distinto cada ano: unha vez é unha poeta, outras un polígrafo, e este ano temos un home de teatro (autor, actor, director e mesmo empresario) e aí reside a novidade: non hai, na biografía do Día das Letras Galegas, e son xa 51 nomes, unha figura tan centrada no feito teatral como a de Roberto Vidal Bolaño. Eu creo que Vidal Bolaño é un pouco o home que recolle , no 76 e 77, o chamamento do que significou Abrente (Ribadavia) na escena galega, unha escena que xa contaba cunha figura excelsa, a de Manuel Lourenzo. No clima de Abrente, a voz de Bolaño -en certo modo, o noso Aristófanes- é unha voz non convencional, que explora mares que non foran antes navegados, ou foran moi pouco navegados. Vidal Bolaño, como outros grandes dramaturgos, fíxonos pensar máis e facer incursións en esferas da realidade moi pouco exploradas. Eu teño a esperanza de que, a partir do vindeiro 17 de maio, Vidal Bolaño sexa ben difundido, intelixentemente representado e sexa tamén aplaudido. Non merece menos.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar